culturagalega.org

inicio / colaboradores / A banda de La Opinión por La Opinión Saberes de cómics
A banda de La Opinión

por Diario La Opinión

O triunfo dos novos

Os X-Men, coñecidos en España como Patrulla-X, é un grupo de superheroes do Universo Marvel, creado por Stan Lee e Jack Kirby en 1963

A banda de La Opinión
21 / 7 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Artigo orixinalmente publicado en La Opinión o 10 de xuño de 2006 por Javier Cuervo.



Os superheroes de X-Men son un negocio que ten corenta e tres anos. A comezos dos sesenta, dentro da explosión da editorial Marvel, detonada polas renovadoras ideas comerciais de Stan Lee e o soporte gráfico de Jack Kirby, a academia de mutantes foi, porén, un fracaso.

Lee encontrou a súa oportunidade dentro dunha editorial de segunda nun momento murcho para os superheroes e aplicou uns criterios máis ligados para a xuventude. O seu primeiro éxito foron os Catro Fantásticos, unha familia que adquiría poderes nunha viaxe especial. Algúns poderes nin siquera eran novos, xa houbera un Facho Humano e un Home Elástico. Spiderman, deseñado por Steve Ditko, daba a un rapazolo tímido de instituto poderes arácnidos e problemas familiares e escolares. Hulk era a besta, un monstruo a tempo parcial dentro do corpo dun científico militar radiado con raios gamma.

X-Men era un grupo de adolescentes metidos nunha academia dirixida por un profesor Xavier calvo, paralítico e mentalista. A "operación triunfo" consistía en se afacer a convivir coas peculiaridades de ser diferente, pór un traxe chamativo e salvar un mundo que os aldraxaba con modais racistas. Os mutantes son Homo Superior e facían sentirse ameazados aos humanos, sobre todo a políticos fachas e carcas en xeral.

Comezaron con Kirby, o rei, seguiron o solvente Don Heck e tiveron a Neal Adams, un artista admirado daquela e despois. Os X-Men tíñano todo para triunfar... pero non o lograron.

Chegou viva a colección até 1975, mais con reedicións sen criterio que só aproveitaban un material devaluado até que a serie renaceu con nova numeración, un primeiro número en formato "xigante", un deseñador nada excepcional, Dave Cockrum, e un guionista fóra de serie ao que Marvel debe o maior éxito dos últimos trinta anos: Chris Claremont.

Á serie refundada, con novos mutantes amigos e inimigos, amoríos e morte (e resurreccións) incorporouse despois o máis prometedor dos deseñadores daquela, un John Byrne en plena potencia, e ao seu ronsel, artistas como John Romita Jr, Paul Smith, Walt Simonson, Jim Lee, ademais de españois como o asturiano Germán García. Sairon tramas e subtramas, series regulares e especiais... Unha liña de mitantes que tivo bebés e púberes-X.
Hai dous personaxes básicos nos que se asenta o universo mutante: Lobeto e Kitty Pride, o máis besta e a máis delicada.

Lobeto (Wolverine) non foi creado por Claremont nin para a serie, senón para Hulk por Len Wein, Herb Trimpe, e John Romita pai, pero foi desenvolvido nos X-Men.

Lobeto é a violencia: As súas poutas de adamantium (un metal ficticio) descontroladas pola súa furia matan con facilidade e o seu poder de rexeración permite levalo á beira da morte a pesar de sufrir malleiras brutais.
Kitty Pride é o contrario. Os seus poderes son máis salvadores que agresivos. A súa capacidade para atravesar paredes e obxectos e facer que outros adquiran esa capacidade se os toca, fana máis invulnerable que letal, e aínda que os anos pasaron, a primeira Kitty que coñecemos era unha adolescente chea de inseguridades nunha academia chea de xente maior que ela.

Mutante é un concepto que ven da xenética e que a banda deseñada ten virado ’pop’. Noutro sentido, non hai nada máis mutante que un adolescente. A propia serie ten mutado abondo con formacións cambiantes que nada teñen que ver con aquela inicial: Cíclope, que debía controlar a súa ollada mortal de raios destrutivos; Ángel, neno de papá e con alas; A Moza Maravilla, telequinética; Home de Xeo, como o seu propio nome indica, e Besta, primatoide intelectual.

Chris Claremont foi guionista da serie durante 18 anos, deixouna e e tras voltar a ela, segue en activo. Recibiu o premio Haxtur do Salón o Cómic do Principado de Asturias.
Agora mesmo aínda está X-Men 3 nos cines, acabase de iniciar un coleccionable de quiosco e entre as coleccións regulares de Panini (a editorial en castelán) destaca Astonishing X-Men, con guión de Joss Whedon (o creador de Buffy, Cazavampiros, Angel e Firefly) e deseños de John Cassaday, presentando unha hipótese para a Historia-X, que recolle a nova película: ¿E se se puidesen curar os poderes mutantes?

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org