Novas | 521 a 530 de 4109

<< Anterior Siguiente >>

29/07/2022
Evaristo Calvo será o Xograr de Outono do FIOT

O actor Evaristo Calvo ( A Coruña, 1961) ven de ser designado 'Xograr de Outono' da vindeira edición do FIOT de Carballo. O Festival internacional de Outono de Teatro de Carballo, que este ano celebrará a súa 31ª edición, fixo este anuncio tras das asemblea anual dos seus socios, celebrada onte. O actor recibe así a distinción de honra deste veterano certame que o xurado do premio basea no carácter e selo propio que o intérprete soubo achegar co seu traballo ao longo da súa carreira, na que leva dedicado ao teatro desde os anos 80. O xurado lembra que Calvo ten participado en máis de 30 espectáculos durante todos estes anos, sendo tamén actor de cine e televisión. O actor asinou o pasado ano 2021 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Na acta pola que se designa a Evaristo Calvo destácase del que "coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, Evaristo soubo dar vida ás máis inesquecibles e orixinais criaturas escénicas, sendo hoxe un dos cómicos de referencia no teatro galego". O 31 FIOT celebrarse en outubro na localidade coruñesa. . Amplía a nova>>

26/07/2022
O director Jaime Chávarri leva a Calpurnia de Honra do OUFF

O cineasta Jaime Chávarri (18 de marzo do 1943, Madrid) recibirá a Calpurnia de Honra do 27º Festival Internacional de Cinema de Ourense - OUFF, que se celebrará entre o 23 de setembro e o 1 de outubro deste ano. Ademais, o festival publicará un volume arredor da súa figura a cargo do crítico Alberto Abuín, dentro da súa colección MonografíasOUFF. Chávarri comezou a súa carreira como realizador en 1967, coa adaptación da obra teatral de Fernando Fernán Gómez 'Las bicicletas son para el verano' (1984), logrou o seu maior triunfo comercial. Con 'Las cosas del querer' (1989), homenaxe encuberta á gran figura da canción española Miguel de Molina, conseguiu outro estimable éxito. Na última etapa da súa carreira estreou, entre outros títulos, 'Tierno verano de lujurias y azoteas' (1993), 'El año del diluvio' (2004), baseada na novela homónima de Eduardo Mendoza, e 'Camarón' (2005), filme biográfico sobre o cantaor flamenco Camarón de la Isla. O premio recoñece a súa traxectoria e, ademais, o seu compromiso coa terra ourensá, xa que Chávarri ven de rodar a longametraxe "La Manzana de Oro" en Ourense, un proxecto patrocinado pola Deputación que agardan que poida ser proxectado durante o festival. Con esta comedia o director regresa ao cine tras case dúas décadas de ausencia.. Amplía a nova>>

21/07/2022
Netflix incorpora a película 'Live is Life' de Dani de la Torre

Estreada en cines o pasado mes de xuño, a máis recente película do realizador monfortino Dani de la Torre, 'Live is Life. La gran aventura', ven de incorporarse ao catálogo da plataforma Netflix. A historia ambientada na Ribeira Sacra no ano 1985, basease nun guión de Albert Espinosa e tanto no apartado técnico coma no reparto hai numerosa presenza galega, ademais dos propios escenarios naturais da película rodada en Monforte e Pantón. 'Live is Life. La gran aventura' (Atresmedia Cine, 4 Cats Pictures e Live is Life AIE),é unha longametraxe sobre un grupo de amigos entrando na adolescencia, cos problemas do mundo real aparecendo nas súas vidas. Nela o protagonista, Rodri, viaxa como cada verán desde Cataluña á aldea galega de orixe dos seus pais, onde ten ao seu grupo de amigos do verán. Alí un deles está a pasar por un cancro e entre todos buscarán o xeito máxico de resolver ese problema meténdose nunha aventura de busca dun remedio. A película foi rodad en castelán e non dispón polo de agora de opcións de audio ou subtítulos en galego.. Amplía a nova>>

20/07/2022
A residencia para cineastas de Oliver Laxe ponse en marcha

O desenvolvemento de proxectos cinematográficos a través dun retiro de traballo é o obxectivo das residencias "Proxectos creativos e esenciais" que ven de poñer en marcha o cineasta Oliver Laxe e a Asociación SER na localidade de Vilela en Os Ancares (Lugo). O realizador de 'O que arde' e outras películas participará tamén como asesor para as quince persoas que entren finalmente cos seus proxectos nesta residencia de dez días de duración e convivencia que terá lugar entre o 2 e o 11 de setembro e cuxo prazo de inscrición xa está aberto en casaquindos.org.. Amplía a nova>>

13/07/2022
A Academia do Audiovisual falla os VI Premios María Luz Morales

O pasado sete de xullo a Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer o fallos dos VI Premios María Luz Morales. Estes galardóns aos mellores traballos de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual galego e internacional recoñeceron na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego a obra Mamasunción. Na xénese dun novo cinema galego de Manuel Barreiro.. Amplía a nova>>

12/07/2022
María Pujalte protagoniza a XX Semana de Cine de Betanzos

O vindeiro 19 de xullo comeza a vixésima edición da Semana Internacional de Cine de Betanzos. A actriz María Pujalte protagoniza este ciclo monográfico baixo o lema "una mujer frente a la cámara" e recibirá o premio honorífico desta cita. O programa inclúe as proxeccións de Oh Mammy Blue, A mi madre le gustan las mujeres, Semen: una historia de amor e Laura y el misterio del asesino inesperado, protagonizadas por ela.. Amplía a nova>>

05/07/2022
O FanCine de Lemos celebra súa oitava edición do 6 ao 10 de xullo

Unha exposición que explora a relación entre o mundo do cinema e o dos videoxogos a partir de vinte exemplos abre este 6 de xullo no Ateneo Casino de Monforte as actividades do VIII FanCine de Lemos. As actividades deste encontro audiovisual desenvolveranse ata o vindeiro día 10 en espazos singulares desta vila ademais de nos concellos de Sober e da Pobra do Brollón.. Amplía a nova>>

27/06/2022
Xeosónica explora a identidade sonora do Atlántico

A identidade sonora do Atlántico é a base sobre a que xira o proxecto dixital Xeosónica, de Undodez, que ven de presentarse no Museo do Mar e xa está dispoñible na rede. A través desta iniciativa, o único proxecto galego seleccionado polo Ministerio de Cultura e Deporte dentro do seu programa de subvencións ao sector do videoxogo e a creación dixital, catro artistas sonoros experimentan cos ruídos asociados ao mar ao seu xeito de vida e traballos. Juanma LoDo, Carlos Suárez e Marco Maril e Acacia Ojea achegan pezas concibidas para este artefacto dixital concibido como un crebacabezas que tamén inclúe outros materiais. É o caso da curta experimental MMRRSSMM… (As músicas dos Ruídos dos Sons do Mar), do director Andrés Mahía.. Amplía a nova>>

23/06/2022
Compostela presenta un mapa dos seus cinematógrafos

Santiago de Compostela foi a última das cidades galegas ás que chegou o cinematógrafo e, porén, contou ao longo da súa historia con 21 locales de proxección, partindo desde a chegada do cine en 1900 ata as últimas salas abertas na cidade, como NUMAX ou Cinesa As Cancelas. Onte o concello presentou o mapa destes cinematógrafos, levado a cabo pola cooperativa MAOS Innovación Social e que representa sobre a cartografía a localización destas salas canda unha información básica sobre as máis relevantes. O proxecto é parte da iniciativa "Compostela filmada", un espazo "no que se recolle a intensa relación de Santiago co cinema". . Amplía a nova>>

13/06/2022
Alberto Vázquez estrea 'Unicorn Wars' en Annecy

O festival de cine de animación de Annecy, en Francia, acollerá a estrea mundial da nova longametraxe de Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), 'Univ¡corn Wars'. O realizador e ilustrador presenta neste evento de alcance mundial o traballo ao que leva dedicado os pasados seis anos, e cuxo proxecto xa avanzou en Francia en 2018, no Cartoon Movie de Burdeos. O tres veces gañador dun Premio Goya nas categorías de animación, estrea este filme de 90 minutos dentro da sección oficial de longametraxes do certame francés, que se inicia este luns. 'Unicorn Wars' está producido en colaboración por catro empresas entre as que está Abano Producións, a produtora de Chelo Loureiro co que xa fixeran a produción de 'Decorado', que tamén lles valera un Premio Mestre Mateo. En 'Unicorn Wars' Alberto Vázquez coloca unha historia de amor fraternal nun escenario dun conflito bélico brutal e interminable entre dúas especies: os osiños e os unicornios no que é unha crítica antibelicista, moi axeitada ao momento na súa estrea.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org