O pasado 7 de marzo facíase oficial o nomeamento do debuxante, editor e dinamizador Manel Cráneo como novo director de Viñetas desde o Atlántico. O festival de banda deseñada da Coruña, considerado o segundo máis importante do Estado logo do de Barcelona, inicia unha nova etapa coa que será a súa 27 edición. Cun cartel de Genie Espinosa, o encontro celebrarase entre os vindeiros 12 e 17 de agosto, co reto de estar á altura dun legado histórico.
A dimisión de Miguelanxo Prado da dirección de Viñetas desde o Atlántico en marzo de 2023 deixaba no aire a continuidade dun formato creado e mantido durante 25 anos polo recoñecido autor galego. A edición dese ano saíu adiante con menos brillo do que as anteriores a base dun programa preparado apresadamente. Logo desa transición, este 7 de marzo de 2024 dábase a coñecer o nome do novo coordinador do evento. Manel Cráneo, responsable de Demo Editorial, antigo membro da directiva da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) ou coordinador do proxecto Coruña Gráfica, que dá a coñecer mediante diferentes actividades, encontros e publicacións o traballo de artistas da BD e da ilustración da cidade, toma as rendas do encontro con importantes desafíos por diante.
Contacto previo
Lonxe de ter acabado de chegar, o novo director acumula unha longa relación co festival. "Como autor participo desde hai moitos anos, e como editor, con Demo Editorial hai quince que levo un expositor na feira". Segundo lembra "estar tantas edicións a pé de rúa dá unha perspectiva moi achegada ao funcionamento do encontro, permite coñecer problemas que se poden solucionar e cousas que sempre foron ben". A maiores destas experiencias como usuario "durante catro anos coordinei actividades paralelas, fundamentalmente exposicións de autores galegos na Ágora, obradoiros de creación de BD para crianzas e adultos ou a creación dunha banda de rock propia do festival que facía actuacións polas prazas da cidade. Aínda que, como digo, era unha programación paralela que non participaba do que era o núcleo da organización do festival".
Da transición á nova normalidade
O cargo chégalle nun momento no que "quería dedicarme a outras cousas", recoñece. En plena xira de presentación da novela gráfica Cinza e con proxectos de exposicións pendentes, Cráneo planeaba dedicar un tempo a desenvolver máis a súa faceta de autor fronte ao traballo de dinamización de BD que leva anos a ocupar grande parte da súa axenda. "Tiven moita presión de compañeiras e compañeiros do sector que me animaron a ocupar o cargo", lembra.
Xa no pasado ano foi escolleito para coordinar boa parte da edición de transición á que se enfrontou o evento. Nesa ocasión, segundo Cráneo, "non fixen nada alén do que fago en Coruña Gráfica e proxectos similares. Artellei unha exposición de artistas locais, fixen o cartel e coordinei algunhas actividades no Teatro Colón. Pero do resto da organización da feira, como o comisariado de exposicións ou charlas, non tiven nada que ver". Segundo salienta, esa xeira non se pode tomar como referencia para o que pretende ser Viñetas en adiante. "Foi unha tentativa de sacar adiante a edición coa mellor vontade por parte do equipo técnico da concellería de Cultura, que non ten experiencia no sector da banda deseñada".
A feira e a comunicación
En canto ás mudanzas que se achegan para o evento, o novo director recoñece que "sempre hai cousas que mellorar, nalgúns casos problemas que son alleos á organización en si". A partir da súa experiencia como editor, recoñece que "preocúpame moito a parte da feira de BD", espazos de venda e promoción que ocupan os Xardíns de Méndez Núñez durante o evento. "Neste espazo comercial hai anos que se acumulan as queixas sobre o estado de deterioración das casetas. Iso é complexo de amañar porque hai un contrato do concello cunha empresa por un prazo concreto para levar ese servizo, e non se pode mudar dun día para outro. Pero debe haber unha intención de mellorar esa Rúa da BD, temos que pensar que aí veñen editoras e autores de toda España, e é necesario atender máis esa parte e as actividades que propoñen tanto editoras coma librarías". Outras melloras na xestión que Cráneo ve necesarias son "anunciar a programación moito antes do que se facía, para permitir que a xente que vén de fóra poida planificar a axenda con máis dun mes de antelación e teñan claro o que vai pasar aquí". Canda a isto, anuncia melloras no apartado da comunicación. "É un obxectivo contar con información actualizada do evento, traballar as redes sociais de xeito continuo. Aí vese que o festival está vivo, cómpre un traballo potente nese campo".
Máis apoio á autoría galega
A traxectoria de Cráneo como editor e dinamizador enfocado na promoción da BD galega, fai pensar nunha maior presenza do panorama do país no festival. Neste sentido recoñece que "os autores e autoras galegas sempre tiveron sempre presenza no programa de Viñetas, pero o mesmo hai que os tratar como algo non testemuñal e facer que gañen protagonismo. Por exemplo, non pode ser que a exposición que recolle anualmente os premios Castelao de BD se anuncie só como 'Exposición Premios Castelao'. Hai que lles pór a eses autores e autoras nome co mesmo tamaño que o resto, teñen que estar tamén nas sesións de firmas e participar das actividades. Paréceme fundamental proxectalos e que poidan introducir no mercado". Nun sentido similar, a promoción da creación galega entre as editoriais que visitan o evento é outro dos obxectivos para a nova etapa. "Viñetas ten que ser unha plataforma para que as autoras e autores do país se introduzan do mellor xeito posible no mercado estatal e internacional. Este é un papel que o festival xa estaba a cumprir dun xeito informal, ao permitir que se coñecesen ao compartir espazos e actividades, pero cómpre unha vontade da organización por favorecer estes contactos".
Coordinación co Autobán
Unha das novidades que se adiantan neste sentido é un incremento na coordinación do Autobán, encontro de autoedición que se celebra na Coruña de xeito paralelo a Viñetas. "A comunicación é directísima. A xente que o organiza é da miña xeración, somos os que faciamos fanzines nos anos 90. Para min o Autobán ten que ser parte indispensable de Viñetas. Organizado de xeito autónomo pero incluído na programación. A min paréceme interesantísimo que este proxecto estea aí porque achega algo que o festival non tivo estes anos, que é o interese polo cómic independente, experimental e alternativo. A autoedición é un caldo de cultivo que cómpre fomentar, hai que pensar que o mercado alternativo cada vez é mais forte, e está a se amosar na proliferación de citas de autoedición como o Fun Fun Fun en Santiago ou, a nivel estatal o Graf. Contar co Autobán paréceme unha asociación indispensable, tentaremos darlle toda cobertura e axuda que sexa posible. Podo adiantar que haberá actividades coordinadas entre as súas citas".
Manter elementos diferenciais
Encol das cousas que cómpre manter do festival destaca "algo que xa fixo moi ben o anterior equipo que é o agarimo co que sempre se tratou os autores convidados. Isto é algo de premio, tanto a falarmos do coidado nas exposicións que se programaron como no tratamento ás propias persoas". Así, o novo director ten claro que, a seguir a liña xa desenvolvida, "a clave do festival reside na autoría, e isto témolo claro tanto eu como o Concello. Agora mesmo, que estamos nun momento crítico coa Intelixencia Artificial e os problemas lexislativos para os creadores, temos que defender a creación humana e os dereitos de autor. Existen festivais que teñen o seu punto forte no ámbito comercial, como é o Saló del Còmic de Barcelona, aquí ten que seguir a ser a autoría".
Exposicións dixitais
Outro aspecto no que Viñetas quere continuar como referente é nas súas exposicións, nas que as páxinas e debuxos orixinais foron sempre a base. "A idea é que continúen a ser o máis atractivas posible", apunta nunha liña de continuidade. Como novidade, sinala a incorporación de obras realizadas con métodos dixitais a este apartado do programa. "Estamos nunha época na que autores do máis destacado non teñen orixinais en papel, e non podemos discriminalos por esa causa á hora de programar exposicións. O orixinal en papel debe convivir con obras que se fixeron en dixital, sempre recollidas en formatos de calidade. Temos que ver como se pode presentar isto, pero ao final debemos ter claro que a creatividade é un acto mental, e que a arte final pode facerse con pincel ou cunha tablet. Non podemos fechar os ollos á transformación tecnolóxica que está a vivir a profesión".
Apoio municipal
Sen querer entrar en cuestións concretas sobre o programa da nova edición, o director recoñece que hai moito traballo que facer. "Cómpre crear todo desde cero. Non existe un manual sobre como se fai o Viñetas, e cómpre inventar unha fórmula". No entanto, o novo director salienta a implicación municipal no futuro do festival, unha das cuestións que Prado sinalaba como causa da súa renuncia. "Vexo o equipo de Cultura do Concello totalmente involucrado e preocupado, son moi conscientes da importancia que ten Viñetas tanto na cidade como a nivel estatal", destaca Cráneo.
Contento pola recepción que tivo o seu nomeamento, Cráneo apunta que "o día que saíu a noticia recibín máis de 120 parabéns, e iso púxome moi nervioso. Agardo que cando acabe esta edición tamén me feliciten, eu agora só penso na responsabilidade de facer as cousas o mellor posible", conclúe.