Agro e cinema: No ronsel de Cans

Diferentes perspectivas traballan na relación entre a sétima arte e o medio rural

A agardar para entrar no hórreo de Bugarín. Cans 2013. Foto: Rafa Costas.
A agardar para entrar no hórreo de Bugarín. Cans 2013. Foto: Rafa Costas.
A aldea porriñesa de Cans inicia hoxe a XI edición do seu festival de curtametraxes. Un evento que cada ano acada un maior eco e que amosa as posibilidades de achegar un evento como este ao medio rural. Non é o único. Propostas recentes como o Festival Internacional de Cinema Rural Carlos Velo ou o Cinema Palleiriso que vai abrir en Chantada amosan o interese crecente por esta relación no país.

Os chimpíns, o agroglamour e os galpóns como salas de cinema foron desde o comezo sinais de identidade de Cans. Hai once anos, este festival de curtametraxes comezaba a súa andaina a explorar as posibilidades de organizar un evento dedicado ao cinema nunha aldea galega e reivindicar o carácter rural do seu contorno. Cun destacado impacto internacional e un peso indiscutible no panorama audiovisual galego, Cans amosou as posibilidades dunha combinación que ata entón fora pouco explorada no país. A coincidir con outras iniciativas que apostan por novos xeitos de cultura fóra das cidades, tamén o cinema está a abordar nos últimos anos este ámbito deste diferentes enfoques.

Espazos de exhibición
Unha das propostas mais recentes neste campo é o Cinema Palleiriso, a proposta de restaurar unha antiga palleira de Chantada para a empregar como sala de proxeccións. A proposta, malia a parecer anovadora, non dista moitos dos primeiros espazos nos que se exhibiron filmes, da man de compañías itinerantes, en moitas aldeas do país durante o século XX. O cineclube Os Papeiros, canda á Federación de Cineclubes de Galicia impulsa esta iniciativa. Segundo explica o presidente desta última entidade, Manuel Precedo, "a idea era facer un encontro en Chantada para celebrar os trinta anos da federación, pero o auditorio que hai alí é bastante complicado de empregar. Así que como un xeito de rebeldía, buscouse unha vella palleira e comezou a se rehabilitar con vistas a celebrar alí o encontro o vindeiro mes de xuño". Detrás deste proxecto puntual, Precedo salienta a necesidade de recuperar infraestruturas culturais no rural. "Desde os tempos nos que proxectos como Suevia Films de Cesáreo González desenvolveran unha infraestrutura para levar os filmes a aldeas e vilas foron desparecendo moitos destes espazos. A día de hoxe, que xa é difícil que o cinema se poida sustentar en vilas e cidades, nas pequenas aldeas non chega nin o cinema comercial".

Distribución alternativa
Desde esta perspectiva, Precedo reivindica o traballo que desde hai anos desenvolven os cineclubs. " En lugares como a comarca do Arenteiro, o Barco de Valdeorras ou Cangas son a única opción para ver cinema". Así, destaca a importancia que as agrupacións deste tipo no medio rural teñen no seo da Federación. "Temos 22 cineclubs, acaban de solicitar o ingreso un de Viveiro e un de Noia e sabemos que están a se constituír un en Lalín, ante o feche dos cinemas comerciais da vila, e outro en Boiro". O Carballiño ou Goián son lugares que contan tamén con agrupacións deste tipo. "Vemos que hai interese da xente de non perder o cinema. Cando o sector industrial está en crise é normal que se dea unha certa expansión dos cineclubs, que ao final teñen os mesmos obxectivos cos que naceu esta arte nos seus comezos". Malia a que vencellados polo xeral a propostas alternativas ou pouco comerciais, Precedo recoñece que na programación dos membros da federación hai de todo. "Hai programacións de todo tipo. Cos recortes académicos cómpre ás veces programas cousas que vaian encher a sala para que unhas proxeccións dean para soster outras".

Festival Carlos Velo
Outra proposta que bota a andar este ano é o Festival Internacional de Cinema Rural Carlos Velo, unha proposta que verá a súa primeira edición o vindeiro mes de xuño en Cartelle. Neste caso, canda ao lugar de celebración, o evento aposta por un achegamento temático ao medio non urbano. Segundo explica Inés Vázquez, unha das organizadoras do evento, "a idea naceu como un xeito de reivindicar a figura de Carlos Velo, que nos parece un referente no documentalismo que, malia a ser de Ourense, non é moi coñecido aquí". Dentro a extensa carreira profesional deste cineasta, as asociacións Arraianos e Lareira Pop, impulsoras da proposta, optaron por se centrar nas propostas vencelladas ao rural. "Ten moitos documentais feitos sobre este mundo, moi interesantes, e coincide tamén co noso propio interese por este ámbito. Queremos empurrar cousas que non sempre se fan en grandes cidades ou núcleos culturais. En sitios pequenos hai tamén inquedanzas e xente que quere facer cousas". O festival nace así con varios obxectivos "aínda que cinema e rural poden parecer dúas cousas afastadas, queremos rescatar o traballo de Velo e, canda a isto, visibilizar máis a xente que traballa no rural".

Temática rural
Logo de fecharen a pasada fin de semana o prazo de inscrición de traballos para este evento, a organización conta con 150 producións para seleccionar dos que arredor dun cento son de ficción. "Aínda non as estamos a ver e pensamos que non todas cumpren as bases, pero sorprendeunos ter esta resposta". O éxito da convocatoria semella indicar a existencia dun interese internacional por explorar esta relación da sétima arte co mundo rural. "Vemos que desde España, Galicia e todo o mundo hai moita xente a facer cousas moi interesantes. O rural pode semellar unha realidade esquecida, afastada ou mesmo algo apestada, pero unha grande parte da poboación vive aí. Existen moitas historias que se dan no rural e hai que as contar". Alfonso Pato, director do Festival de Cans apunta encol do cinema galego e a súa conexión co rural que "a maior relación que vexo é ultimamente é un cinema máis contemplativo e no que a paisaxe é un elemento moi relevante. Hai varios filmes, a maioría nas liñas de non ficción, que buscan ese camiño. Queda moito por facer pero algúns acadárono de xeito brillante. O mellor exemplo para min é Costa da Morte de Lois Patiño, un filme fermoso onde a pisaxe acada a dimensión dun actor protagonista e engole o espectador". Na base da reivindicación cinematográfica deste ámbito, Ines Vázquez apunta a democratización creativa que permiten as novas tecnoloxías como clave. "Facilitaron que calquera persoa poida construír un discurso propio, facer unha película ou unha cámara barata e o difundir, isto marca unha diferenza moi grande con outros tempos", explica.

Chantada Films
Non son estes, nin moito menos, os únicos xeito de vencellar o audiovisual co ámbito rural. En Chantada o colectivo Chantadafilms promove desde hai anos o Rural Underground, un xeito de facer cinema no que reivindican a lingua galega, a paisaxe do país, a participación dos veciños ou os núcleos tradicionais de poboación. Segundo definen na súa páxina, este "é un método expresivo de revolución estética vangardista, inventando e experimentando atrevidos recursos fílmicos. Utilizando para elo mecanismos narrativos para construir unha realidade alternativa que, apelando as emocións, consiga lavar as mentes e dobrar as voluntades. Curtas autóctonas saciadas na sombría e de inconscente dixestión da paisaxe percibida. Unha retrospectiva dun só bloque, cun determinismo artificial elexido para disfrazar o teu pensamento, para movilizar á opinión e intentar contribuir a crear unha contrarealidade."Proxectos como O labirinto ario, Punto e final ou Garabolis naceron a partir destas coordenadas.

A influencia de Cans
Inés Vázquez non dubida da importancia de Cans no panorama audiovisual e á hora de pór o foco no ámbito rural. "Penso que Cans inspira a calquera, é un festival estupendo onde os haxa. Nós non pretendemos ollarnos nel para facer algo similar, pero si que nos anima ao pensar que se alí fan algo que ten tanto éxito, pódense facer cousas desde lugares pequenos". Como grande diferenza co proxecto que agora comeza, Vázquez sinala que "Cans acolle todo tipo de proxeccións, mentres no noso caso a temática rural é imprescindible para participar. Aínda que este ano nós o celebramos en Cartelle, municipio natal de Carlos Velo, estamos abertos a o facer noutros lugares". Precedo, pola súa banda apunta que "Os festivais non deixan de ser unha festa, pero cubren unha semana, mentres o traballo dos cineclubes é cotián, aínda que non se ve tanto polos medios. Sen desmerecer para nada o que ten feito Cans, para nós o máis importante é o que se poida facer ao longo de todo o ano". Sobre se o éxito de Cans puido ter influencia neste enfoque, Alfonso Pato, director do evento, recoñece que "inicialmente non pensamos moito niso, en realidade nacemos un pouco como unha broma, pero a cousa fíxose máis seria e agora cómpre reflexionar pausadamente".

Máis participación
"Nun comezo eramos un festival que se facía nun contorno rural, pero agora queremos evolucionar, pretendemos que a dimensión do festival indica nunha transformación na aldea, que teña unha incidencia no territorio, na educación e formación das veciñas e veciños, nomeadamente a medio prazo. Qué queda no territorio cando levantamos o campamento e remata o evento? Iso é no que estamos a traballar", explica Pato. Así, a coparticipación preséntase este ano como a grande aposta no programa de Cans. "Os veciños participan nas propias obras que fan parte da programación, e iso fai que o agarden con moitas ganas. logo tamén están o proxecto Can Casette, co que se recuperan gravacións que conforman a memoria musical da aldea, o proxecto Can Sonoro sobre os espazos musicais que tiveron historia, as exposicións protagonizadas polos veciños ou o Can Campus, onde eles mesmos actúan e axudan aos alumnos da universidade a facer un videoclip". A estas iniciativas súmanse propostas como o habitual xurado de veciños para os premios ou o proxecto de recuperación de antigos carreiros da parroquia coa Fundación Juana de Vega.

Así, aos poucos, a idea é que o evento pase de se realizar no rural a conseguir a participación activa da xente. Para alén de se ter constituído nunha auténtica festividade local para os habitantes da aldea, e de ser imprescindible a súa colaboración para organizar o evento, esta cita busca incrementar a pegada no seu contorno inmediato. "No de levar a cultura ao mundo rural hai moito de "riquiñismo", da xente que di "ai mira que riquiños que meten cine nun galiñeiro. Iso valeu para un momento determinado ou pode servir para os anuncios de supermercados, pero é un concepto que debemos superar e ata desterrar", sinala Pato.
Canzine, o Xornal do XI Festival de Cans.