Entrevista a Moebius (2)
"Prado é o primeiro artista español de BD moderna."
A banda de La Opinión
17 / 9 / 2008
Autor da entrevista Daniel Tomás. 12 de xullo de 2008
¿Como é a súa relación co cinema?
É un pouco o mesmo, a miña relación co cinema como espectador é normal, como a de todo o mundo. Cando tiña uns quince anos había en París unha nova escola de cinema con Godard, Truffaut, Chabrol, que facían cinema e escribían sobre cinema. Para min foi un choque cultural moi grande. Da mesma maneira que eu ollaba a arte desde o punto de vista dun meniño fronte ao mundo adulto, da mesma maneira sentía que os directores eran deuses que tiñan a capacidade de crear o mundo. Para min era como un paraíso inaccesible, mais axiña xurdiron oportunidades de facer cinema.
¿Encontrou problemas ao achegar a linguaxe do cinema ao cómic?
Hai pontes. Por exemplo, a nivel emocional hai artistas que saben beber de distintas fontes e mesturar xéneros. Para min foi o cinema, especialmente, o que me moveu a facer cómics. É o xeito de facer un western eu soíño, sen depender de ninguén. Da mesma maneira, hai unha ponte desde o cómic para o cinema, mais a verdade é que é moi difícil.
¿Como ve a situación do mercado español do cómic?
¡Uuuf! Cando comecei, os anos sesenta, había unha escola española moi característica, próxima á escola italiana. O seu punto forte era o coñecemento clásico do debuxo e a extrapolación lírica. A dirección non era a correcta para o futuro do cómic, estaban nunha caleixa sen saída. Despois viñeron artistas dunha nova xeración como por exemplo Miguelanxo Prado. Prado é o primeiro artista español de BD moderna. É contemporáneo, mais mantén unha esencia española, hai elementos que o identifican como español. Encontrou unha nova nova maneira de expresar a identidade española. En Francia, Prado é un artista moi recoñecido, mais a verdade é que non coñecemos moito da BD española. En España dun título véndense 3.000 exemplares; en Francia, 500.000: A diferenza é xigante. Desde fóra, como mercado, semella morto, mais despois de ter visitado este país e ver o Saló do Cómic de Barcelona mudoume o punto de vista. Coñecín moitos autores novos que teñen moito que dicir, pero non coñezo o estado da industria, as tiraxes, a distribución, etc. A produción francesa é enorme, hai 4.000 novidades ao ano, e iso está moi ben, mais é unha anguria ao mesmo tempo. E non exportamos, fóra de Francia non hai cultura de cómic, é underground ou unha cousa para nenos.
¿Coincide coas voces que advirten que o manga pon en perigo o cómic europeo?
Si. Teño esa impresión, porque hai algo na lectura do manga que é moi especial. O positivo é que é un aporte á narrativa. Por exemplo, Taniguchi é unha marabilla, pero hai unha produción masiva que se apoia no lado feble dos mozos. É como as lambonadas de fabricación industrial, que se dirixen á parte débil, e iso é moi perigoso. Pero non hai nada que facer. O único é facer algo mellor ou algo peor, pero hai que loitar. Os editores xaponeses loitan. Teñen unha mentalidade de conquista, móvense como un líquen invasivo. Non hai no ecosistema a resposta para equilibrar o ataque. Estamos fronte a un fenómeno que só o pararía, non sei, unha bomba atómica. Non, non, unha pequeniña, en plan metafórico (risos). É unha broma. Un dos artistas que promoveu o manga en Europa nos anos oitenta fun eu. Fixen unha viaxe a Toquio para coñecer Tezuka persoalmente e descubrín o manga, que ninguén coñecía aquí. Ao regresar amoseillo a todo o mundo. Non fun o único, pero fun parte da promoción. Trinta anos despois, arrepíntome. Pero é o mesmo coa produción norteamericana, tamén é expansiva. Por exemplo, en Francia hai unha política de expansión, pero dentro do país (risos). Os editores loitan entre eles por se aniquilaren. Hai produtos que teñen poder de penetración internacional como por exemplo a pizza, o sushi, o champán; pero na cultura francesa non hai unha industria cultural que se expanda. A produción europea en cómic ten o mesmo problema. Só conseguimos exportar Tintín, pero xa é vello. E en Italia teñen Topolino... ¡Que vitoria! (risos)
¿Como foi a súa relación con Jodorowski?
Era unha relación de mestre e alumno. Eu estaba estudando con el, de forma informal, mais era así. Un día pedinlle que me aceptase como alumno e accedeu, así que durante vinte anos mantivemos esa relación, sen mencionala xamais. Alejandro é un mestre con moitas fortalezas e moitas limitacións. Pero el sabe cousas que eu quería saber. E o que aprendín... non sei o que aprendín en realidade. Porque neste tipo de ensinanza ninguén sabe quen aprende de quen.