O pai de Conan
A Editorial Planeta reúne a obra de Barry Windsor-Smith, lexendario ilustrador de clásicos do cómic como os primeiros números de Conan o bárbaro ou os Homes-X.
A banda de La Opinión
13 / 10 / 2005
Foi un dos autores máis influintes das décadas dos 70 e 80, coñecido e premiado polos seus preciosistas e minuciosos traballos para a industria do mercado norteamericano. Barry Windsor-Smith (Reino Unido, 1949) é un autor con case corenta anos de carreira profesional que comezou debuxando ilustracións para a sección británica da editorial Marvel en 1967, e co paso dos anos, tras mudarse aos EEUU, chegou a crear xunto a Roy Thomas unha das series de máis éxito na devandita industria, `Conan o Bárbaro´. Deixou o título porque o seu característico preciosismo -ao que ninguén foi quen de facerlle renunciar- lle impedía manter a velocidade de produción demandada pola editorial, ante o inesperado éxito do personaxe.
Ten traballado ademais en multitude de series como os `X-Men´, `Weapon-X´, ou `Machine Man´ para Marvel, `Archer and Armstrong´ para Valiant Comics, ou `Rune´ para Malibú Comics. Durante os 90 creou o seu traballo máis persoal e un dos máis interesantes, a serie `BWS: Storyteller´, na que narraba, entre outras cousas, historias dos seus personaxes, `Young Gods´, `The Paradoxman´, e `The Freebooters´. Un dos seus últimos traballos editados, aínda non finalizado, é `Opus´, unha serie de cinco libros nos que o autor leva a cabo unha autobiografía e retrospectiva da súa carreira artística. Smith desenvolveu innumerables traballos como pintor, deseñador e ilustrador, e mesmo colaborou como director artístico na película de Oliver Stone `A man´.
Cando un se fixa na primeira obra de Barry Windsor-Smith hai unha referencia que salta rapidamente á vista, Jack Kirby. Aínda que co paso do tempo o seu estilo ten evolucionado tremendamente, hai un pouso do que non se ten querido desprender. Se hai unha imaxinería da que guste especialmente, é sen dúbida a que corresponde aos movementos pictóricos de finais do s.XIX e primeiros do XX, o `art noveau´, os prerrafaelistas, os `arts and crafts´, a secesión Vienesa, ilustradores como Alphonse Mucha ou pintores como Gustav Klimt.
Durante o pasado Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2005, a editorial Planeta DeAgostini Cómics presentou dous libros que recopilan distintas obras do autor, e que son claros representantes de dous momentos claves na súa carreira. Por un lado, `As crónicas de Conan Vol.I: A torre do Elefante´ e outras historias, punto de partida dunha recopilación en luxosos volumes do traballo que Barry Windsor-Smith realizara a primeiros dos 70, para a cabeceira do bárbaro cimmerio.
A outra novidade é o libro `Novos deuses e amigos´, un luxoso volume que recolle todo o material relacionado con estes personaxes, publicado durante a década dos 90 na revista `BWS: Storyteller´ (`Barry Windsor-Smith: narrador´). Como a serie ficou inconclusa, o libro compleméntase cun lote de material adicional que o autor aportou para a edición americana, e que axuda a comprender o final do relato que quería contar.