culturagalega.org

inicio / colaboradores / A banda de La Opinión por La Opinión Saberes de cómics
A banda de La Opinión

por Diario La Opinión

Entrevista a Gilbert Shelton

Gilbert Shelton parodiaba os superheroes xa en 1959, despois chegaron os irmáns Freak e Fat Freddy´s Cat. A súa satírica obra ofrece olladas contestatarias e intelixentes sobre a sociedade americana.

A banda de La Opinión
4 / 7 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Entrevista orixinalmente publicada en La Opinión o 21 de outubro de 2006 por J.C. Gea

A adaptación castelá do inglés freak converteuse nun cualificativo case coloquial en España. Pero o termo era completamente descoñecido a mediados dos setenta, cando os Freak Brothers, nacidos en San Francisco en pleno 1968, desembarcaron en España coa primeira onda de cómic underground americano. Estes tres ultragandules fumadores de marihuana, a súa 1úcido gato e outros monstros satíricos como Superserdo fixeron de Gilbert Shelton (Houston, Texas, 1940) un dos popes da contracultura tebeística americana.

-Que era un freak no 68? Un tío raro, como agora?
-Usábase como sinónimo de hippy pero non é o mesmo. Os freaks eran aínda menos convencionais que os hippies, xente que encarnaba máis ben o tipo do estudante contestatario, máis cultivado e intelixente. O que pasa é que as traducións de freak ás veces dan ideas equivocadas.

-En 1968 había dous centros do mundo: París e California. Vostede estaba en San Francisco. Deixou aquilo tanto pouso como o 68 francés?
-Se acaso, nostalxia. En Francia, polo menos, o 68 conseguiu que De Gaulle deixase o poder. Os hippies non conseguiron nada tan concreto, puxeron en marcha máis ben unha pequena revolución permanente. Aínda que en Francia mírano aínda con máis nostalxia: son xente moi conservadora ata cando teñen Goberno socialista.

-E vinte anos despois, en París.
-Acabei alí por unha mestura de cousas. Tivo que ver en parte o feito de que a revista de Barcelona El Víbora tivese un editor en París ao mesmo tempo.

-Hai quen cre que ao final deixan vostedes unha visión de América tan costumista como a dun Norman Rockwell.
-Gustaríame que así fose. Pero o certo é que para nós foi unha gran liberación de enerxía. Había unha especie de filosofía debaixo de toda aquela rebelión contra o conservadorismo dos anos cincuenta, e xenios individuais como o de Robert Crumb que contribuíron a darlle máis alcance. Tamén axudou moito a crise do Vietnam. Todo iso provocou unha conmoción. É algo do que me sinto moi orgulloso, e tamén poida que estimulase a creatividade dos europeos.

-Mirando cara a Bush: con Nixon viviamos mellor?
-Sempre hai xente disposta a dicir cousas así. Hai rusos que din que vivían mellor baixo o comunismo. En Estados Unidos o conservadorismo subverteuse. Ata eu, que son conservador socialmente falando, non o entendo: Bush non quere conservar nada, quere o poder total. Pero iso non significa que as cousas fosen mellores co presidente Richard Nixon. Nin con Truman. Non é máis que falsa nostalxia. Foron tempos perigosos. Os mellores tempos con Richard Nixon e Franco foron os dos seus enterros.

-Hai sitio para o underground no mercado mediático actual?
-En realidade, nunca fomos underground en sentido literal, algo secreto, subterráneo ou oculto como o que puideron ser as Brigadas Vermellas ou a Baader Meinhoff. Eramos simplemente un movemento estudantil que fixo ruído, pero sempre á luz. A prensa alternativa tiña sentido cando había unha serie de contidos -sexo, droga e rock- que non aparecían nos medios de masas. Pero cando a prensa normal empezou a falar destas cousas, o outro circuíto xa non tiña sentido. Naquel momento foi un sinal de saúde, pero a prensa converteuse na propaganda do Estado e as corporacións en case todos os casos, se non do poder fascista, do poder dos republicanos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org