125 anos de notas no rural

A banda de Música de Silleda cumpre este ano o seu 125 aniversario cun programa cargado de actividades

A banda en 1929
A banda en 1929
Unha traxectoria con máis dun século de historia converte a Banda de Música Municipal de Silleda nunha das máis lonxevas de Galicia, con 125 anos de música no rural galego. A gravación dun disco, a edición dun libro e unha exposición de fotografías históricas son algúns dos eventos que organiza a asociación bandística e que culminarán cun conmemorativo concerto de Nadal que non deixará indiferente a ninguén.

Baixo a batuta de Agulló

Ao longo de máis de cen anos a banda viviu moitas etapas e pasou pola man de infinitos mestres. Na actualidade e dende o 2006, a asociación cultural atópase baixo a dirección do valenciano Rafael Agulló. “Cando cheguei por primeira vez á banda atopeime cun grupo de xente que amosaba un profundo respecto polo que facían, pero que lles faltaba enerxía, ilusión, confianza e empatía. Deixaran de crer no que xa antes fixeran á perfección e iso tiña que recuperalo, por iso tentei inculcarlles todos eses valores”, recorda Agulló. Hoxe en día a banda está constituída por ao redor de 80 músicos con idades comprendidas entre os doce e os corenta anos. “As vantaxes de traballar cun grupo tan heteroxéneo é a dinámica de traballo e o maior grao de creatividade que se pode conseguir ao compartir escenario xente máis experimentada cos recentemente incorporados”, resalta Agulló.

A actividade da banda é incesante durante todo o ano, pois os seus integrantes non só acoden a festas por toda a xeografía galega, senón que ademais participan en actividades por toda España e incluso no exterior. Por este motivo e para ofrecerlle o mellor de si ao seu público, o traballo dos músicos é constante: “Xeralmente ensaiamos dous días por semana, que adoitan ser os venres pola noite e os sábados pola tarde; pero cando preparamos algunha actividade musicalmente máis esixente ampliamos os días de traballo”, comenta o director.

O repertorio da banda é moi amplo e varía duns concertos a outros aínda que, en xeral, abrangue dende pezas tradicionais ata adaptacións de diferentes xéneros musicais como pop, folk e incluso rock. “Á xente adoita gustarlle aquilo que coñece, como zarzuela, obras clásicas e rapsodias de música tradicional, por iso acostuman pedir pezas destas tipoloxías. Con todo, o público das bandas é cada vez máis novo, polo que tamén incorporamos ao repertorio pezas doutros estilos que adoitan resultar innovadoras”, comenta Agulló. Ademais, a de Silleda, é unha das poucas agrupacións bandísticas que pode presumir de ter varias obras musicais dedicadas á propia banda, como o pasodobre Silleda, composto polo mestre José Rafael Pascual Vilaplana; Exilieta, de Antón Alcalde, ou Silleda, pobo e música, realizada por Juan Lois Diéguez.

Un pasado con historia

A Banda de Silleda naceu alá polo ano 1888 grazas ao esforzo dun grupo de persoas que quixeron transmitirlle á vila de Silleda o seu sentir pola música. Os primeiros anos da agrupación foron de grande éxito e estiveron baixo o mando de directores como Carballo e López Brey. Porén, a chegada da Guerra Civil supuxo un enorme tropezón para a agrupación pois dos 26 músicos que tocaban só cinco se libraron de ir á fronte. Moitos dos integrantes faleceron na contenda e outros regresaron con secuelas.

Na década dos 40, a banda recompúxose e viviu a súa época de máximo esplendor, pero en 1977 a emigración volveu truncar o futuro desta asociación, ata o punto de que desapareceu durante varios anos, pois moitos dos seus membros tiveron que marchar en busca dun futuro mellor. Case dez anos despois, en 1985, a banda volveu rexurdir grazas ao esforzo dun grupo de antigos compoñentes que non se resignaron e quixeron continuar co labor musical. Pero nese caso non estaban sós pois recibiron o apoio da Asociación Feiral Semana Verde de Galicia e o do mesmo Concello, organismos que axudaron a que a agrupación seguise adiante.

Os seguintes anos foron a época de maior crecemento e despregamento da banda, que levou a cabo actuacións tan relevantes como a fundación da Asociación de Amigos da Banda de Música de Silleda, que aínda se mantén hoxe en día con máis de 400 socios; organizouse o primeiro festival de bandas da localidade e naceu a escola municipal de música, entre outras moitas. Os músicos percorrían a xeografía galega ensinando a súa arte polos localidades e a xente comezaba a recoñecer a importancia das súas actuacións. Os músicos deleitaban o público con pezas tan recoñecidas como “La leyenda del Beso” ou o pasodobre “Manolo Martín Vázquez”. Cómpre destacar o ano 1997 como unha época de vital importancia para a asociación cultural pois é o momento en que gravan o seu primeiro disco ao mando do director Javier Viceiro. Posteriormente, a banda estaría baixo a batuta de Xosé Luís Represas, Xosé Luís Quintás e Octavio Más Arocas, entre outros mestres.


Innumerables éxitos

Ao longo dos 125 anos de historia, a agrupación cultural viaxou por numerosas localidades da xeografía galega, por España e incluso polo estranxeiro con actuacións en cidades como Bos Aires e Lisboa, entre outras. Así mesmo, en todo este tempo, participou en varios certames a nivel provincial, autonómico e estatal. Ademais, gañou infinitos galardóns, como o segundo posto no certame nacional de bandas de música de Leganés, en Madrid, no ano 2002; ou o seu primeiro posto e a mención de honor no certame internacional de bandas de Villa de Altea, en Alacant, no ano 2010.


Un ano de aniversario

“Este ano 2013 é realmente importante para nós ao celebrar o aniversario da banda, todos os concertos serán especiais e a xente está moi entusiasmada”, comenta Agulló. Dende xaneiro, a asociación cultural iniciou un ano cargado de actividades de toda índole. Entre os eventos programados destacan a presentación do seu último disco, que se fará no mes de xuño; a exposición A Nosa Banda, en xullo, que contará con fotografías antigas e actuais da agrupación; e, un mes máis tarde, a presentación do libro sobre a historia da agrupación, no que se recollerán anécdotas variadas. Para culminar o ano, no mes de decembro celebrarase un concerto especial polo 125 aniversario da banda. O director, Rafael Agulló, adiantou que: “Queremos que sexa algo moi emotivo e especial, por iso temos preparada algunha sorpresa para deleitar o noso público”.

O sentir de Silleda

A banda de música de Silleda, por tanto, é o sentir musical, a paixón e, sobre todo, parte da historia dunha vila que se amosa totalmente entregado a esta agrupación. Rafael Agulló sinala que, ante todo, ademais da música, “unha banda debe de ser o vehículo cultural, social e artístico dun lugar”.

A banda ao longo do tempo

A banda ao longo do tempo

Fotografía de 1929.

A Coruña, agosto de 1958

A Coruña, agosto de 1958

Buenos Aires, ano 2000

Buenos Aires, ano 2000

Silleda, 2013

Silleda, 2013