O asentamento dos mapas como algo relativamente cotián e a súa pegada crecente na nosa cultura ten por tras toda unha historia. A apertura da tecnoloxía GPS para emprego civil, as posibilidades dos aparellos portátiles e a pegada inevitable de Google son algúns dos factores que favoreceron a súa ubicuidade nos últimos anos. Alejandro Lamas, director da empresa Sixtema e un dos promotores do proxecto Ikimaps, explícanos o xeito no que a cartografía se foi introducindo no noso día a día.
Que vantaxes pensades que achegan os mapas para interpretar e coñecer a realidade? Primeiramente que son bonitos, permiten amosar de xeito moi atractivo a información. Penso que todos podemos pasar horas sobre un mapa de Galicia a localizar diferentes puntos que fosen importantes para nós a nivel persoal ou como ocio. Ademais, facilitan achegarlle unha nova dimensión á información. Podemos ter datos nun Excel, e organizados por columnas non nos presentan unha tendencia clara, pero se os pomos nunha gráfica conseguimos detectalas, e o mesmo acontece se incorporas a variable xeográfica. Por exemplo, coas cifras de atropelos de animais salvaxes, se os pomos sobre un mapa e cruzamos esa información coa de redes viarias, podemos ver unha correlación entre as estradas e onde se producen esas mortes. E o mesmo con calquera outra información. Hai estudos que sinalan que entre o 70 e o 90 por cento da información é susceptible de ser xeoreferenciada. Claro que algunha pode ter máis interese do que outra. Semella que os dispositivos móbiles facilitan interactuar coa realidade a partir da información xeolocalizada Permítenos un xeito totalmente transparente para o usuario de manexar a información. En moitos dispositivos móbiles pódese acceder a contidos enriquecidos con multimedia, en aplicacións moitas veces orientadas cara ao turismo. Podo saber que ver, onde aloxarme ou comer e mesmo como chegar. No noso caso, coa peculiar orografía galega, estas son indicacións fundamentais.Hai estudos que sinalan que entre o 70 e o 90 por cento da información é susceptible de ser xeoreferenciada
Ata que punto a achega colectiva de datos está a ter contribuír na popularización dos mapas? Este xeito de traballo non é máis que lle dar unha pequena volta de traballo a un modelo xa existente que se empregaba con Blogs ou coa Wikipedia e parte da idea de que o mellor xeito de facer información é traballar de xeito colaborativo. Pouco despois de saír Google Maps houbo tentativas nesta liña como Tagzania ou Wikimapia, que permitían achegar información e elaborar mapas personalizados. Desde entón algunhas destas propostas fracasaron e outras conseguen triunfar. Nós tentámolo en 2010 con Ikimaps, e aínda que non resultou economicamente sustentable, acadamos máis 100.000 usuarios e máis medio millón de mapas creados e publicados. A idea era ter unha plataforma que permitise crear e compartir os mapas, e funcionou relativamente ben. A nivel galego, tanto para estas como para outras iniciativas nas que se xera información colectiva, penso que estamos bastante ben. Hai unha clara incubación de proxectos anovadores e en boa parte da sociedade presentan un uso xeneralizado. Algo curioso que acontece en Galicia é que nos congresos deste ámbito destacamos pola cantidade de empresas dedicadas á cartografía que hai. En números absolutos podemos ser a segunda ou a terceira comunidade do Estados, en termos relativos desde logo somos a primeira. Pensades que se están a aproveitar as posibilidades destas ferramentas? Hai vida alén da simple xeolocalización? O grande problema histórico foi trasladarlle a cartografía á xente de a pé. Falamos dun proceso que é relativamente complexo, con coordenadas, proxeccións e unha serie de variables que inflúen en como se presenta a información. Así, os primeiros xeovisores eran moi complexos, pero Google aplicou a capa de sinxeleza que lle dá aos seus produtos e conseguiu facer fácil algo tan complicado como trasladar unha coordenada ou unha posición. Esta sinxeleza vaise consolidar, e a medida que a xente comprenda máis algúns conceptos, vai medrar de xeito exponencial a información deste tipo que se colgue en Internet. As ferramentas para a edición colaborativa non son unha moda, e a partir delas haberá información cada vez enriquecida. Agora temos moitos mapas temáticos, pero haberá sistemas de visualización que permitan facer un compendio de fontes, cruzar información e obter tendencias moi interesantes. Actualmente existen xa sistemas e estándares que nos permiten compartir a información deste xeito, pero falta que algún se constitúa en referente. Semella que o KML está a se impor polo uso diario. Coñecedes proxectos que vencellen mapas e cultura en Galicia? Pois boa parte da información que xera o Consello da Cultura Galega, con quen comezamos a colaborar cara a 2008, inclúe xa compoñentes xeográficas. Así, un proxecto como o das Escolas da Emigración ten como principal fonte de navegación o mapa. Por outra banda, a Xunta de Galicia continúa a apostar claramente por pór en valor toda a información cartográfica, e unha das iniciativas máis espectaculares foi a publicación das fotografías do denominado Voo Americano. Trátase das primeiras imaxes aéreas de Galicia con carácter global, e permiten facer unha lectura clarísima da nosa orografía e paisaxe e da súa evolución.Galicia destaca pola cantidade de empresas dedicadas á cartografía que existen







