Novas | 781 a 790 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

08/02/2021
O 20 por cento das proxeccións dos festivais de cine galegos no ano pasado foron estreas mundiais

Vinte e oito festivais, mostras ou certames de cinema de 18 localidades participaron nun estudo estatístico promovido desde a asociación Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema co obxectivo analizar e dar visibilidade á labor e impacto que os festivais de cinema veñen desenvolvendo en Galicia. Co patrocinio de AGADIC e a axuda da área de cultura da Deputación de A Coruña, o Departamento de Estatística e Investigación Operativa do Campus Vida da USC fíxose cargo da súa elaboración e os resultados da primeira fase dese estudo veñen de facerse públicos. A investigación e recollida de datos estrutúrase en dez apartados diferentes que amosa datos sobre as características dos eventos; as súas estruturas de organización; producións que programa; actividades paralelas ás proxeccións; composición de equipos; impacto económico; impacto social; fontes de financiamento; asistencia de público e importancia da sustentabilidade. As series de datos que este estudo achega dan resultados complexos marcados pola grande asimetría e diferencia de natureza entre eventos grandes e moi pequenos que entran xuntos nas series comparativas. En todo caso pódese extraer coma debuxo maioritario o feito de que o 90% son eventos urbanos e que son maioritariamente de recente creación, xa que o 60% ten menos de 10 edicións desenvolvidas. Ademais o traballo sinala que nas programacións os eventos galegos chegaron a ofrecer no 2020 un 20% de estreas mundiais, con gran presenza de produción audiovisual galega. Máis do 60% do público asisten con amigos e case un 20%, en familia. En parella e dende centros educativos son as categorías máis minoritarias. . Amplía a nova>>

05/02/2021
Play-Doc e Festival de Cans poñen datas para setembro

A situación sanitaria e as súas previsións máis próximas, que fan case imposible a celebración de eventos na primeira metade do ano, fan que os organizadores busquen solucións prudentes que comezan situando as seguintes edicións nas datas que ven máis viables. Así esta semana, no eido audiovisual, tanto o festival Play-Doc de Tui coma o Festival de Cans veñen de sinalar cara o mes de setembro para as súas citas anuais. Ambos eventos repetiran por tanto o mes co que se puideron celebrar o pasado 2020, cando tiveron que cancelar as tradicionais datas primaverais nas que se ían celebrar. . Amplía a nova>>

05/02/2021
O CCG presenta unha visita guiada audiovisual á exposición "Afonso X e Galicia"

O peche dos espazos culturais ordenado pola Xunta por mor da situación sanitaria obrigou a que houbera que cancelar o horario de visita á exposición "Afonso X e Galicia", organizada polo Consello da Cultura Galega, ao pouco de ser inaugurada en xaneiro de 2021. Pero a exposición continúa doutros xeitos. Hoxe o Consello da Cultura estrea unha "visita guiada" audiovisual coa cal o comisario da mostra, o musicólogo Antoni Rossell, explica a concepción da exposición e os seus contidos, permitindo coñecer a vida de Afonso X e o seu impacto na cultura e na literatura galegas. O documental está realizado por Nós TV. . Amplía a nova>>

02/02/2021
A cinematografía en formato curto busca mercados en Clermont-Ferrand

A versión renovada e ampliada do catálogo Shorts from Galicia, editado cada ano pola Xunta para a promoción exterior da máis recente produción galega no ámbito das curtametraxes, ven de iniciar a súa difusión internacional no Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se desenvolve integramente en liña estes días e ata o 6 de febreiro. Para favorecer a súa promoción en liña, o catálogo conta este ano cun formato máis amplo e con novos contidos, como o acceso aos "video-pitching" nos que son os propios directores os que explican as súas creacións. Ofrécese tamén o visionado das curtametraxes, baixo demanda e previa solicitude de contrasinal, para os axentes culturais interesados.. Amplía a nova>>

28/01/2021
Longa Noite opta ao Premio Gaudí ao mellor filme europeo

A Academia de Cinema Catalán, que organiza os Premios Gaudí, facía pública na mañá deste 28 de xaneiro a listaxe de nomeamentos á XIII edición destes galardóns. Na mesma, o filme Longa Noite aparece como unha das catro producións que opta a se facer co premio á mellor película europea. O traballo de Eloy Enciso compite con Little Joe de Jessica Hausner, Sobre lo infinito de Roy Andersson e con Sorry We Missed You, dirixida por Ken Loach. O actor Mario Casas está tamén como finalista na categoría da mellor interpretación masculina polo seu traballo en No Matarás. Os resultados dos premios daranse a coñecer o vindeiro 21 de marzo.. Amplía a nova>>

27/01/2021
A Deputación de Pontevedra adquire parte do arquivo de Xosé Velo

O 22 de xaneiro de 1961, un grupo de opositores ao réxime franquista e salazarista secuestraron o trasatlántico "Santa María", protagonizando un sonado incidente internacional. Un dos líderes era o celanovés Xosé Velo Mosquera, máis coñecido como Pepe Velo, unha figura importante na defensa da identidade galega no exilio republicano de Venezuela. Agora, a Deputación de Pontevedra informa de que adquiriu parte do seu arquivo persoal ao seu fillo Victor, composto por fotografías, cartas e outros escritos. A Deputación está dixitalizando todo o material e confía en poñelo a disposición dos cidadáns a principios de 2022. Tamén fixo público un documental producido por Arraianos Produccións que presenta os feitos do trasatlántico "Santa María", alcumado durante o secuestro como "Santa Liberdade". . Amplía a nova>>

27/01/2021
A Asociación de Actores e Actrices reclama un plan de rescate para o sector

Un plan de rescate que vaia alén do apoio ás empresas e que achegue axudas directas a traballadores e traballadoras do sector escénico. Esta é a reclamación que facía este 26 de xaneiro a Asociación de Actores e Actrices de Galicia nun comunicado dirixido ás consellerías de Cultura e de Emprego e Igualdade. Segundo a entidade, "a evolución da pandemia e as medidas restritivas sanitarias lévannos a un punto no que se fai inviable a actividade escénica neste momento e imposibilita as opcións dos/as profesionais dos espectáculos ao vivo de gañar o seu sustento". . Amplía a nova>>

22/01/2021
O CGAI abre coloquios con Marcelo Expósito, Luis López Carrasco e Álvaro Orús

Marcelo Expósito, Luis López Carrasco e Álvaro Orús presentan os seus traballos no CGAI con cadanseu coloquio co público. Este venres realizarase o primeiro destes encontros coa proxección de 143.353 (Los ojos no quieren estar siempre cerrados), que terá lugar ás 19 h. E este sábado, os espectadores poderán manter un coloquio con Xosé Ramón Gayoso sobre Sempre Xonxa dentro da sección ‘Pensando en cine, pensando en Galicia’, ás 18 horas. O documental El año del descubrimiento proxectarase o xoves 28 ás 17.30 h., ao que seguirá un encontro en liña co seu realizador luis López Carrasco. Este novo traballo do autor de El futuro, considerado como unha figura única do cinema español, chega ás salas precedido dos premios nos festivais Cinéma du Réel de París, Bogotá, Toulouse ou Jeonju, así como do aplauso da crítica, que mesmo o definiu como o mellor filme español do ano. O director aragonés Álvaro Orús presentará na Coruña outro documental: El principio del fin de las armas nucleares, programado para o venres 29, ás 19,30 h. . Amplía a nova>>

21/01/2021
Amazon Prime estrea mañá a serie 3 caminos

Álex González e Verónica Echegui protagonizan a serie '3 camiños', que se estreará mañá venres 22 de xaneiro na plataforma Amazon Prime. O proxecto foi desenvolvido por Ficción Producciones e contou cunha axuda de 1,5 millóns de euros da Xunta de Galicia a través dunha convocatoria específica. A serie conta a través de 8 episodios as peripecias vitais dun grupo de amigos de diferentes nacionalidades que percorren o Camiño de Santiago en tres momentos distintos da súa vida, e que afectarán ás súas relacións persoais. . Amplía a nova>>

21/01/2021
Pequefilmes 2021 achega medio cento de curtas de 18 países á Cidade da Cultura

O vindeiro sábado 23 bota a andar no edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a nova edición de Pequefilmes. O programa audiovisual para público familiar desenvolverase ao longo desta xornada e dos días 24, 30 e 31 de xaneiro, con oito sesións nas que achegará medio cento de curtametraxes de 18 países, moitas delas recoñecidas en diferentes festivais internacionais de animación. Por vez primeira, e a se adaptar á situación sanitaria, o ciclo poderá seguirse desde a casa desde a plataforam tv.Festhome, con prezos reducidos.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org