culturagalega.org

inicio / colaboradores / A banda de La Opinión por La Opinión Saberes de cómics
A banda de La Opinión

por Diario La Opinión

Alex Toth: Da A á Z

"El Zorro" de Alex Toth: Un pracer para os afeccionados e unha clase maxistral para os debuxantes

A banda de La Opinión
18 / 6 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Artigo orixinalmente publicado o 11 de outubro de 2003 por Florentino Flórez


Comecemos pola A de Alex Toth. Nado en Nova York en 1928 de pais húngaros, é un dos debuxantes máis admirados polos seus colegas de profesión. Os calificativos de mestre que se lle soen adicar veñen habitualmente acompañados de queixas sobre a incomprensión do público, que non parece sentir a mesma fascinación polo labor do creador americano. Ese divorcio entre calidade e popularidade tense dado noutros casos e se cadra un dos máis chamativos sexa o protagonizado por un español, José Luís García López. Mais fronte á compracencia dos que ven nisto un exemplo máis do adocenamento das masas, sempre crin que hai algunha razón ao rexeitamento popular de determinadas manifestacións artísticas. Cústame encontrala no caso de José Luís, non tanto no de Toth.

De entrada cabe dicir que é un artista brillante e un ilustrador excepcional. Forma parte dunha sólida tradición de virtuosos da mancha, de simplificadores obsesionados pola eliminación do detalle e o contraste máximo entre zonas brancas e negras. A eses intereses Toth suma un debuxo expresivo e de acabados sempre elegantes, cunha perfecta lexendaxe e unhas onomatopeias moi imitadas. Que o seu traballo é brillante e que as historias que aquí publicaron en revistas de terror como Vampu, Dossier Negro, Rufus ou Creepy eran maravillosas non o poño en dúbida.

Pero si penso que hai algo discutible na súa narrativa. Algo que se pode apreciar no seu aclamado Jesse Bravo, nalgunha das súas colaboracións para a EC e ao longo de case todo o seu traballo, aínda que en historietas curtas se nota menos. Eu denominaríao un minimalismo excesivo. Tiven ocasión de discutir disto con Howard Chayikin. Ou mellor, de tentalo, xa que o asunto era demasiado subtil para o meu inglés. Mesmo agora, cústame articular cal é a queixa, que intúo máis que comprendo. Un dos lugares comúns ao falar de Toth é que a súa narrativa, o seu storytelling, é tan bo como o seu debuxo. Non o creo. Hai un aquel de exceso na súa maneira de contar. A vontade de restar, que tantas virtudes aporta ao seu deseño, traizóao na posta en escena, que acaba resultando un pouco repetitiva e pesada. Toth non se conforma nunca co encadre máis obvio. E, en ocasións, precísase o encadre máis obvio.

Se cadra (e así chegamos á Z) as súas adaptacións da serie de TV "El Zorro" (Azake Ediciones, Barcelona 2003) non sexan o mellor exemplo, xa que nelas se viu obrigado a traballar con farragosos guións que sempre despreciou, segundo el mesmo. Mais serven para iluminar moi claramente as luces e sombras do seu traballo. Deseños maravillosos nunha banda deseñada que se nos cae das mans. En todo caso, unha adquisición indispensable para o afeccionado. Nun mercado no que case non se goza de reedicións de clásicos, que aparezan cómics nunca publicados antes en España, editados con moita dignidade e a un prezo asequible, é todo un luxo que hai que aplaudir.

A pegada deixada por Toth é enorme e ao revisar este representativo cómic do artista americano faise patente para calquera bo seguidor dos traballos de centos de debuxantes xurdidos desde os gloriosos años cincuenta do pasado século.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org