culturagalega.org

inicio / colaboradores / A banda de La Opinión por La Opinión Saberes de cómics
A banda de La Opinión

por Diario La Opinión

Un dos seus

Grande parte da obra de Joe Kuber permanece inédita en España. En “Gangster xudeu”, unha obra autobiográfica, retrata a vida nos barrios neoyorkinos.

A banda de La Opinión
21 / 8 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Artigo publicado en La Opinión o 9 de xuño de 2007 por Florentino Flórez


Preguntábanos Steve Lieber se nos deramos conta de como saudaba Joe Kubert. Steve, como Truman e tantos outros, fora alumno da famosa escola de cómics de Kubert. Segundo a súa versión, o vello mestre tiña o costume de apertar brutalmente a man dos aspirantes a artistas candos llos presentaban. Para evitar competencia, brincaba Lieber. O certo é que Joe non nos rompeu óso ningún e en troques si que nos sorprendeu a súa vitalidade e capacidade de traballo, virtudes máis que sorprendentes en alguén de idade tan avanzada como a súa.
Hai xa moitos anos que Kubert alterna a dirección da súa escola coa realización de proxectos esporádicos, algúns persoais, outros de encarga, todos interesantes. Russ Heath lembraba que en certa ocasión tocáralle entintalo e fracasara. Segundo as súas palabras, só Kubert podía entintar a Kubert. E é que o primeiro que chama a atención no seu caso é a aparencia rápida, fácil do seus xestos, a velocidade do seu pincel , a súa eficacia á hora de resolver calquera problema de representación cunha abraiante economía de medios.

Se o seu debuxo é limpo e expresivo, a súa narrativa non lle queda atrás. Kubert marcou o nivel de desenvolvemento da linguaxe dos cómics, empregando recursos innovadores, recados por el ou adaptados á súas necesidades, narrando secuencias complexas con aparente sinxeleza. Nada é o que semella no seu traballo e revisar as súas pranchas permítenos aprezar a súa mestría.

Grande parte do seu labor permanece inédita en España, así que cada novidade é ben recibida. Agora chéganos un relato con aires autobiográficos, xa que describe a vida duns personaxes nos barrios neoyorkinos que o autor coñeceu na súa nenez. Por suposto, el esquivou o paro ou a delincuencia a base de talento e esforzo. Comezou a debuxar profesionalmente case na infancia e no parou desde entón. Os seus heroes viven lances máis complicados, aínda que imaxino que os dilemas morais aos que se enfrontan son universais. É unha historia contada mil veces, a introdución dun mozo nun grupo mafiosos, cunha primeira salvedade, o protagonista é xudeu.
Malia a que os italianos son os que levaron a fama, cabe lembrar uns cantos notorios xudeus dedicados ás mesmas actividades. Como Jacob Greasy, Thumb Guzik, tesoureiro de Al Capone, Arnold Rothsein, Meyer Lansky, Louis Lepke Buchalter, Bugsy Siegel ou Sammie Purple Cohen. Pero, como oportunamente nos lembra Paul Johnson, os intentos de comparar o crime organizado italiano e xudeu fracasan rapidamente. A comunidade xudía encargouse de limitar ou eliminar esas actividades, así que comparativamente, foi un fenómeno marxinal.

O relato transcorre polos camiños habituais, co adolescente protagonista saltándose as súas clases para realizar pequenas encargas dos gángsteres, desoíndo os consellos do seu pai e corrompéndose lentamente. Nese sentido, os sucesos remítennos unha e outra vez ás clásicas películas da mafia e resulta tentador citar “O padriño”, “Un dos nosos” e cintas semellantes. Pero gustaríame aproveitar esta ocasión para reivindicar unha peliculiña á que penso que non se lle prestou a atención debida, subvalorándola ao comparala coas de Scorsese. Refírome a “Unha historia do Bronx”, a primeira dirixida por Robert de Niro. Alí, como na BD de Kubert, o que contaba non era tanto o relato de iniciación, a seducción do mal, senón a importancia do ben, subliñando a figura do pai. De Niro incorporaba ese rol, achegando unha dignidade ao seu papel de condutor de autobús só comparable á que acadaba o actor que facía de proxenitor de Day-Lewis en “No nome do pai”. Esas oras non participan de algo que é clave no traballo de Scorsese: a fascinación polo mal. Niso é fillo do seu tempo, os sesenta setenta, un máis dos moitos que glorificaron o protagonista rebelde, o delincuente. Scorsese é un pecador e é grande cando describe os seus sentimentos de culpa, de aí a grandeza de “Un dos nosos”. O arrepentimento nunca é de todo sincero. O mundo moral de Kubert e De Niro é outro. A clave é: non hai excusas, o mal é unha elección e pode ser rexeitado. Esta é quizais a achega máis interesante do traballo do vello mestre. Non polo que nos conta, que xa o sabemos, senón a posición desde a que se dirixe a nós, un vello universo de conviccións éticas que en ocasións seméllanos ter perdido para sempre.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org