Novas | 731 a 740 de 4282

<< Anterior Siguiente >>

08/04/2021
A Academia do Audiovisual outorga a Manuel Lourenzo o Premio de Honra Fernando Rey

O actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibirá o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual na XIXª edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregan este sábado, 10 de abril no Teatro Colón da Coruña. A Academia outórgallo en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa irremprazable contribución á cultura galega. Na súa carreira recibiu numerosos recoñecementos, aos que, a partir do vindeiro sábado haberá que engadir o Premio de Honra Fernando Rey. Entre outros o Premio Abrente (1978), o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997), o Pedrón de Ouro (2001), o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008). É profesor Honoris Causa pola ESAD e Socio de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.. Amplía a nova>>

07/04/2021
Publícase a modificación dos estatutos de Agadic

A Consellería de Cultura ven de oficializar os anunciados cambios estatutarios da Axencia Galega de Industrias Culturais coa súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia. O documento recolle algunhas modificacións respecto ás avanzadas no proxecto de decreto, que foron protestadas desde as asociación profesionais do sector das artes escénicas e musicais en decembro de 2019 reclamando a súa paralización e a apertura dun proceso de diálogo co sector. Finalmente o texto publicado hoxe mantén a protestada unificación das competencias sobre música e danza nun único departamento e baixo unha única coordinación, que exercerá a dirección do Centro Corográfico Galego; tamén inclúe a adscrición orgánica dentro do Departamento de Política Audiovisual do Centro Galego de Artes da Imaxe e o seu cambio de denominación a Filmoteca de Galicia. Así mesmo mantense a creación dun Departamento de Coordinación Xeral e Xerencia e a figura de Xerente da AGADIC. . Amplía a nova>>

06/04/2021
O documental 'Negro púrpura' estréase na inauguración da MICE

A primeira xornada da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico acollerá hoxe na súa sesión de apertura a pre-estrea do documental Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda), unha proxección que se encadra dentro da sección fóra de concurso. O documental, rodado entre 2018 e 2020, realiza unha viaxe no tempo para contar a historia do fungo de propiedades alucinóxenas dos mil nomes (caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo, etc). Negro púrpura vai da sabedoría popular á ciencia, repasando a historia do cláviceps purpúrea e conectando Galicia co resto do mundo (relacionándose con multinacionais farmacéuticas, a CIA ou o nacemento do LSD) e alimenta relatos que nos son propios e nos tocan de preto, como o seu uso na medicina popular. . Amplía a nova>>

06/04/2021
A Mesa leva ao Parlamento as sinaturas para solicitar unha Canle Xabarín

Actualizada a 7/04/2021 Logo de superar 33.000 sinaturas de apoio, a Mesa pola Normalización Lingüítica presentou este 7 de abril ante o parlamento a "Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para unha canle Xabarín Club na TVG e máis e mellor difusión de programación infantil e xuvenil en galego". A proposta quere que o Parlamento inste á Xunta a que "a Corporación de Radio de Televisión de Galiza aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas" a través dunha canle temática "Xabarín" "así como App actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta canle en galego, a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega". . Amplía a nova>>

05/04/2021
A RAG lanza a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada

A Real Academia Galega presentaba na mañá deste 5 de abril a primeira serie documental producida pola institución sobre unha figura á que a se lle dedica o Día das Letras. Xela Arias. A palabra esgazada é unha serie de seis audiovisuais con guións de María Yáñez que percorren "a traxectoria vital e as distintas facianas da autora como creadora e traballadora da cultura galega, e profunda tamén no seu legado entre as novas xeracións de poetas", segundo explica a institución. O primeiro episodio, xa dispoñible na rede, aborda as orixes da autora e os seguintes estrearanse cada martes ata a semana previa ás Letras Galegas.. Amplía a nova>>

05/04/2021
Un documental sobre a escaleira de Bonaval reivindica a obra de Domingo de Andrade

A celebración do Día das Artes Galegas, que este 1 de abril lembrou o arquitecto barroco Domingo de Andrade, deu nestes días en diferentes actividades e contidos sobre este creador. Deste xeito, a Academia Galega de Belas Artes realizou unha homenaxe na Catedral de Santiago, onde está enterrado o arquitecto. Unha placa e diferentes intervencións reivindicaron a figura á que se homenaxeou en 2020 e que tivo prorrogada a súa celebración a este 2021 por mor da pandemia de Covid-19. . Amplía a nova>>

31/03/2021
Impulso ao audiovisual e música en feminino desde a Deputación de Pontevedra

No marco do decidido impulso á cultura en clave de visibilidade da muller da Deputación Provincial de Pontevedra veñen de presentarse dúas iniciativas. Por un lado a primeira convocatoria dos Premios Mulleres no Foco 2021, promovidos pola administración provincial en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), que poñen en valor o traballo das profesionais galegas no audiovisual. Polo outro, a Deputación pontevedresa afonda en sortear as barreiras invisibles ás que teñen que enfrontarse as mulleres que queren dedicarse á música, e a través da Plataforma "Descúbre-as" pon en marcha o programa de mentoría para o que serán seleccionadas oito mozas da provincia de entre 16 e 26 anos e con inquietudes musicais, para que vexa apoiada a súa carreira nese eido obtendo coñecementos da man de profesionais da industria e levando a cabo a gravación dunha canción e un vídeo-clip.. Amplía a nova>>

26/03/2021
'NACIÓN' e 'Olvido y León' chegan hoxe aos espazos de exhibición das vilas e cidades

A fin de semana chega cargada para os amantes da cinematografía coa apertura das salas de cine que ían faltando na comunidade e a estrea comercial de dúas producións galegas: NACIÓN e Olvido y León. NACIÓN, o último filme de Margarita Ledo Andión, estreado no pasado Festival de Sevilla, onde foi galardoado co Premio á Mellor Dirección dun Filme Español, estará desde hoxe dispoñible e oito salas de outras tantas localidades galegas e cinco salas máis entre Madrid (Golem), Lleida (Screenbox) e Barcelona (Zumzeig, Cinebaix e Cinemes Girona). En Galicia será posible vela desde hoxe nos cines Cantones (A Coruña), Avenida (Caldas), Dúplex (Ferrol), Códex (Lugo), Seixa (Marín), Galicine Cinexpo (Pontevedra), Numax (Santiago) e Gran Vïa (Vigo). Margarita Ledo Andión ofrece unha pescuda inspiradora sobre as mulleres galegas na segunda metade do século XX. Recuperando a historia da fábrica Pontesa, intercalando con habilidade exquisita imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular, o filme é unha homenaxe a todas as mulleres que converteron a fábrica nun referente para a reivindicación dos dereitos das mulleres.. Amplía a nova>>

24/03/2021
Agadic inclúe as webseries nas axudas á creación audiovisual

As subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego experimentan un novo aumento na súa contía e modalidades. A nova convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola Axencia Galega de Industrias Culturais presenta un crédito orzamentario de 194.000 euros, para as anualidades 2021 e 2022. O ano pasado estas axudas da Agadic foron obxecto dun aumento dentro do mesmo exercicio, pasando dos 156.000 euros aos 178.000 euros finalmente en 2020, cantidade que agora aínda aumenta en 16.000 euros. Ademais entran dentro das modalidades de creación audiovisual subvencionables os proxectos de webserie en versión orixinal galega. Este terán que ter un mínimo de 3 capítulos e unha duración mínima total de 30 minutos, ademais dunha unidade argumental e continuidade entre os episodios.. Amplía a nova>>

23/03/2021
A 16 MICE abre a temporada de festivais audiovisuais cunha fórmula híbrida

Santiago de Compostela acollerá entre os vindeiros 6 e 10 de abril a 16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. O evento, que abre a temporada de festivais audiovisuais do país, optará por unha fórmula mixta presencial e virtual para facilitar a accesibilidade do público. Nesta xeira, o encontro abrirá o pano coa estrea do documental Negro Púrpura, no que Illa Bufarda trata sobre o caruncho do centeo. Tamén acollerá fóra de concurso a posta de longo de Os corpos, o audiovisual de Eloy Domínguez Serén sobre o Entroido e de Do not lean on door [work in progress], filme de Vicente Vázquez artellado a partir de imaxes rexistradas co móbil do director no metro de Nova York durante a semana do black friday.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org