José Luís, o máis grande
J.L.García López é un galego que emigrou moi novo a Arxentina e a EEUU despois, para se facer un sitio entre os máis grandes
A banda de La Opinión
31 / 10 / 2007
Artigo de Florentino Flórez orixinalmente publicado en La Opinión o 13-10-2007.
Cada certo tempo aparecen en prensa noticias sobre españois nos EEUU. Soen ser demostracións de chovinismo nas que se sobrevalora a importancia dalgúns autores na escena americana. Xa aconteceu antes, cando o desembarco de debuxantes patrios marcou o principio da fin da Warren. E sen dúbida voltará a pasar. O problema non é só que acentuemos as virtudes de narradores máis ben discutibles como Pacheco. Máis grave resulta que esquezamos aos que levan toda a vida traballando cos "ianquis", con obras dunha calidade sobresaliente. Poucos se lembran de José Luís García López, un galego que emigrou moi novo a Arxentina primeiro e aos Estados Unidos despois para facerse un merecido buraco entre os máis grandes. Aínda que considerado como un dos mellores debuxantes do mundo polos seus colegas, García Lopez é practicamente un descoñecido para o público español. A súa presenza ten sido moi irregular, debido entre outras razóns a que o seu traballo non está moi valorado entre os fans. Isto teno levado realizar tarefas de "merchandising" e deseños de conceptos para DC, ficando as súas BDs reducidas a especiais que aparecen cada mil anos.
Sen embargo este ano asistimos a unha fartura de produtos seus. Primeiro chegou un lixiño recente, unha cousa ilexible con Wonder Woman onde a extraordinaria calidade dos seus debuxos ficaba sepultada. Algo mellor resultou "A Muller Hipótese". O relato, sen ser unha maravilla, ao menos enténdese. De novo José Luís volta a deslumbrarnos. Finalmente, dúas recuperacións. Por un lado o seu traballo dos oitenta en "Os Novos Titáns", onde substituía a George Pérez, superándoo abondosamente a pesar de contar cun entintado asasino. E polo outro "Deadman", reedición da súa colaboración con Helfer, unha das cimeiras da súa obra e cuxa impresión non mellora a de Zinco dos noventa. En compensación, inclúese no mesmo volume unha aventura inédita do personaxe, de factura recente. Cun entintado máis seco e unha narrativa contida, José Luís consegue que esta bonita historia de amor desde o alén con aires de thriller voe moi, moi alto.
É fácil afirmar que un debuxante é o máis grande, dirán vostedes. Si, pero neste caso non é gratuíto. José Luís arma as súas figuras co vigor estrutural que só pertence aos máis grandes: Foster, Raymond, Víctor de la Fuente ou Buscema. Esa fortaleza dos personaxes resulta aínda máis sorprendente cando se coñece en persoa, xa que a súa apariencia é fráxil e a enerxía, de habela, debe agacharse moito no seu interior. A isto deben sumar unha prodixiosa mestría na caracterización dos seus actores e na descrición de escenarios e obxectos. Adicionen unha fantasía desbordante en canto á posta en escena. El ten marcado a fronteira da investigación narrativa durante moitos anos. Xa se aprecia en "Os Novos Titáns" a facilidade coa que salta de modelos de páxina caóticos a outros máis estruturados, en función da acción.
José Luís é un mestre na súa arte. Contemplar o seu traballo é un pracer e unha sorpresa constante. É claro e preciso e quizais sexa a súa aparente sinxeleza a que provoque o rexeitamento dos afeccionados. Mais hoxe en día poucos acadan o seu nivel.