Fútbol, paternidade e guerra protagonizan os últimos lanzamentos da BD galega

Óscar Losada e Xulia Pisón recuperan a historia dunha pioneira do deporte en Irene a porteira

A Universidade da Coruña presentaba este mes de maio unha nova banda deseñada. Con guión do xornalista Óscar Losada e debuxo de Xulia Pisón, Irene a porteira recupera a historia de Irene González Basanta, unha coruñesa que xogou ao fútbol nos anos vinte do pasado século, sendo un caso único a nivel mundial na súa época. A obra está á venda a un prezo de 14 euros en diferentes librarías de todo o país.

Pola súa banda, o recoñecido debuxante José Domingo acaba de lanzar como autoedición Papá hace lo que puede. Esta obra de 28 páxinas, á venda por cinco euros, compila unha serie de historias curtas sobre paternidade que o autor publicara en redes sociais durante varios meses de 2022. E, tal e como estaba previsto, Edicións Xerais lanzou este mes de maio O caderno de Rama, obra coa que Ánxel Carramal Fernández gañara o premio O Garaxe Hermético de banda deseñada.

Tamén neste mes, a coincidir coa celebración do Día das Letras, a cadea de supermercados Gadis puxo na rúa o fanzine Tirabeque. Esta publicación recolle historias breves de Carlos Arrojo, Lidia Cao, Manel Cráneo, Cuchiflainas, Berto Fojo, Jano, Julia Lago, Le Petit Patito, Ro Ledesma, Laura Mahía, Pepa Prieto Puy e deVillamisar co eixe nos supermercados e na experiencia da compra. O volume, do que se imprimiron 30.000 exemplares, distribúese nos propios establecementos da marca promotora e pódese descargar de balde no web da iniciativa.