Unha das actividades do proxecto
Visitas
As parroquias de Eixibrón, Guilfrei, Armesto e Vilouta foron os escenarios das actividades do encontro. Visitar unha gandeira e saber como traballa, coñecer o ciclo do pan, visitar os espazos dunha aldea e saber como se organizaba ou entrar en contacto coa natureza nun souto foron algunhas das propostas nas que participaron os visitantes. No programa prestouse atención á nosa historia a visitar o dolmen e o castro de Vilouta e o xacemento paleolítico da cova de Valdavara. “Queriamos traballar a cuestión da historia, a importancia de a coñecer para saber onde imos. Aí atopamos unha enorme colaboración do equipo de Valdavara, co que botamos toda unha mañá na que os rapaces gozaron moito. Tamén quixemos reflexionar sobre o impacto dos proxectos mineiros que ameazan a zona”.
Illamento do rural
Algo que pode sorprender é que a maior parte dos participantes non coñecían o mundo do agro de xeito directo. “. En xeral era algo que tiñan moi lonxe. Agás dúas rapazas que vivían nas aldeas da zona, para o resto era un ámbito que non coñecían practicamente. Os nenos que viven en Becerreá teñen unha vida moi urbana, e aínda que logo íanse lembrando de historias da casa dos avós cousas como todo o proceso que hai que pasar para facer o pan resultáballes descoñecido” explica Olalla..
Crear para coñecer
A creatividade presentouse desde un comezo como un xeito fundamental de abordar os temas do proxecto. “Tentamos que os participantes tivesen experiencias vivenciais destas cuestións, e para isto a arte é unha ferramenta óptima. Logo tamén tentamos levar o teatro ou a música ao ámbito rural que ás veces semella que é un ámbito no que só se poden facer as actividades do concello ou as festas”. Os resultados están a se publicar nun blog no que se poden ler os haikus realizados polos participantes, ver como interpretan o campo a través dos seus debuxos ou contemplar vídeos. “Houbo momentos máxicos, como no momento de facer os haikus que os nenos foron polo souto cada un pola súa banda e houbo momentos de silencio total”. De xeito semellantes convidouse aos participantes a reproducir sons do monte e, coa colaboración dun músico, artellar unha orquestra con estes sons”.
Participación
A Viaxe Emocional naceu a partir da experiencia dunha das promotoras como mestra en Becerreá ao longo do último ano. “O proxecto leva meses a se desenvolver, houbo un enorme traballo previo de contactos”. Os promotores da iniciativa, seis persoas de diferentes ámbitos que se xuntaron arredor do proxecto, non contan nin sequera cunha entidade ou un nome que os defina, e desenvolveron a súa proposta ao amparo da asociación local Son de Cores. “Acolleron a proposta, fixérona súa e iso facilitounos moito chegar aos nenos”. Canda á asociación, os organizadores atoparon tamén unha resposta que cualifican de “extraordinaria” por parte das familias dos participantes. “Non contábamos con iso, organizábanse entre elas para traer os nenos, colaboraban nas actividades, fixeron unha festa de feche e mesmo participaron en excursións como a de Valdavara”, lembra Villaronga. “Entenderon moi ben que isto non era un campamento de verán senón que buscabamos algo máis”.
Satisfacción
A experiencia desde a organización preséntase como moi satisfactoria, e semella que tamén entre os participantes. “Ao final de cada semana facíamos unha asemblea cos nenos e sempre houbo unha reposta moi positiva. Sentíronse a gusto nos espazos e cosas actividades. Mesmo no propio grupo, no que había idades moi diferentes, entre 4 e 12 anos, e algúns con dificultades, funcionou moi ben. Traballamos dinámicas de cohesión grupal e viamos que os maiores lles cedían espazos aos máis pequenos e que xurdían relacións moi bonitas entre eles”, explica Villaronga. Malia a que as excursións xa remataron, o feche do proxecto será mañá, 1 de agosto, nun encontro para presentar as actividades que se coñecer e saber como recibiron as familias a iniciativa. “Queremos que nos conten que pensan e como se lle pode dar continuidade. A nós gustaríanos seguir adiante, pero tampouco somos quen ten que definir o proxecto, queremos implicar as familias”. Ademais da charla, está en construción o blog que dá conta das actividades realizadas. Ao longo dos vindeiros días novos vídeos, fotografías e debuxos amosarán os xeitos nos que os nenos e nenas participantes se achegaron ao rural no marco desta actividade.





