O francés Jean Giraud rachou todas as normas do cómic e a súa asinatura, Moebius, evoca por si mesma un mundo que ten cautivado a publicitarios e directores de cine. Realizadores da talla de Ridley Scott solicitaron a colaboración de Moebius para levar á pantalla escenarios, personaxes e vestiarios que bulen na mente do xenial debuxante.
Nacido en 1938 na localidade francesa de Nogent-sur-Marne, publica as súas primeiras ilustracións na revista Ficción aos 17 anos. Desde daquela, Moebius non deixou de evolucionar e tratar de achar novas vías para expresar os mundos que habitan a súa mente. Realista, surrealista, todas as correntes nunha vida dedicada a crear para que todos gocen coa imaxinación.
Recoñecido como un dos máis grandes autores de cómic, Giraud alcanzou axiña a fama coas aventuras do tenente Blueberry, pero limitar a súa obra a estes impagables deseños sería inxusto, pois el mesmo se encargou de saltar por riba dos límites do cómic unha e outra vez. Se cadra desa necesidade de sobrepasar etiquetas comeza a crear historias curtas de ciencia ficción con toques de humor negro que cautivaron a directores como Ridley Scott, quen ofrecería ao artista a súa primeira incursión no cine con `Alien`. Desde ese momento, a súa obra desborda os círculos dos afeccionados á banda deseñada para abranguer calquera sector da sociedade e a súa influencia déixase sentir no deseño e mesmo nos parques de atraccións.
O seu debuxo realista dos comezos evoluciona case até a abstracción para crear seres alieníxenas cun trazado limpo e evocador que fai voar a imaxinación do lector. O seu traballo vólvese transgresor e xurde `A garaxe hermética`, na que evita todos os cánones do mundo da BD e sorprende como poucas veces tiña acontencido. Agora ninguén discute que Moebius tiña creado unha obra mestra aínda que algúns críticos miopes dubidaron de que o que o francés Jean Giraud desatara era unha revolución. Puxo o eido do cómic a cavilar sobre a dirección a seguir a partir de entón. Para os simples afeccionados, foi unha revelación. Poucos puideron substraerse ao seu atractivo e unha lexión perseguen a colección editada por Marvel Cómics na que se recolle a obra do xenial artista en 30 volumes, serie rachou récords de venda dun autor europeo.
En 1963 saiu á luz o primeiro tenente Blueberry e nun dos seus pinchacarneiros abraiantes, en 1977 traballaou no deseño de traxes espaciais e uniformes da película Alien`, ademais de colaborar na creación do noxento e zampallón alieníxena que traba en canto humano se cruza no seu camiño. Os deseños de Moebius percébense tamén na película `O quinto elemento`, protagonizada por Bruce Willis, así como en `Willow` e `Masters of the Universe`, entre outras. Mesmo a súa obra `A garaxe hermética` inspirou parques de atraccións que reviven o ambiente claustrofóbico das viñetas.
Convertido nun clásico en vida, as súas ilustracións aparecen en discos, revistas, capas de libros e mesmo en campañas publicitarias de Greenpace. Os seus traballos teñen sido expostos en galerías de todo o mundo cun respeto reservado aos grandes artistas consagrados das artes plásticas. Mais nada disto é comparable coa admiración dos seus incontables seguidores en todo o mundo.