Un museo para gardar festas vivas

O Museo Galego do Entroido inicia o seu labor coa intención de ser un referente sobre esta celebración

O Museo Galego do Entroido inicia o seu labor coa intención de ser un referente sobre esta celebración
Fotografía do Facebook do Museo Galego do Entroido
Tardou máis dunha década en se facer realidade e foi en 2015 que se inaugurou oficialmente o Museo Galego do Entroido. Na actualidade, xa aberto ás visitas cun horario fixo, o equipo que o xestiona está a iniciar unha serie de proxectos que pretenden face do centro moito máis que unha exposición de máscaras. Este espazo de Xinzo é un exemplo de cómo está a mudar a consideración do Entroido na nosa sociedade e promete achegar moito ao coñecemento e á divulgación sobre a celebración.

Desde o anuncio de que a antiga praza de abastos de Xinzo ía acoller o museo de Entroido, alá polo ano 2000, ata a inauguración oficial pasaron 15 anos. Sucesivos retrasos no equipamento e na xestión do espazo, tentativas fugaces de apertura, anuncios de investimentos e mesmo protestas veciñais marcaron o demorado proceso polo que este proxecto chegou a se facer realidade. En realidade non foi ata o final de 2016 que o espazo comezou a funcionar con persoal e programa propios. Un acordo entre Concello e Deputación permitiu dispor do orzamento para contratar a xestión deste espazo, que recaeu na empresa Produción e Xestión Cultural. Na actualidade dúas persoas, un coordinador e un encargado de mantemento, manteñen aberto o espazo e organizan as actividades propias do centro.

Alén do local
Non deixa de ser significativo que a apertura do centro coincida co maior interese polos aspectos culturais desta festividade. Iván Prado, coordinador do museo, explica que, malia a estar nunha das localidades nas que o Entroido tradicional é máis coñecido, este espazo busca transcender o carácter local. "Falamos do Museo Galego do Entroido. Trátase de facer unha xuntanza de entroidos galegos, temos traxes das catro provincias. E mesmo contamos con traxes e máscaras portuguesas, coas que hai uns lazos moi estreitos". Dentro dos contidos, Prado salienta "a sala principal, que é tamén o final do percorrido polo museo. Temos alí os traxes máis memorables, a maior parte deles de Ourense, que é onde máis se vive aínda, ou onde máis aguantou a festa".

Alén da exposición
A incidir na necesidade de que o Museo sexa máis do que unha colección, o coordinador artellou, no comezo do mes de febreiro, unha primeira xornada de divulgación e análise sobre a festa. Na mesma, unha primeira mesa redonda reuniu a antropóloga Fátima Braña, a César Rodríguez, membro do comité do desenvolvemento do Ben de Interese Cultural (BIC) das mascaradas de Cantabria, e mais ao presidente da Academia Ibérica da Máscara António Pinelo Tiza de Bragança. A segunda sesión centrouse na preservación e na valorización dos ritos e tradicións do Entroido, e contou coa presenza de dos investigadores ourensáns Federico Cocho e Xerardo Dasairas, e mais coa de Bernardo Calvo, estudoso das mascaradas de Castela e León. Segundo explica Prado, con esta proposta "tentamos abordar varios temas que están na boca de todos, como o da declaración de Ben de Interese Cultural para o Entroido, ou a orixe desta tradición". A coincidir coa xornada abría tamén as súas portas a exposición fotográfica As raigañas do Entroido, que amosa as imaxes que Fernando García Seadur tomou en diferentes festas tradicionais. Na mesma liña, desde o Museo están a desenvolver un programa de visitas guiadas para grupos e a recibir tamén excursións escolares. "Temos a intención de que este sexa un habitáculo para salvagardar esta tradición e onde se acolla os investigadores que se preocupan polo tema", explica o coordinador.

Proxectos
Nesa liña, entre os plans inmediatos está ampliar a colección do centro. "O museo xa estaba totalmente cheo, pero estamos a traballar para conseguir traxes e obxectos que nos damos conta que teñen que estar presentes", explica. Entre as incorporacións máis recentes, unha figura do Loro Ravachol, que cada ano arde no Entroido de Pontevedra, que se incorporou aos fondos aínda o pasado 23 de febreiro. Canda a isto, desenvolver novos contidos interactivos ou conseguir a integración desta entidade na Rede de Museos de Galicia son cuestións que o equipo quere traballar.

Ademais doutras cuestións, como a turistificación ou o recoñecemento cultural para esta celebración, Iván Prado lembra un debate recorrente sobre o Entroido que cómpre abordar. "Hai discusións que se repiten durante toda a vida. Por exemplo, xa se falaba hai 20 anos e séguese a falar sobre se a tradición se debe perpetuar tal e como era ou se pode seguir e evolucionar. Hai grupos máis puristas e máis abertos, pero sempre hai unha confrontación". Desde o seu papel como coordinador do Museo, Prado pensa que "non se chegará a un punto común. Hai que entender que as tradicións que existen son tradicións porque están vivas, doutro xeito estarían esquecidas. Entón ten que estar viva na sociedade, hai que mantela, pero deixando tamén que evolucione de xeito natural". E para conseguir isto, o Museo Galego do Entroido pode ter moito que achegar.