Cousas de cregos
Étienne Davodeau debuxa a historia da súa vila, da súa familia, do seu pobo: "La mala gente" ten valor documental e presenta a Igrexa como creadora de conciencia de clase.
A banda de La Opinión
14 / 12 / 2006
Artigo orixinalmente publicado en La Opinión o 20 de maio de 2006 por Florentino Flórez.
Resulta difícil situarse entre os numerosos produtos dos nosos veciños do norte. Cada certo tempo os editores sorpréndennos con algunha nova promesa, premiada neses festivais europeos que temos aprendido a evitar. Porén, a BD que nos ocupa presenta certas diferencias.
Primeiro, ten ese narcisismo pouco disimulado, característico dos cómics de autor de última xeración, mais ao menos os seus componentes autobiográficos non tapan por completo un relato con moitos elementos históricos interesantes. E segundo, o debuxo é limitado e pouco convencional, pero non cabe dúbida de que funciona, vehiculando os feitos con naturalidade. É moito máis que o que certos xenios nos ofrecen ultimamente.
Davodeau cóntanos a historia da súa vila, a súa familia, o seu pobo. Traballadores rurais que, nas últimas décadas do século XX, loitaron por mellorar as súas condicións de vida.
Na súa verdade testemuñal encontra o cómic a súa forza e tamén a súa debilidade. En certas pasaxes, o ateigamento de escritos e probas documentais arruina o ritmo da narración. Parte das conversas do autor coas testemuñas e protagonistas acaban resultando tamén algo pesados.
O volume non carece de arrebatos mitolóxicos e, tras esa visión completamente celestial dos sindicatos, resulta un chisco deprimente que o triunfo de Mitterrand nas eleccións do 81 se pinte como unha grande vitoria da clase obreira. Ese plano final ao Gran Irmán co que se fecha o volume ten un aquel de catástrofe anunciada.
Mais, alén de certas torpezas no desenvolvemento dos acontecementos, o valor documental da obra é innegábel e apórtanos claves que eu polo menos descoñecía. Como a importancia da Igrexa na construción dunha certa conciencia de clase entre os obreiros franceses. Alén dos lugares comúns, os feitos fíltranse teimudamente. É así como asistimos á loita dun monte de personaxes anónimas, amósansenos os debates internos da Igrexa e a relación dalgúns cregos cos afáns e as arelas dos traballadores.
Un cómic, en suma, co que se aprenden cousas, non "redondo", pero si interesante. Xa vos é abondo.