O potencial dos mapas da Xunta

Manuel Borobio: "O mapa máis interesante é o que está por vir"

| Santiago. Xermán Hermida | Seccións: Medio Ambiente
Compartir:
O potencial dos mapas da Xunta

Nos últimos anos, a Xunta de Galicia está facer públicos, a través do Instituto de Estudos do Territorio, unha serie de ferramentas cartográficas en liña. Entre estas atopamos algunhas que posúen un grande potencial a nivel arqueolóxico, patrimonial ou para coñecer a evolución histórica do noso territorio. O director do Instituto de Estudos do Territorio Manuel Borobio, explícanos as posibilidades e o obxectivo deste material.

Antigas imaxes aéreas de diferentes momentos que abranguen todo o noso territorio. Unha completa base de datos de toponimia. Unha aplicación que permite ver o que se agocha por baixo da vexetación. Os mapas que foi publicando de xeito aberto a Xunta ao longo dos últimos anos amosan grandes posibilidades para coñecer mellor o noso patrimonio e a nosa cultura. Dispoñibles para visualizar en liña ou para descarga, esta cartografía fai parte dun ambicioso proxecto que alcanza diversos ámbitos da administración e quere achegar novas ferramentas de decisión tamén ao conxunto da sociedade.
Manuel Borobio durante a súa intervención no TEDX Galicia
Manuel Borobio durante a súa intervención no TEDX Galicia
CG: Pensa que hai unha explosión actual arredor dos mapas? Ata que punto está relacionado coas novas tecnoloxías? Manuel Borobio: Máis do que un boom acontece que son máis accesibles e máis apropiables pola cidadanía. Desde que irrompeu Google mudou o xeito de entender a xestión da información xeográfica e demostrou que calquera cousa que ocorre acontece nun punto concreto é representable nun mapa. Esta é unha forma de expresión universal, como o xogo do mapa do tesouro que con catro elementos permitía chegar a un obxectivo, trátase dunha linguaxe universal, que é completamente accesible e apropiable pola cidadanía, grazas ás novas tecnoloxías pero tamén ás dispoñibilidade masiva dos datos.

A aplicación destes parámetros permiten que sexamos máis rápidos e máis certeiros na toma de decisións

Que vantaxes achegan os mapas para interpretar e coñecer a realidade? O que non se me ocorre é ningún inconveniente. Cun mapa podes saber onde estás e o que acontece arredor, interactuar coa contorna e ser máis áxil na toma de decisións. Desde pensar onde tomo un café ou onde teño unha farmacia ata como evitar zonas de risco ou de inundacións, tanto a nivel persoal como á hora de planificar o desenvolvemento de cidades. Falamos de cuestións como riscos, calidade ambiental ou cohesión social. Ademais, podemos pór en relación a información que ocorre nun lugar concreto con outras cousas e isto dá lugar a toda unha explosión creativa. Estamos a ver como a aplicación destes parámetros permiten que sexamos máis rápidos e máis certeiros na toma de decisións.

O mapa mais interesante é o que está por vir, o que imos facer de xeito corresponsable e solidario entre todos

Que mapas dos que oferta a Xunta destacaría a nivel cultural? Cales pensa que teñen un maior potencial aínda por explotar? Penso que a cartografía histórica é algo básico á hora de coñecer de onde vimos e como evoluímos. Desde hai un anos comezaron a se facer mapas que a nivel global e de xeito dinámico permitían representar elementos a indicar cando ocorrían. Nesa liña, integrar a cartografía histórica resulta moi importante para que investigadores e tamén a cidade poida saber como mudou ese territorio. Para min o mapa mais interesante é o que está por vir, o que imos facer de xeito corresponsable e solidario entre todos. A idea é que poidamos sinalar un elemento patrimonial de xeito interactivo e dialogar arredor do mesmo como sociedade. Aspiramos a elaborar unha cartografía que sexa como a mesa desde a que establecer esa xestión cotián. Agora mesmo estanse a inventariar sobre mapa os elementos de patrimonio localizados desde a Xunta, e este non debe ser un mapa estático, ten que servir para establecer este diálogo. Ata que punto pensa que se están a aproveitar esas posibilidades? O mapa ou a información que máis éxito está a ter é o voo do 56, tivo unha acollida fantástica. Penso que boa parte da demanda débese a que axuda á planificación e xustifica a existencia histórica de determinadas construcións, e ademais axuda a ver a evolución da paisaxe. Agora estamos a ortorectificar un voo anterior, dos anos corenta, que pensamos que pode funcionar moi ben tamén. Outra cartografía que está a ser moi demandada, sobre todo por técnicos e xestores do patrimonio é a LiDAR, que aínda hai moito partido que lle sacar. Trátase dun conxunto de puntos que temos de todo o territorio cunha densidade de medio punto por metro cadrado e aí, ademais da coordenadas, amósase se en cada punto hai solo, vexetación, auga ou outro elemento. É como obter unha máscara ou un escáner do territorio no que podemos quitar as coberturas vexetais e localizar mesmo mámoas ou elementos que non estaban ben ubicados. Do mesmo xeito, pódense localizar formas do terreo que indican que poden existir restos interesantes. O Instituto de Ciencias do Patrimonio está a desenvolver proxectos moi interesantes a partir deste material. O mapa máis interesante será o que sexamos capaces de debuxar a partir deste material. Agora mesmo penso que este é o mapa con máis potencial de cara ao patrimonio e arqueoloxía dos que temos. Un servizo básico que temos é que calquera información que ofertamos no web pode configurala o usuario para empregala nos seus programas informáticos e traballar con ela. Quizais esa sexa a nosa mellor ferramenta, permitir ese acceso.

Queremos xerar canles de diálogo, de xeito os datos sexan utilizables pola cidadanía e que se xere información a partir deles

Cales son os vindeiros proxectos nesta liña Agora mesmo estamos centrados en facer minaría, recolección de datos. Queremos garantir que a información que se oferta desde as Administracións é fidedigna e fiable, que son datos oficiais que se pode traballar a nivel profesional. Ao tempo, seguimos a liña de estandarizar os formatos, facilitar que sexa visible para a cidadanía. Un debate que se está a dar a nivel europeo é o xeito de aproveitar toda esa información que se xera masivamente e como se pode filtrar a máis fiable. A idea é crear unha infraestrutura que dará resposta a algo no que a cidadanía está por diante de nós. Falamos de expor o patrimonio cultural, natural, un plan xeral ou calquera instrumento e que o cidadán poida directamente dicirnos o que pensa que vai ocorrer ou que está a ocorrer neses puntos do territorio. Trátase tamén xerar canles de diálogo, de xeito os datos sexan utilizables pola cidadanía e que se xere información a partir deles, se reflexione se poñan en cuestión e que deste xeito nos enriquezan a nós ou a outros organismos. Polo momento pensamos que non hai moita consciencia do potencial que teñen estas ferramentas. Como estamos a traballar nos cimentos tampouco no poñemos a vender o piso piloto, temos pendente desenvolver a formación nese ámbito. O que xa fixemos foi formación dentro da Administración, tanto da Xunta como Local, e calquera técnico que estea interesado ten o noso apoio. Agora mesmo estamos máis concentrados na fase de consolidación do proxecto.
Que che parece esta nova?
82 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Mapas de cultura

Ver serie completa
Cartografías para atopar sentidos

Cartografías para atopar sentidos

Os mapas emocionais supoñen un xeito diferente de se achegar ao noso patrimonio inmaterial

Cartografías colectivas

Cartografías colectivas

O proceso de elaboración de mapas achega múltiples posibilidades de mobilización social

Mapas en conflito

Mapas en conflito

O potencial da cartografía para a denuncia e a mobilización social tamén se aproveita no noso país

O camiño dos mapas ata nós

O camiño dos mapas ata nós

Alejandro Lamas: "Galicia destaca pola cantidade de empresas dedicadas á cartografía que existen"

A cultura xeolocalizada

A cultura xeolocalizada

Cada vez máis iniciativas apostan polos mapas como un xeito de visibilizar o noso legado cultural

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Xunta de Galicia, Paisaxe, Arqueoloxía, Google

Claves

Entidades