Novas | 391 a 400 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

02/01/2023
Dispoñible en liña o documental sobre o naufraxio do 'City of Agra'

A produtora Vizuals Lab acaba de publicar o documental completo do naufraxio do 'City of Agra', un mercante británico que naufragou en 1897 diante das costas de Arou e Camelle. O barco partira de Glasgow e ía destino a Calcuta. O documental permite a súa visualización completa, un modo con subtítulos ou tamén o acceso por temáticas concretas, xunto coa descarga de fichas e material documental. O proxecto foi elaborado coa colaboración da Deputación da Coruña. Amplía a nova>>

27/12/2022
Xosé Antón Cascudo gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, foi seleccionada polo xurado do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio como vencedora da edición deste 2022. O galardón, dotado con 3.000 euros, está organizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e mais a Editorial Galaxia, que publicará a obra, co patrocinio de Caixa Rural Galega.. Amplía a nova>>

22/12/2022
A CRTVG abre tres novas canles na rede para o público máis novo

Cos títulos de Pequerrech@s, Cativ@s e Mociñ@s, a CRTVG presentaba este 21 de decembro as súas tres novas canles específicas para público infantil por Internet. As emisións acumulan un total de 46 títulos e máis de 2.600 episodios e poden seguirse mediante transmisións en streaming no web e na app da corporación.. Amplía a nova>>

20/12/2022
A Costa da Morte chega á Berlinale co filme 'Sica'

Xente real da Costa da Morte e falando en galego protagoniza 'Sica', a longametraxe da directora catalá Carla Subirana que ven de ser seleccionada para participar na Berlinale o vindeiro mes de febreiro, na sección Generation. A longametraxe, rodada integramente nesta comarca galega e participada na produción por Miramemira, está en parte protagonizada por actores non profesionais, veciños da zona, como Thais García Blanco, unha rapaza de 13 anos de Cabana de Bergantiños que dá vida á personaxe principal. Tamén participan dela Marco Antonio Florido Añón e María Villaverde Ameijeiras, como non profesionais debutantes nestas labores da interpretación dando vida a algunhas das personaxes. A parte profesional virá dos actores Lois Soaxe e a catalá Núria Prims. O filme narra a historia dunha moza de catorce anos cuxo pai afogou nun dos moitos naufraxios desta parte da costa e que, obsesionada con recuperar o corpo vai investigando as circunstancias do accidente e atopando que as cousas co seu pai e coa súa comunidade non son o que semellaban. Ademais das personaxes, a propia Costa da Morte coa súa natureza é unha das presenzas importantes do filme, que conta na dirección de fotografía con Mauro Hercé, (director de fotografía de "O que arde"). A proxección na Berlinale suporá a estrea mundial da película dirixida por Carla Subirana, quen tamén asina o guión xunto con Júlia Parés. . Amplía a nova>>

16/12/2022
Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín gañan Premio Daniel Domínguez de guión en galego

O guión 'Acotío', escrito por Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín, é o gañador do IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego, organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), co apoio de Fundación SGAE, a colaboración de Filmarket Hub e o patrocinio da Xunta de Galicia. Os outros finalistas foron 'Abellón' de Fon Cortizo e 'Resurrection' de Ángela Andrada e Fernando Tato. O xurado formado por Sara Gómez, Ángel Manzano e Víctor Grande, integrantes da Xunta Directiva de AGAG, decidiron por maioría conceder o premio a Acotío "pola súa sensibilidade á hora de abordar temas tan delicados como a perda e a súa construción de personaxes que zumega verdade." Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín recibirán o premio de 2.000 euros amais dunha subscrición gratuíta ilimitada ao mercado online da plataforma Filmarket Hub. Os finalistas Fernando Tato, Ángela Andrada e Fon Cortizo terán tamén o accésit da subscrición a Filmarket Hub. . Amplía a nova>>

16/12/2022
O Ano de Florencio Delgado remata con cine

Hoxe estréase en libre acceso a través da plataforma You Tube o documental que ven a incluír contido no tramo final desde ano de homenaxe ao autor valdeorrés ao que lle dedicou o Día das Letras Galegas. "Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z" é o título deste audiovisual escrito e dirixido por Aser Álvarez, de Arraianos Producións. Malia que a produción xa puido verse no Festival Internacional de Cine de Ourense e no festival Cineuropa de Santiago, hoxe preséntase ante o gran público a través desta plataforma ao mesmo tempo que se proxecta no Centro Cultural Avenida da Rúa (Ourense) ante máis de douscentos estudantes da vila. Cunha duración de case unha hora, o documental ofrece un percorrido pola vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, explorando todas as posibilidades da linguaxe audiovisual, a través das palabras, os poemas, as paisaxes de Valdeorras e as achegas dos seus biógrafos, familiares, veciños e amigos. Uns materiais que se combinan con imaxes e sons do seu arquivo persoal e familiar, coas musicas tradicionais e contemporáneas, os bailes, os viños e os lugares de Córgomo. E antes de que remate a fin de semana tamén terá lugar a estrea doutra peza documental que ven engadir coñecemento sobre o autor. En concreto o domingo, día 18 no mesmo lugar, o Centro Cultural Avenida da Rúa, terá lugar a pre-estrea da longametraxe documental 'Florencio na Terra' dirixida por Domingo Díaz Docampo e producida por SocialDocs. A película, gravada en Valdeorras e México e con secuencias de animación que recrean episodios da vida de Florencio, é un achegamento persoal e creativo á figura do poeta. A súa estrea oficial será durante o 2023.. Amplía a nova>>

14/12/2022
Nace Pipocas, o catálogo web de contidos audiovisuais en galego

Un catálogo na rede que aspira a recoller todos os filmes e series que están dobrados ou lexendados ao galego. Esta é a proposta de Pipocas, o web que presentou este 14 de decembro A Mesa pola Normalización Lingüística e que arrinca cun cento de referencias.. Amplía a nova>>

13/12/2022
Ames terá un organismo para acelerar a produción audiovisual

O Concello de Ames, na comarca de Santiago, porá en marcha un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais cos obxectivos de impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o cada vez máis importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio. O 'Ames AudioVisual LAB' xurde dun convenio entre o propio concello e a Deputación Provincial da Coruña, que achega o 80% do orzamento de 200.000 euros co que se creará. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ames, Blas García, asinaron onte o convenio de colaboración para este fin. 'Ames AV LAB' conta coa colaboración da Axencia Galega de Industrias Culturais e de empresas do sector con base no concello amiense, en concreto no polígono Novo Milladoiro, como Ficción Producións, Cinemar Films, Zenit Tv, Setemedia, Alfonsín DIgital Lab. Nese polígono tamén será onde se sitúe este novo proxecto, nas instalacións do Coworking 'A Proa' da rede provincial de espazos de traballo colaborativo.. Amplía a nova>>

12/12/2022
O festival Novos Cinemas comeza a súa VII edición

O festival internacional Novos Cinemas de Pontevedra prepárase para inaugurar mañá martes a súa sétima edición que ofrecerá un programa de proxeccións, obradoiros, encontros e un laboratorio de proxectos ata o vindeiro día 18 de decembro. A Sección Oficial do festival acolle esta vez nove longametraxes inéditas en Galicia -seis delas inéditas en España- que intentan ilustrar algúns dos posibles estadios do cinema contemporáneo desenvolvido polos cineastas Sorayos Prapapan, Miryam Charles, Agustina Pérez Rial, Tyler Taormina, Helena Wittmann, Bianca Lucas, Brent Chesanek, Brent Chesanek, Cyril Schäublin e Leonardo Mouramateus. O evento comezará, como cada ano, coa proxección das pezas do obradoiro que o festival leva en colaboración coa Universidade de Vigo, impartido nesta edición polos cineastas Helena Girón e Samuel Delgado. As obras resultantes poderán verse no Teatro Principal de Pontevedra ás 16h30.. Amplía a nova>>

09/12/2022
'O corpo aberto' chega este venres aos cines

Este venres chega ás salas de cine de todo o Estado a longametraxe "O corpo aberto", protagonizada por Tamar Novas e dirixida e escrita por Ángeles Huerta, a partires do relato "Lobosandaus", escrito por Xosé Luis Méndez Ferrín no seu libro "Arraianos"(Xerais, 1991). É a primeira adaptación cinematográfica dunha obra do autor ourensán. O filme é unha coprodución hispanolusa entre as compañías OlloVivo (Galicia), Fasten Films (Cataluña) e Cinemate (Portugal). Presentada como "terror folk" ou "western de ambientación gótica", narra a historia de Miguel, un mestre novo, que no ano 1909 chega a unha pequena vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea de tradicións ancestrais dominada pola superstición, na que ocorren cousas que poñen en cuestión os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos. A película rodouse integramente na rexión do Xurés-Gêres, entre as aldeas portuguesas de Tourem e Pitoes, na freguesía de Montalegre; e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín, na provincia de Ourense. A banda sonora está asinada por Mercedes Peón.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org