Arthur Spiegelman naceu en Estocolmo (Suecia) en 1948 e vive desde moi novo en Nova York. Art Spiegelman, como é máis coñecido, foi profesor na Escola de Artes Visuais desta cidade e é confundador e editor de RAW, revista de banda deseñada e arte de vangarda aclamada en todo o mundo. Spiegelman obtivo o premio Pulitzer pola novela gráfica ‘Maus’ e gañou a desconfianza de pais e docentes cunha ‘panda lixo’ que incita á rebeldía infantil.
As viñetas de Maus documentan un momento crucial na historia da humanidade, e reflicten a desgastada relación entre un pai e o seu fillo mediante as fugaces visitas que este lle fai coa intención de compilar información de primeira man sobre a odisea que o proxenitor viviu na Europa da Segunda Guerra Mundial. Pero ademais Maus é o cómic que lle valeu a Art Spiegelman o premio Pulitzer hai doce anos. A historia, contada coa fluidez narrativa que caracteriza aos clásicos, recorre á, aparentemente, manida e maniquea representación gráfica dos xudíos como ratos e dos alemáns como gatos. Este recurso, que provocou bo número de denuncias, non resta autenticidade ao relato, xa que conforme o lector avanza na lectura, asume a táctica empregada polo debuxante e déixase levar por uns personaxes de reaccións e comportamentos completamente humanos.
Spiegelman sempre torce o xesto cando se lle pregunta polas súas influencias, pero o seu trazo é claramente deudor do cómic underground norteamericano, así como de Harvey Kurtzman (MAD magazine) e George Herriman, creador de Krazy Kat. Admite que a revista MAD supuxo a súa introdución á sátira, a cuestionarse as versións recibidas e a interesarse pola arte de vangarda. A `Panda Lixo´ (Garbage Pail Kids) foi a resposta de Spiegelman, unha serie de cromos que disgustan a non poucos pais e educadores pero que lograron o que pretendían: “Ensinar aos nenos a dicir non, dicir non ás ideas que lles venden e que se supón que non deben cuestionar”, declara o deseñador.
Spiegelman traballou en debuxos que ilustran os atentados terroristas do 11-S, coas historietas ``In the shadow of no towers´´, que publicou na prensa estadounidense e que reflicten igual preocupación polas actividades de Al Qaida como polas que protagoniza o seu propio goberno. Este autor afincado en Nova York defende que os autores mostren na súa obra a identidade do seu entorno e é o primeiro en lamentar a enorme influencia do cómic americano en todo o mundo.
A obra de Spiegelman é seguida en Estados Unidos cunha atención que vai alén dos afeccionados á BD. O seu compromiso e denuncia exercen unha gran influencia. A pesar desta notoriedade e dos galardóns recibidos en varios países europeos, o seu traballo aínda non é tan coñecido como debería.