Will Eisner, o grande autor americano
Traballou na prensa, protagonizou o nacemento do comic-book e foi o principal impulsor do agora recoñecido formato de novela gráfica. Will Eisner foi o maior autor estadounidense de BD do s.XX
A banda de La Opinión
23 / 2 / 2006
Artigo orixinalmente publicado en La Opinión o 6 de decembro de 2003.
O deseñador norteamericano Will Eisner (1917-2005), creador do popular personaxe Spirit, declaraba nos últimos anos que o medio da BD vive un momento moi especial, cun cambio na súa concepción, que prima agora a novela gráfica, o relato longo en forma de álbum ou libro, sobre outros formatos.
Eisner foi un traballador infatigable até o seu derradeiro día e declaraba "Hai cousas que facer aínda no cómic e por iso aínda non descanso". A súa visión, froito de décadas de traballo, facíalle afirmar que o cómic actual está a ser recoñecido como "unha forma de literatura, unha forma lexítima de literatura, o cal abre enormes oportunidades aos artistas que queren adicarse a isto de xeito serio".
Cando Eisner publicou en 1978 "Contrato con Deus", primeira historieta no que se considera formato novela gráfica, viu claro que os que medraran cos cómics tiñan entón 35 anos e era evidente que estarían interesados en asuntos máis serios. "Por iso comecei este tipo de historias que ían alén da pelexa entre dous mutantes", explicaba.
Este recoñecemento tense vido arroupado, segundo Eisner, pola decisión das editoriais estadounidenses, acomodadas normalmente ao formato comic-book, de incluir as novelas gráficas entre os seus lanzamentos. "Este é un momento moi importante na historia do cómic e agora podemos ver guionistas e debuxantes facendo cousas que non tiñan feito antes", sinala o creador de The Spirit.
Eisner non cría que o 11-S e a Guerra de Irak modificasen substancialmente a filosofía dos superheroes. "Cos atentados do 11 de setembro, por fin os americanos nos encontramos enfrontados á realidade que sempre tiñamos tratado na fantasía", apunta.
Máis que como un deseñador de BD, Eisner víase como un reporteiro, un observador da vida e nas súas intencións nunca estivera ser moralista. "Non teño intención de predicar o que deben pensar os demais, senón que o meu deber é amosar o que acontece, máxime nun momento no que non hai tempo abondo para meditar as cousas”, explicaba o grande autor.
Eisner naceu en 1917 en Brooklyn, Nova York. Fillo de inmigrantes xudeus, as súas experiencias de infancia e xuventude no barrio neoiorquino inspiraron moitas das súas historietas.
En 1939, Eisner entrou en Quality Comics Group para producir un suplemento de cómic de 16 páxinas para a prensa dominical. É alí onde comeza a publicar ‘Spirit’, serie que acabou dando nome a todo o suplemento. En 1942, interrompe o seu traballo para incorporarse ao exército. Ao rematar a guerra Eisner volve a traballar en ‘Spirit’ na que se considera a súa etapa de maior creatividade narrativa. Deixa un amplo e reverenciado legado, caracterizado pola calidade, tanto nos seus cómics máis comerciais como na súa obra de autor.