Cartografías para atopar sentidos

Os mapas emocionais supoñen un xeito diferente de se achegar ao noso patrimonio inmaterial

Os mapas emocionais supoñen un xeito diferente de se achegar ao noso patrimonio inmaterial
O compostelán barrio de San Pedro conta desde o comezo deste verán co seu Mapa Emocional. Este rexistro de historias e lembranzas dos seus habitantes non é o primeiro destas características que existe na país, pero si o máis recente. Ao poucos, pequenos espazos de Galicia poden coñecerse neste formato, que amosa un xeito ben diferente de se relacionar coa xeografía máis próxima.

O concepto de Mapa Emocional leva xa varios a ter presenza a nivel internacional, con proxectos baixo este título en diferentes espazos. O colectivo Galicia Emocional, centrado no desenvolvemento deste tipo de proxectos, foi o responsable de desenvolver o mapa do barrio compostelán. Segundo explica Coro González, unha das coordinadoras desta iniciativa, "o mapa de San Pedro funciona como un arquivo de sentimentos e saberes sobre o pasado, o presente e o futuro construído a partir da participación comunitaria e interxeracional. A finalidade desta ferramenta é por en valor o patrimonio inmaterial como motor de identidade a través dunha participación inclusiva. Como obxectivos ulteriores búscase fomentar o coñecemento de patrimonio inmaterial e potenciar outras realidades que están na nosa contorna e que non se visibilizan polo xeral".

Os contidos
No mapa, dispoñible na rede, aparecen xeolocalizados e identificados diferentes contidos achegados pola veciñanza. Na súa maior parte trátase de audios, transcricións e fotografías que identifican a zona de que se fala, pero tamén vídeos. "O que se recolle son esas emocións e sentimentos sobre o contexto. Sempre estamos a falar do patrimonio inmaterial pero ao seu carón, máis esquecido, está o inmaterial, máis vencellado a esa identidade emocional das persoas. E pensamos que cómpre divulgalo para que se coñeza a riqueza que ten o contexto e que se poida ver a realidade no seu conxunto, dentro e fóra da propia comunidade. Cun mapa como este podemos amplificar a dimensión do contorno, cun arquivo da vida cotiá que amosa a realidade vivida e sentida da comunidade", explica González.

O barrio do mapa
Como resultado, este documento achega unha visión do barrio como un "contexto heteroxéneo, diverso e inclusivo. As opinións da xente son moi diversas, ao igual que os sentimentos e as vivencias sobre o contexto. E nós tentamos ser moi coidadosos para representar esa diversidade. Hai testemuñas dunha rapaza nova, unha persoa que emigrou, unha muller cabreada co contextos ou alguén que ten un amor fascinante polo lugar no que vive", lembra González. Para alén dos seus contidos, os coordinadores ven o mapa emocional como unha ferramenta para o futuro. "Un mapa emocional como neste caso é un espazo de intercambio comunitario. Unha ferramenta que permite pór a disposición de todo o mundo a memoria, a opinión ou os desexos. Vémolo como algo transformador". Nese sentido, González salienta que "a comunidade está a sentir o proxecto como seu. Vemos que a xente ten presente a existencia do mapa".

Traballo de campo
O desenvolvemento do proxecto implicou un traballo que foi moi para alén de recoller entrevistas e as xeolocalizar. "Fixemos unha análise documental para coñecer con datos a realidade local e atopámonos co diagnóstico sociocomunitario do barrio, unha ferramenta impulsada polas traballadores sociais municipais e nutrida por todos os axentes sociais da zona. Este traballo, publicado en 2016 deunos máis xeito á adaptación desta ferramenta. Vimos que cubriamos unha necesidade que estes mesmos axentes reclamaban, como era fomentar espazos de encontro interxeracional que desen valor tamén ao coñecemento das persoas maiores da contorna". Co apoio da Concellería de Políticas Sociais o colectivo comezou o desenvolvemento do proxecto, que implicou un intenso traballo de campo. "Pensamos nun sistema de residencias que facilitase unha inmersión no barrio durante un mes. Canda a isto, buscamos a colaboración de xente para recoller testemuños, tanto do barrio como de xente que ten unha rede comunitaria. Co apoio do Concello e dos axentes sociais puidemos achegarnos a espazos aos que non chegariamos doutro xeito", advirte.

Participación
A reacción os entrevistados foi para alén da expectativas iniciais. "Había moita xente interesada en participar e achegar contidos. Fixemos entrevistas concertadas, pero en certo momento tivemos que reformular a idea básica porque tiñamos moito material. Contabamos cun deseño previo, pero ao aproveitar a espontaneidade do contexto e a interacción da vida diaria, foron aparecendo cousas que a xente quería contar que houbo que se adaptar". Dentro da participación da xente, o equipo coordinador comprobou que nunha grande medida as persoas que colaboraban tiñan un especial interese en contar as súas lembranzas. "Hai moitos espazos que vivimos agora que tamén espertan sentimentos vencellados ao pasado. Lugares simbólicos do barrio que permanecen vivos non só como lembranza, senón tamén a nivel emocional. Tamén atopamos inquedanzas de cara ao futuro, temas que poden estar quentes no momento actual do barrio. En xeral todo vencellado a como sentimos o barrio no presente e que agardamos del no futuro", lembra González.

Os responsables
Galicia Emocional, o colectivo que botou a andar a iniciativa, naceu ex profeso para este proxecto, pero conta con antecedentes. Unha das persoas que fan parte deste colectivo, o músico e activista sonoro Nacho Muñoz participou no Mapa Subxectivo de Valadares. "Esta foi unha microexperiencia moi enfocada en termos de xénero, e vimos que se podía transformar e adaptar esta idea ao barrio de San Pedro", explica Coro. Canda a eles, fan parte do colectivo Ágata Dzianch, deseñadora gráfica e arquitecta de interiores; Gonzalo Suárez, profesional Audiovisual e da Comunicación, Fernando Lema, profesional das Artes Visuais e mais Fabián Delgado, antropólogo socio cultural e mariño. Como continuidade do proxecto, o colectivo pretende desenvolver novos mapas. "Estamos no momento de recoller por escrito todo o vivido e experimentado nestes meses. Agora queremos valorar a sustentabilidade deste proxecto. Queremos ir soltando o mapa de San Pedro para que se encargue a propia comunidade, e a nosa intención é poder transportalo a outros barrios. Estamos abertos a desenvolver outras propostas deste tipo sempre que atopemos contextos e persoas que comprendan este tipo de experiencias".

Futuro
Para alén de novos mapas, unha das grandes preocupacións do colectivo é garantir a continuidade do mapa de San Pedro. "O obxectivo é que perdure no tempo, que non se perda na rede. Sería estupendo que a propia rede sociocomunitaria fixese forza para manter isto e que sinta o proxecto como seu", sinala González. Dentro das primeiras aplicacións do mapa estivo a creación de San Pedro Manual de Instrucións, un audiopaseo que permite se achegar ao lugar a través dun roteiro no que se van escoitando historias cotiás como as recollidas no mapa. "É un exemplo das accións que se poden desenvolver desde o mapa. É unha proposta artística preciosa inspirada en cousas que contou a xente". Marcos PTT coordinou unha iniciativa que, aínda que se pode desenvolver de xeito autónomo, contou con sesións guiadas no marco das festas do barrio o pasado mes de xuño. "Vemos que que permite un contacto directo coa realidade e dinamiza a ferramenta", explica González.


OUTROS MAPAS
Antes do de San Pedro, outros mapas emocionais (ou subxectivos ou sensoriais) foron aparecendo por Galicia. Así, o colectivo Gruby Punkt, responsable do xa mencionado Mapa Suxectivo de Valadares, elaborou tamén outro sobre a viguesa Praza da Princesa. No mesmo achégase un retrato do lugar a través das vivencias de diferentes persoas sobre os seus principais elementos. Os seus membros desenvolveron proxectos semellantes fóra do noso país con mapas en Polonia e Alemaña.

Mapa Subxectivo da Praza da Princesa

Os mapas subxectivos de Gruby Punkt

Cartografías sensibles
Desde a Comunidade de Montes de Vincios apostaron tamén por un formato similar, baixo o título Cartografías Sensibles. O seu mapa achega está "ateigado de historias, testemuñas, músicas, lendas, topónimos, oficios, muíños, pontes, actividades de lecer e lugares que fisicamente xa non están pero que permanecen na memoria dos nosos avós". Fotografías, vídeos, entrevistas, audios e textos intégranse nun proxecto que achega novas capas de significado ao territorio que retrata.

Vincios.org

O mapa pintado
Canda a eles, outras propostas teñen apostado, desde diferentes ópticas por integrar o compoñente emocional na nosa xeografía. Unha das máis coñecidas foi Mapa Emocional de Compostela que creou a pintora María Meijide en 2014. Segundo explicaba na presentación do proxecto trátase "dun mapa de autor, unha peza de ilustración-pintura que aspira a converterse en el hit del verano (toda unha aspiración!); un referente emotivo no que recoñecernos, unha visión próxima e espontánea do espazo que habitamos, a CIDADE, onde a localización e o tamaño das cousas responde a un rexistro subxetivo, que non cartógráfico, máis, quen sabe?, tal vez este rexistro nos aproxime mais do que outros métodos a unha íntima realidade de Santiago de Compostela".

Mapa emocional de Compostela

A arquitectura emocional
Doutra banda, propostas audiovisuais como Videodinamizarte aproveitaron o formato para elaborar un retrato da vida das Pontes. A vivencias e as perspectivas dos seus habitantes sobre os espazos urbanos configuraron o proxecto Urbanismo Emocional. Segundo explica esta empresa, a proposta "parte da idea de mirar os espazos comúns para os habitantes da vila que son á vez particulares de cada un. Esta particularidade vén dada polas vivencias asociadas a eses percorridos cotiás que enchen de vida e significado a realidade de cada veciño e veciña e que, ao ser compartidos, crean comunidade".

Urbanismo Emocional

Presentación de Urbanismo Emocional no web de Videodinamizarte

O mapa como exercicio audiovisual
Tamén desde o festival Olloboi partiron dunha idea similar para artellar a participación de diferentes grupos escolares dedicados ao audiovisual. Un total de 150 alumnos de diferentes centros do país amosaron o pasado mes de xuño as súas visións da vila a partir de entrevistas e testemuños facilitados pola organización. Como resultado, un mapa con diferentes versións dos mesmos lugares e dos mesmos temas, segundo a ollada e a información seleccionada polos participantes.

Urbanismo Emocional

Biomapping turístico
Desde outra perspectiva, cómpre lembrar o Mapa Emocional Turístico (MET) de Arousa Norte, un proxecto nado da man do artista Christian Nold e do seu concepto de biomapping. A iniciativa artellou un mapa a partir das reaccións (medidas con sensores) de corenta participantes en catro roteiros pola zona. A partir destes datos, obtivéronse unha serie de mapas nos que se reflicten esas emocións e se completan con declaracións dos propios participantes e propostas de accións na contorna.

O MET de Arousa Norte