Cando o tamaño importa
Na BD están de moda tanto os formatos xigantes como as reducións na reprodución
A banda de La Opinión
12 / 11 / 2008
Artigo de Florentino Flórez orixinalmente publicado o 28 de xuño de 2008
Dun tempo a esta parte tense posto de moda xogar cos formatos. Por seren pouco habituais, sorprenden os xigantes. Lembro con morriña as escasas mostras que se produciron nos setenta, bandas deseñadas que aproveitaban con intelixencia as sensacións visuais facilitadas pola ampliación do espazo. Como o extraordinario ``Batman Vs Hulk´´, deseñado polo grande García López, ou o marabilloso ``Superman Vs Muhammad Ali´´, cun Neal Adams en estado de graza. Eran xoíñas que chamaban a atención polo seu inhabitual tamaño e que ficaron como acontecementos aillados. Agora este formato vai camiño de se converter nun estándar e xa case non sorprende atopar as BDs mais estrañas reeditadas nel.
En xeral, resulta innecesario. Moitas obras teñen sido debuxadas tendo en conta o tamaño de impresión e ao aumentalo só se consegue que os erros sexan máis evidentes. Hai un reducido grupo de debuxantes a quen convén, xa que a súa precisión e gusto polo detalle os permite sairen airosos da proba. Mais outros, que teñen feito da simplificación o seu selo, non o precisan en absoluto. Ao ``Watchmen´´ de Moore e Gibbons non lle vai mal a ampliación, en canto o ``Batman Ano Un´´ de Mazzucchelli non gaña ren con ela.
Con ser un capricho, o formato xigante non constitúe un problema. É a moda do mercado, sen maior importancia. Máis grave é o extremo oposto, cando para abaratar custes se reduce o tamaño. Xa o padecemos na colección de Clásicos Marvel. Moito peor foi no caso da EC, onde a calidade dos debuxos ficaban enmascarada por unhas reproducións ridiculamente cativas. Agora continúan editándose reedicións de clásicos e o formato segue sen axudar. A fórmula empresarial semella un pouco absurda: Edito un material clásico de calidade indubidable, mais como non estou certo da resposta do público, tíroo en condicións infectas, a ver que pasa.
¿É ese xeito de crear afección? E é que a lóxicas que aplicábamos aos tamaños grandes actúa á inversa sobre os pequenos. Os máis simplificados sobreviven, os detallados convértense nunha pasta ilexible. É o que está acontecendo con algunhas BDs europeas que se están publicando agrupadas en pequenos tomos. A minuciosa estrutura de páxina que caracteriza o mercado francobelga resulta ridícula convertida en miniatura e ler transfórmase nunha tortura para o lector.
Acábase de publicar unha BD de Simonson con guión do coñecido escritor Michael Moorcock. A editorial xa triturara o ``Orion´´ do mesmo deseñador nunha das súas series de formato mínimo. Agora aumenta lixeiramente o tamaño, mais dá o mesmo. Deberían agasallar cunha lupa cada volume. Un acaba perguntándose se len o material que publican, porque é unha experiencia atroz. Con todo, Simonson volta a demostrar que é grandísimo e este ``Elric´´ é un dos cómics imprescindibles do ano, pleno de fantasía e moi innovador no terreo da narrativa visual. A pesar dos seus editores españois. Non o perdan.