Fragmento do cartel da II Xornadas sobre o Entroido de Galiza
Aspectos
Aínda que as xornadas non posúen unha orientación temática en cada edición, si que en ocasións "escoramos máis cara un tema", recoñece Quintía. "Buscamos temas propios, e interésanos que veñan falar tanto estudosos de entroidos concretos como a propia xente que fai e vive o Entroido. "Un ano centrámonos máis na música, da importancia do son e do ritmo e do seu sentido" nesta celebración, "na edición do pasado ano abordamos máis a cuestión da máscara, a súa fabricación ou o seu significado".
Edición 2017
Na xeira deste ano, que se vai celebrar entre o 9 e o 11 de marzo vindeiros, "imos dedicarlle case a metade das charlas ao tema da sátira e da transgresión dentro do Entroido. Pensamos que é un dos aspectos máis importantes da celebración, se non o que mais". No programa inclúense intervencións como a de Daniel Domínguez sobre o Entroido de Manzaneda, Jorge Minas e Iván Fernández abordarán a festa en Viana do Bolo ou a de Eloi Alonso, na que revelará a figura do choqueiro nas Mariñas Brigantinas. Na segunda sesión, Queta Otero-Morales repasará a historia do carnaval en Marín, Carolina Neira falará de xeito xeral a sátira no Entroido e Pedro Peón explicará o papel dos Pradicadores.
Actividades
Ademais das conferencias en si, as xornadas contan con actividades paralelas como as proxeccións de documentais (neste 2017 un dedicado ás Madamas e Galáns de Cobres) ou exposicións sobre a festa. "Nas pasadas edicións fixemos unha importante exposición de traxes e de máscaras tradicionais. Chegamos a ter máis de 18, pero nos últimos anos , pola complicación e responsabilidade de estar a manexar estes traxes que nos ceden asociacións de todo o país, optamos por unha mostra fotográfica".
Os interesados en saber máis sobre a festa, teñen pois a ocasión de vivila e, unha vez quitada a máscara, se achegar a este encontro cada ano.








