09/12/2019
'O que arde' aumenta o seu palmarés internacional no festival chinés de Hainan
Para a película
O que arde cada semana trae boas novas e esta non ía ser excepción, a que xa é a película en galego máis vista da historia ven de recoller o Premio Especial do Xurado da segunda edición do Festival Internacional da illa de Hainan, en China. En representación do filme acudiron ao evento parte do equipo de produción da galega Miramemira e a francesa 4 a 4 Productions así como `protagonista do filme Amador Arias. O equipo recolleu o certificado do seu galardón de máns da actriz francesa Isabelle Huppert. A francesa foi a presidenta dun xurado do que tamén formaron parte o director estadounidense Abel Ferrara, a actriz e directora chinesa Jiang Wenli, o realizador macedonio, Milcho Manchevski, o actor e director chinés Chen Sicheng, o crítico cinematográfico hindú Aruna Vasudev e op crítico francés Thomas Sotinel..
Amplía a nova>>
09/12/2019
O Novos Cinemas 04 chega cunha morea de estreas
O filme
Arima, de Jaione Camborda abre este martes dez de decembro a cuarta edición de
Novos Cinemas, o festival audiovisual de Pontevedra. O evento dedicado a creadoras e creadores emerxentes fechará as súas portas o vindeiro día 15 coa proxección de
Longa noite, de Eloy Enciso. Canda a eles, dentro das propostas galegas, Alfonso Zarauza presentará
Ons e Helena Girón e Samuel Delgado darán a coñecer o seu
Eles transportan a morte. No programa destaca tamén o ciclo que se lle dedica a Bas Devos, no que se repasarán os seus tres filmes ou a presentación do proxecto
Cinegalicia 2019, a homenaxe ás longametraxes fundacionais do cinema galego por parte de artistas de diferentes disciplinas..
Amplía a nova>>
05/12/2019
'O que arde' será finalista a mellor película europea nos Premios Gaudí cataláns
A Acadèmia del Cinema Català ven de anunciar hoxe as películas que optan a recibir os seus premios audiovisuais, os Premis Gaudí, e do mesmo xeito que está nos Premios Goya e nos Premios Feroz,
O que arde volve aparecer tamén nesta outra quiniela finalista e non é a única produción galega que ten oportundiade de sair de Catalunya cun galardón. A película de Óliver Laxe está entre as catro producións que optan ao Premio a mellor Película Europea do ano, premio no que compite xunto con
The Favourite (Reino Unido),
Lazzaro felice(Italia) e
Portrait de la jeune fille en feu (Francia). Ademais
O que arde opta, igual que na final dos Premios Goya ao premio á Mellor Fotografía para Mauro Herce polo seu traballo. .
Amplía a nova>>
04/12/2019
'Longa noite' de Eloy Enciso encara a estrea en salas aumentando palmarés
A unhas horas da súa estrea mañá, día 5, en salas comerciais, a longametraxe
Longa noite do lugués Eloy Enciso ven de acadar un novo galardón para o seu xa amplo palmarés cunha Mención Especial do xurado novo na Muestra de Cine de Lanzarote. Tras un gran percorrido en festivais que inclúe algúns de primeiro nivel como Locarno (Mellor Dirección para a Crítica Independente), Sevilla, Toronto, Nova York ou Mar del Plata (Mención Especial do Xurado), a película chega mañá ás pantallas de todo o país da man da distribuidora NUMAX. A sala compostelá desta empresa acollerá mañá ás 19:45 a presentación seguida dun coloquio con Eloy Enciso e a equipa do filme. Ata o vindeiro xoves, 12 de decembro, cada día unha das proxeccións irá acompañada dunha presentación a cargo dalgún dos membros do equipo de produción ou artístico ou de intelectuais e investigadores como Suso de Toro, Dolores Vilavedra e Margarita Ledo que ofrecerán diferentes achegas e perspectivas sobre o filme. O filme tamén se poderá ver nos cines Yelmo e Cantones de A Coruña, a sala Zumzeig Cinema de Barcelona, o Círculo de Bellas Artes de Madrid e os Multicines Monopol de Las Palmas A película de Eloy Enciso narra unha historia que nos traslada aos tempos da posguerra a partir de textos de Max Aub, Luís Seoane ou Alfonso Sastre. Durante a posguerra española, Anxo regresa ao seu pobo no interior de Galicia. Alí crúzase con outros personaxes, gañadores e vencidos dunha España dividida: unha viúva que non quere recordar, un comerciante que emigra, un prisioneiro republicano que describe o seu calvario. A entrega dunha carta obriga a Anxo a cruzar a fronteira e adentrarse na longa noite franquista. As pantasmas que todos crían esquecidas invaden o presente..
Amplía a nova>>
03/12/2019
Youtubeir@s entregou os seus galardóns
Unha gala o pasado 29 de novembro deu a coñecer os traballos premiados na III edición de Youtubeir@s. Aaron Vilariño foi recoñecido na categoría de Vídeo-Facermos por un traballo sobre o gas radón, mentres que Xacobo de Toro impúxose en Video-Opinarmos cunha produción que aborda a creación dos cantís da Praia das Catedrais. O mellor Vídeo-Cantarmos foi o de
O queimaserebros, de Blanca e Tinta, mentre Aquel-e foi recoñecido co premio á Mellor Canle..
Amplía a nova>>
02/12/2019
Culturgal mantivo o seu tirón con 14.000 asistentes
A feira das industrias culturais Culturgal pechou onte as súas portas acadando, segundo a organización, unha cifra de 14.000 visitantes nunha primeira estimación, o que deixa sentir unha estabilidade de público respecto ás anteriores edicións do evento. Neste ano Culturgal presentou aires renovados visibles xa na conformación de espazo e no deseño físico de postos, cuns materiais industriais que tiveron boa acollida xeral, pero aos que non faltou opinións contrarias entre os expositores que os consideraran pouco axeitados. A feira, conseguía, en todo caso e como era o seu lema desta edición, "darlle unha volta" ao que se viña facendo e refrescar un pouco o formato, mellorando de paso o fluxo do público dentro do propio recinto, nas horas de máxima afluencia. Este ano ademais foi moi visible a presenza do sector dos videoxogos, concentrado nunha "illa" propia no centro do recinto e unha xornada no Salón de Actos. A presenza de institucións, asociacións e grandes editoriais, ademais das iniciativas de economía social, acadaban postos destacados na feira. No relativo ás actividades o programa era denso e variado, cheo de oportunidades para coñecer as iniciativas máis dinámicas e salientables tanto públicas como privadas. A presentación do xornal NÖS, da Fundación Luzes, das axudas de O teu xacobeo e outras novidades pasaron polos seus espazos. As actuacións na carpa de Tanxugueiras e Dios ke te Krew acadaron un éxito de asistentes que deixaron pequeno o espazo. Tamén as proxeccións
Eroski Paraíso e
O que arde conseguiron atraer ao Salón de actos a centos de persoas. .
Amplía a nova>>
02/12/2019
Óliver Laxe e Benedicta Sánchez finalistas dos Premios Goya
A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España ven de facer pública a lista de finalistas para a 34ª edición dos Premios Goya, que se entregarán o vindeiro 25 de xaneiro en Málaga. A cinematografía galega acada este ano postos relevantes nesta lista sobre todo grazas a
O que arde, pero non exclusivamente. A película en galega máis vista en salas da historia ten agora mesmo opción como finalista en catro dos premios, un deles o de Mellor Película do ano. Óliver Laxe entra na fase final do premio á Mellor Dirección, colocándose entre figuras consolidadas como Alejandro Amenabar (
Mientras dure la guerra) e Pedro Almodovar (
Dolor y gloria), ademais de Aitor Arregi, Jon Garaño e José Mari Goenaga (
La frontera infinita). Tamén Benedicta Sánchez, actriz novel co-protagonista da película galega, entra con forza de finalista na categoría de Actriz Revelación. As opcións para
O que arde complétanse coa candidatura finalista para Mauro Herce polo seu traballo de fotografía na categoría de Mellor Fotografía. .
Amplía a nova>>
29/11/2019
'O que arde' é candidata finalista en cinco dos Premios Feroz
O filme de Oliver Laxe
O que arde comezou a semana co fito acadado de ser a película en idioma galego con máis espectadores da historia. Segundo os datos acumulados do Ministerio de Cultura, ata o 24 de novembro
O que arde rexistraba do seu paso en salas (no que aínda segue) un total de 63.746 espectadores, superando xa nese momento os 62.203 obtidos en 1989 por Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, ata o momento a máis vista. Nesas primeiras seis semanas de exhibición en cines a película de Laxe recadou un total de 346.617 euros. As noticias da produción para finalizar a semana tamén está á altura do comezo. Hoxe, venres, coñeceuse que a película ten cinco candidaturas finalistas para os prestixiosos Premios Feroz de audiovisual outorgados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE). Nestes galardóns, considerados a antesala dos Premios Goya,
O que arde está entre a selección para os premios a Mellor Película, Mellor guión (Oliver Laxe e Santiago Fillol), Mellor dirección (Oliver Laxe), Mellor Trailer e Mellor Cartel. Nesta edición dos premios parte como gran favorita a película de Pedro Almodovar
Dolor y gloria, con dez candidaturas. Os premios entregaranse o xoves 16 de xaneiro en Alcobendas. No marco da feira Culturgal, este domingo, haberá un pase de
O que arde con presenza do director..
Amplía a nova>>
29/11/2019
A media voz leva o premio do Festival de Documentais de Amsterdam
O Festival Internacional de Documentais de Amsterdam (IDFA) recoñecía esta semana o filme
A media voz, da produtora pontevedresa Matriuska, co premio da súa sección oficial. O galardón ao mellor documental, dotado con 20.000 euros, foi para esta historia de dúas cineastas cubanas, Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández, que viven entre Galicia e Suíza. O documental foi considerado "unha refrescante reflexión sobre a madurez feminina, unha oda á perda, unha celebración da amizade, o desexo e a vulnerabilidade: unha demanda de esperanza e paixón; e un deliciosamente honesto diálogo cinematográfico confirman este máxico, orixinal e arriscado esforzo cinematográfico"..
Amplía a nova>>
28/11/2019
O Vïa XIV Curtas de Verín a punto de levantar o pano dunha nova edición
Este sábado. 30 de novembro, dará comezo a IVª edición do certame de curtametraxes FIC Vía XIV de Verín que se prolongará toda a semana ata o domingo, 8 de decembro. A selección oficial conta con máis de 50 pezas seleccionadas de case unha vintena de nacionalidades diferentes. As curtas serán exhibidas no marco de catro categorías diferenciadas, ao igual que outros anos: Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova. Establécese un premio en cadansúa categoría de 750 euros, e outro adicional do público, cunha contía de 600 euros. Como cada ano, ademais, os responsables do Festival Internacional de Curtas de Verín programan unha serie de actividades paralelas arredor do cinema para involucrar a todos os verinenses no desenvolvemento do certame. Entre as actividades xa confirmadas, destaca unha retrospectiva de cinema sahariano no ciclo As dúas caras do Sáhara occidental e outra de curtas feitas en Cuba, así coma unha homenaxe á traxectoria da actriz Mabel Rivera. .
Amplía a nova>>