Lewis Trondheim, Dupuy e Berberian, Blutch, David B, Emmanuel Guibert, Christophe Blain... Unha nova xeración de artistas franceses está renovando a BD europea, aportando unha frescura e talento inusitados ás súas diversas creacións. A eles hai que engadir o máis fecundo de todos, o guionista e debuxante Joann Sfar, incansable contador de historias que ten logrado gañar lectores de todas as idades con máis de cen obras producidas nos últimos dez anos.
Joann Sfar é debuxante e guionista (Niza, Francia, 1971) e leva un ritmo de produción asombroso: Un cento de títulos en dez anos. Os seus primeiros pasos na BD foron en 1994 con "Les aventures d’Ossour Hyrsidoux" e algunhas historias en "Lapin". En España publicáronse "La mazmorra" (Norma), "El gato del rabino" (Norma), "Petit vampir" (Alfaguara), "Gran Vampir" (Sinsentido) e "Profesor Bell" (Sinsentido).
Sfar, que visitou España recentemente, defendeuse nun máis que correcto castelán e falou da súa paixón polos medios de comunicación de masas e polas historias folletinescas de fantasía e aventuras. Despois de vender máis de 150.000 exemplares do seu Gran Vampir en Francia, tense involucrado nunha serie de debuxos animados e nunha produción cinematográfica que levará os seus personaxes á grande pantalla.
A pesar da súa polifacética carreira, na que tamén se inclúen a literatura e a música, Sfar defende o cómic como un medio suxerente que "precisa a participación activa do lector para ir dunha a outra viñeta" e así completar a elipse temporal que as une. Segundo ten declarado ás revistas especializadas francesas BDK e DVD, cando lle preguntan polo contido xudaico nas súas bandas deseñadas, Sfar responde que só lle apetece dar a coñecer esta relixión para evitar os eternos tópicos. "Cando a xente oe a palabra xudío, axiña pensa en sionismo e Sharon".
Con respecto ás opinións políticas evidenciadas nas súas historias, o autor galo, que se define como humanista, teno moi claro: "Non podo ser de dereitas, porque non podo ser nostálxico do pasado, mais tampouco podo ser de esquerdas, porque non teño fé no futuro, nunha sociedade mellor... Mais iso non significa non ter nada que dar no presente". Así é Sfar, un destacado representante da bande desinée, o cómic francés.