Foto: Web da Mascarada Ibérica
Crecemento
Así, en xaneiro de 2015 celebrouse o primeiro encontro, con trece personaxes de diferentes entroidos da Península. Na segunda edición foron dezaoito as máscaras representadas, e na última edición, o pasado mes de xaneiro, chegaron a vinte e seis. Representantes de catro festividades de Portugal, do Entroido chantadino, dos Xenerais da Ulla das Madamas e Galáns de Cobres, unha ampla selección de quince festas ourensás, unha de Asturias, outra de Cantabria e dúas de Zamora percorreron as rúas das dúas localidades acompañados do son dos diferentes folións.
Intercambios e descubertas
O duro traballo de coordinación do evento vese, para Minas, recompensado. "Para min a maior satisfacción é que as máscaras se coñezan e falen entre elas. Así se explican similitudes, poden verse erros nos xeitos en que se reproducen determinadas mascaradas ou a xente pode buscar información sobre como eran os personaxes da súa zona para tentar reproducilos o mellor que poidan". Para a xente que non coñece estas tradicións, o atopalas por xunto "sorpréndelles, porque ven a similitude que existe entre as máscaras da provincia e tamén do resto de España e de Portugal. Todas teñen algo en común". "Así, por exemplo apunta que "na Vijanera de Cantabria a figura de principal son os Zarramacos, pero no fondo tamén está o oso que todos coñecemos aquí do Entroido de Salceda. Tamén na zona de Manzaneda había osos no Entroido, que se perderon, e seguramente aconteceu o mesmo noutras zonas", explica. Outras semellanzas que afloran ao ollar por xunto estes entroidos tradicionais, son "tamén a figura do touro e do toureiro que estaban en moitas áreas, e na nosa zona facíase a comparsa, que é moi parecida á comedia de Valdesoto, en Asturias, e que imos tentar recuperar para o vindeiro ano".
Promoción e reivindicación
"Eu se estou a loitar por isto é porque queres que se vexa que non é só unha festa, e tamén para que a xente veña visitarte ao concello", explica este activista do Entroido. "Está claro que para coñecer e vivir unha festa como esta tes que ir ao lugar. Pero eu considero que podes ir a outros lugares e facer intercambios culturais con outras entidades que fan representacións coma a nosa. Iso dálle riqueza tamén ao noso pobo", salienta. "Nós hai pouco estivemos en Cantabria, e agora para o noso Entroido veu xente de Santander que nos viron alí". A maiores, reivindica a importancia do traballo dos colectivos de base na recuperación do Entroido. "Con isto queremos tamén reivindicar Entroidos máis pequenos, que deben ter a mesma representación que outros. Nós en Viana non somos máis que as Bonitas de Sande, os Troteiros de Bande ou os Galos de San Pedro da Mezquita por ter declaración de Interese Turístico. Hai xente que está a sacar adiante festas en aldeas pequenas e con pouca xente que ten moito mérito. Aquí nunca o perdemos, e só tivemos que mantelo, pero eles, en moitos casos tiveron que recuperar o Entroido e loitar por levalo adiante".
Retos e proxectos
O feito de se celebrar nun contorno rural inflúe en moda medida no xeito no que se desenvolve o evento, e mesmo condiciona as súas opcións de futuro. "Temos un problema porque hai poucos aloxamentos. Este ano viñeron 174 persoas e ocupamos todos os hoteis e albergues da zona". De cara a vindeiras edicións, a iniciativa prevé dotarse de personalidade xurídica propia. "Imos tentar darlle entidade xurídica. Isto está a medrar e queremos tentar que se involucren os concellos". A maiores, os organizadores queren "completar o programa con conferencias, que veñan especialistas e falen das máscaras e tamén que se fagan obradoiros para que a xente se involucre e vexa o traballo que hai detrás".
Da rede de colaboracións que se tece a partir destes encontros están tamén a xurdir encontros. "Agora mesmo estamos en contacto continuo oitenta e dúas máscaras de toda España, queremos ir integrando neste grupo todas as máscaras que hai. Para o ano pretendemos facer unha convención na que cada un fale das súas e presentalas por xunto ao resto de España e do mundo". De certo a Mascarada Ibérica aínda ten potencial para dar moito que falar.








