A familia que marcou a nosa música

Da tuna ao folclore, os Courtier fixeron parte da revolución musical galega do século XIX

17/12/2013 | Santiago. Xermán Hermida | Seccións: músicahistoria
34 lecturas | Compartido 0 veces

Retrato de Ricardo Courtier

Unha saga familiar con raíces catalás e suízas marcaron en boa medida o desenvolvemento da música galega nas súas vertentes cultas e populares. Un libro publicado por Alvarellos Editora en colaboración co Consorcio de Santiago recolle por vez primeira a historia da familia Courtier, que tivo unha influencia decisiva en ámbitos como a creación da tuna compostelá ou na configuración sonora da nosa música tradicional.
Formadores dunha xeracións de músicos, compositores, promotores e directores de bandas e grupos… A familia Courtier exemplificou a evolución da música e da figura do músico ao longo do século XIX no noso país, e deixou unha importante pegada na configuración do noso patrimonio musical. Alberto e Beatriz Montes Cancela presentaban este outono en Compostela La saga Courtier en Galicia, unha importante análise que nos revela as vidas e as obras de tres xeracións de músicos.

Juan Courtier
Nado en Barcelona de pai suízo, e Juan Courtier o primeiro membro da familia en se apousentar en Galicia, na altura de 1818. “Sabemos que se formara na música militar e que estivo como violinista nas catedrais de Segovia e de Sevilla”, explica a autora. O seu camiño troúxoo á Catedral de Santiago, en cuxa capela musical chegou a desempeñar o posto de primeiro violín. “Temos constancia de que exerceu a docencia do instrumento cos nenos da capela e que deu clases fora. Mativo contacto con músicos como Tafall”. O posto de primeiro violín pasou co tempo aos seus fillos Hilario e José, mentres un terceiro irmán, Juan Nepomuceno, aínda que vencellado tamén ao mundo musical, non chegou a ter a mesma importancia dos anteriores. “Cando Juan se retira, os seus fillos ocupan o cargo”. No entanto, os tempos mudan, e o papel dos músicos, tamén. “Eles asisten a unha evolución da sociedade que implica unha visión nova do músico, que sae da catedral e comeza a se expandir. Vai aparecendo a idea do músico formado e versátil, e así eles abranguen case todos os ámbitos e absorben as novas tendencias e repertorios”. De xeito paralelo a esta mudanza, nesta época “van abrindo cafés como o Casino onde se fan actuacións, aparecen grupos de cámara, sextetos e cuartetos, incorpóranse novas músicas de fóra”.

Hilario e José
Así, da segunda xeración dos Courtier, Hilario e José xa imparten clases en espazos como a Real Sociedade Económica de Amigos do País aos fillos da burguesía compostelá. “Foron moi relevantes no que respecta á formación e á configuración das novas xeracións de músicos”. Canda a isto, desenvolven un importante labor de dinamización no efervescente panorama sonoro da época. “Participan na creación de bandas, orquestras e outras formacións musicais en Santiago e na Coruña, onde se traslada José unha temporada” explica Cancela. “Mesmo atopamos referencias a composicións satíricas que Hilario Courtier facía para os grupos dos gremios de obreiros e de artesáns do Entroido”, explica a autora. “Daquela era unha cidade cunha actividade moi rica, aínda que a Coruña e Vigo logo se van enriquecendo, quizais Santiago fose o referente a nivel musical”.

A tuna, o Entroido e Rosalía
Estamos a falar das décadas dos anos sesenta e setenta do século XIX, cando os dous irmáns participan na creación da Tuna da Universidade de Compostela. E é que estas formacións, malia a ter as súas orixes na época medieval, decaeran coa prohibición do traxe de estudante a comezos do século XIX e só renacerían na segunda metade da centuria ao se permitir crear asociacións de estudantes. “Daquela eran estudiantinas pensadas para o Entroido que se ían organizando anualmente, e entre os organizadores estaban o Courtier. Xa daquela a tuna acadara unha grande importancia facendo xiras por toda Galicia e ata a Portugal”. A pegada dos Courtier na sociedade da época queda de manifesto ao descubriren os autores a José entre os músicos que participaron no funeral de Rosalía de Castro.

Ricardo e Os Trintas
No entanto, de todos os Courtier, sería Ricardo o que acadou unha maior sona na nosa música. Logo de se formar e de traballar en lugares como Barcelona e Madrid voltou finalmente a Galicia para se instalar en Trives. Desde alí desenvolveu un importante papel na configuración do noso folclore ao promover e apoiar o grupo Os Trintas, no que interviñan (aínda que con variacións, gaita, requinta, caixa e bombo. ”Foi fundador e compositor, adaptando moitas obras que perduraron no repertorio da música tradicional e achegando temas propios”, como Os Trintas, Blanca o Negra ou A Desperniquebradera. Pero, ademais de adaptar, Ricardo Courtier facía tamén traballo de recolleita. Así, topamos referencias a el como informante do Cancioneiro Gallego de Casto Sampedro”. E por se fose pouco, completaría a súa carreira co cargo de director da Banda de Música de Ourense, un cargo no que se preocupou porque a formación incorporase pezas de raigame tradicional e á que achegou composicións propias. Sobre o seu labor como compositor, Cancela apunta que “descubrimos unha peza súa, Morriña, para voz e piano, que é verdadeiramente preciosa” e que se suma á súa xa coñecida zarzuela Flor de Cardo.

No fondo do proxecto, Cancela destaca todo o que está pendente por descubrir na historia da música do país. “Hai moitísimo por descubrir, o século XVII é descoñecido para a música en Galicia. Tamén hai moito que traballar sobre o trasvase de músicos entre Galicia e a Emigración . Alberto está agora a traballar sobre Enrique Lens Viera”. Como desexo de cara ao futuro “agardamos que esta obra sirva para abrir camiño a máis investigacións e permita recuperar máis material. Sobre todo, gustaríanos que se toquen esas músicas, conseguir que se poidan escoitar con máis asiduidade estas obras que, ao fin e ao cabo, son moi próximas a nós”.

Bandas de música

Ver serie completa
18/11/2013

As bandas de música piden sitio

Increméntase o interese académico e a presenza pública destas formacións

16/09/2013

Os que levaron Beethoven á aldea

A bandas populares influíron de xeito decisivo na configuración da música galega

09/09/2013

125 anos de notas no rural

A banda de Música de Silleda cumpre este ano o seu 125 aniversario cun programa cargado de actividades

02/09/2013

Historia dunha banda

Unha tese reivindica a importancia da banda municipal de Ourense

Universo culturagalega.gal