Óscar Losada e Alba Ceide presentan a BD A tese de Margot

A obra recolle a historia da investigadora alemá que estudou o galego nos anos 20

Este 25 de agosto bota o fecho a campaña de financiamento colectivo para financiar a edición de A tese de Margot. Non entanto, esta banda deseñada con guión de Óscar Losada e debuxo de Alba Ceide xa se puido adquirir en diferentes postos do recente festival Viñetas desde o Atlántico e ten previsto iniciar en setembro a súa xira de presentacións por todo o país.

A obra, de 64 páxinas a toda cor, repasa a biografía de Margot Sponer, filóloga alemá que realizou unha tese doutoral pioneira sobre a nosa lingua nos anos 20. Para alén do seu período en Galicia, onde coñeceu importantes persoeiros da cultura da época e chegou a colaborar na revista Nós, a BD segue a súa traxectoria como profesora na Universidade de Berlín nos tempos do nazismo.