culturagalega.org

inicio / colaboradores / A banda de La Opinión por La Opinión Saberes de cómics
A banda de La Opinión

por Diario La Opinión

A ollada de Corto Maltés, un mito venerado

Poucas veces un debuxante se ten identificado tanto co seu personaxe. Hugo Pratt e Corto Maltés comparten a ollada saudosa de quen observa un mundo que desaparece.

A banda de La Opinión
11 / 10 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Artigo de Blas Aguirre orixinalmente publicado en La Opinión o 5 de abril de 2003.

Hugo Pratt naceu en 1927 en Rimini (Italia). Cando á idade de catorce anos foi internado nun campo de concentración durante a Segunda Guerra Mundial, xa coñecía Etiopía. Esa mestura de traxedia persoal e de vivencias infantís nun mundo exótico marcou a súa obra. Sempre estivo fascinado pola aventura e a soidade do home que percorre un mundo que se desmorona. Desa percepción persoal naceu o Sarxento Kirk, o antecesor do personaxe que lle daría fama inmortal: Corto Maltés.
Ao rematar a Segunda Guerra Mundial crea unha revista en Italia na que escrebe e debuxa As de Espadas. Foi un fracaso estrepitoso que o empurra a se embarcar como mariñeiro e cando volta, reincide coa revista sen lograr que mellore a súa aceptación. É na Arxentina onde captan a profundidade e orixinalidade do seu traballo e onde comeza a coñecer o éxito. Co Sarxento Kirk atopa o seu personaxe, a súa linguaxe. Os primeiros guións foron obra de Ernie Pyke e Ticonderoga, pero na súa iconografía está impresa a idea de Pratt dun mundo saudoso que promete emocións contidas.
De novo en Europa, contribúe en 1967 ao nacemento da revista Sgt.

Kirk (Editorial Ivaldi, Génova), que reedita boa parte da súa obra arxentina e publica unha nova serie: A balada do mar salgado, na que aparece Corto Maltés (Corto Maltese, no orixinal), que se converte no protagonista case único da súa obra na primeira metade da década dos anos 60, e que condensa o estilo de Hugo Pratt.
A ensoñación que envolve este personaxe é a do propio Hugo Pratt, que o adorna coa memoria das lecturas de Emilio Salgari, Leslie Charteris e de Joseph Conrad, autores cos que se identifica na recreación de mundos decadentes e no desacougo duns personaxes cunha vida interior torturada.
Corto Maltés é un home que percorre un mundo romántico que escacha en anacos e que tenta facer as cousas o mellor posible, aínda que non sempre consegue os seus propósitos. A ollada de Corto é irónica, por veces dura e en ocasións tenra. É unha ollada sutil afeita a escenarios lonxanos, o Orinoco, as Guaianas, a exótica Oceanía. É a ollada de Hugo Pratt.
A saudade que rezuman os personaxes do creador italiano trascende a violencia das escenas, a desesperación dos heroes ante o fracaso. Corto Maltés tenta ser, simplemente, un home consecuente, e comproba en cada unha das súas aventuras que este é un obxectivo complicado.
En 1975, Pratt retoma unha notable saga (Os Escorpións do Deserto) que xira en torno á guerra do deserto entre italianos e ingleses, cunha óptica nova, e xa en 1980 converte a cor nun elemento clave na narración. Mais nos últimos anos da súa vida recupera de novo o mítico personaxe, Corto Maltés, con títulos como Tango, As Helvéticas e Mû.
Cando Pratt morre, en 1995, en Lausanne, é xa un fenómeno cultural, un icono el mesmo. Sucédense exposicións e publícanse artigos sobre o seu traballo e intelectuais como Umberto Eco escriben o prefacio dos seus cómics. Pratt e Corto entraron no Olimpo da Arte.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org