Viñetas desde o Atlántico volta a ollada a Iberoamérica na súa 27 edición

Un total de 18 exposicións protagonizan o festival de cómic da Coruña entre o 12 e o 18 de agosto

O Concello da Coruña acollía este 4 de xullo a presentación dos nomes que participarán na vixésimo sétima edición de Viñetas desde o Atlántico. O festival de banda deseñada da Coruña enfronta a súa primeira xeira con Manel Cráneo como director a contar cun programa que reúne 18 exposicións, cinco das cales compoñen un programa paralelo en colaboración con diferentes entidades. Diferentes localizacións da cidade acollerán as propostas do evento entre os vindeiros días 12 e 18 de agosto.

Os arxentinos Lucas Varela e Kundo Krunch e o brasileiro Marcello Quintanilha compoñen a sección de convites internacionais do evento. Canda a estes nomes, a barcelonesa Genie Espinosa, que asina o cartel desta edición, estará acompañada dos cataláns Susanna Martín e Marc Torices, da madrileña Yeyei Gómez e mais do ourensán Jorge Campos a protagonizar cadansúa mostra individual no programa. Estas súmase a exposición dedicada ao Premio Castelao de BD do último ano, que amosará os traballos de Paula Mayor e Cristian F. Caruncho.

Segundo adiantou Cráneo, a xeira achega "unha aposta importante na súa parte expositiva" e salienta como "un dos puntos fortes desta edición" a recuperación dos convidados internacionais. Para el, "os fíos que unen esta edición nas mostras oficiais son as temáticas sociais e a banda deseñada independente e experimental".

O programa completo do evento darase a coñecer ao longo dos vindeiros días no web oficial do festival, a incluír "charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil", segundo adianta a organización.