culturagalega.org

inicio / colaboradores / A banda de La Opinión por La Opinión Saberes de cómics
A banda de La Opinión

por Diario La Opinión

Batwoman é lesbiana

A editorial DC Comics aposta pola diversidade. Para conectar cos lectores, recupera a Batwoman que "matou" en 1979 e renace como lesbiana.

A banda de La Opinión
28 / 2 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Artigo orixinalmente publicado en La Opinión o 24 de xuño de 2006.


DC Comics anunciou o regreso dunha personaxe coa que acabou en 1979, Batwoman. E é noticia por dous motivos. Primeiro porque supón a inclusión na continuidade do universo de Batman dunha nova muller que procede das épocas máis pop da súa historia, da mesma que personaxes como Batmito (un trasno doutra dimensión que se veste como o heroe de Gotham City) ou o Batcán. E segundo, porque volta como unha lesbiana, nunha aposta da editorial norteamericana, a máis importante xunto con Marvel Cómics, para levar ás súas personaxes unha diversidade que ligue mellor cos seus lectores.

Batwoman

Batwoman volta nunha serie denominada "52" que comezou a se publicar en xuño pasado en EEUU e que durará un ano. Nela aparecen personaxes estrela da casa como Batman, Superman ou Wonder Woman. O vello uniforme amarelo e vermello de Batwoman, que mantén a clásica identidade de Betty Kane, é lesbiana. "Quería darlle unha personalidade única con respecto a outros membros da Bat-familia", explica en declaracións aos medios de comunicación Dan DiDio, vicepresidente e editor executivo de DC. "Esa é unha das razóns polas que fomos nesa dirección", engade.

A Batwoman orixinal apareceu nos cómics en 1956 e morreu en 1979. Agora, por cortesía da existencia de diferentes universos, regresa con lazos con outros personaxes. "Forma parte da alta sociedade de Gotham. Ten conexións pasadas con Bruce Wayne (alter ego de Batman) e tamén tivo unha relación amorosa cun dos nosos principais personaxes, Renee Montoya", explica DiDio. Montoya foi unha axente da Policía de Gotham que acabou deixando o posto.

O guionista Greg Rucka, un dos que mellor ten sabido entender o universo batmaniano nos últimos tempos, colocou Montoya nun rol destacadísimo cando desvelou, na saga "Media vida", que era lesbiana. Esa historia publicouse en España en 2004, da man de Norma Editorial no segundo volume de Gotham Central, unha colección centrada nas vivencias dos axentes de policía da cidade de Batman.

"Non se trata só de ter un personaxe gai. Tentamos ter diversidade no universo DC. Temos personaxes importantes afroamericanos, hispanos e asiáticos. Tentamos lograr unha mellor mostra dos nosos lectores e do mundo", engade DiDio. Un voceiro do colectivo gai Stonewall explicou ao Independent británico que "calquera cousa que promova a diversidade é positiva e damos a benvida á introdución de personaxes así". "Moitos gais e lesbianas son fans destas bandas deseñadas e é bo que os editores comecen a recoñecelo."

"Xúlguennos pola historia e a personaxe que vimos de crear. Temos confianza en que estamos contando unha grande historia cunha personaxe complexa e forte," sentencia DiDio, que confesa que DC asumía que se ía xerar algo de expectación nun regreso destas características. "Mais estamos un pouco sorprendidos de que sexa tanta". Os dereitos de DC Comics en España están en poder de Planeta-De Agostini Comics.


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org