culturagalega.org

inicio / colaboradores / A banda de La Opinión por La Opinión Saberes de cómics
A banda de La Opinión

por Diario La Opinión

Un francés universal

Publicouse un libro sobre o xenial guionista René Goscinny

A banda de La Opinión
9 / 4 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Artigo de Florentino Flórez orixinalmente publicado en La Opinión o 16 de febreiro de 2008


"Los primeros pasos de un guionista genial" de Aymar de Chatenet e Christian Marmonnier é un deses "tochos" que só poden caer a primeiros de ano. É habitual que os editores publiquen grosos volumes durante as festas de Nadal, alegrando así a vida ao afeccionado e facilitando os Reis aos seus familiares. Este libro adicado á infancia e primeras aventuras profesionais de Goscinny é un exemplo perfecto desta subespecie.

Este autor, pai literario de personaxes tan famosos como Astérix, o pequeno Nicolás, Iznogud ou Lucky Luke, tivo unha vida artística intensa e ben aproveitada, antes de que un infarto interrompera a súa produción en 1977. Nacera en París en 1926 mais axiña a súa familia se mudou a Bos Aires. A súa estancia na Arxentina librouno da Guerra e dos campos de concentración onde morreron moitos dos seus parentes. Despois da morte de seu pai, emigra coa súa nai a Nova York en 1945. Despois sucédense varias viaxes entre París e Nova York, até que consegue un traballo estable. Nos USA, René coñece quen despois constituirá a plana maior de Mad: Bill Elder, Jack Davis, Marie e John Severin e, sobre todo, Harvey Kurtzman.

Tamén a varios creadores europeos cos que colaborará, como o grande Jijé ou Morris, con quen asinará Lucky Luke. Establécese daquela unha fluída relación entre as dúas beiras do Atlántico, entre autores aparentemente moi dispares, mais con non poucas conexións. Un torrente de humor tanto verbal como visual une o labor de Kurtzman co de Goscinny. Esta etapa americana e os primeiros pasos profesionais constitúen a mellor parte do libro. Non semella tan axeitado o enorme espazo que se adica aos seus debuxos escolares. Sen dúbida teñen un grande valor documental, pero non artístico. É un pouco triste ver as súas infantís copias dos Sete Ananiños en formato grande. En xeral, toda a evolución dos seus primeiros grafismos resulta un tanto hinchada. Tería sido máis interesante que o libro avanzara un pouco máis na carreira do autor e que os seus primeiros bosquexos non ocuparan tanto espazo.

En cambio, dá gusto ver as homenaxes que lle dedican os seus colegas americanos, ou descubrir as súas primeiras historietas, Dick Dicks e O Capitán Bibobú. Nelas demostra un rotundo domunio do oficio. Se o volume carga con moitas ilustracións claramente de aprendiz, cheas de aspectos mellorables, os seus dous primeiros personaxes preséntannos xa un Goscinny moi eficaz como debuxante. Cabe preguntarse até onde tería chegado se non tivese substituído a plumiña e o pincel pola máquina de escribir. En todo caso, si sabemos o que conseguiu con esta última: Converterse nun dos mellores guionistas europeos. Para os que como eu nos temos pasado anos menosprezando Astérix, é un deber e unha honra recoñecer que a súa relectura nolo devolve como o que é: Unha grande banda deseñada, unha obra cun debuxo soberbio acompañado por guións sempre entretidos e divertidos. Das súas outras series pouco máis se pode engadir: Lucky Luke e Iznogud fixeron da parodia unha arte e elevaron a calidade do cómic europeo. Goscinny foi o rei da historieta europea de humor e aínda non apareceu un sucesor á súa altura.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org