Novas | 191 a 200 de 4079

<< Anterior Siguiente >>

29/06/2023
Recoñécese o interese cultural á Fundación Margarita Ledo Andión

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a declaración de interese cultural da Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación). Segundo consta na orde publicada, a fundación constituíuse pola académica (actual Secretaria da RAG), cineasta, escritora e Catedrática de Comunicación Audiovisual da USC, Margarita María Ledo Andión (Castro de Rei, Lugo.1951), mediante escritura pública o pasado 8 de febreiro. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: "a conservación, investigación e difusión da obra da investigadora, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión, a promoción da cultura galega en xeral e do cinema e o audiovisual en lingua galega en particular, así como doutros bens de cultura e comunicación". O padroado inicial da Fundación, segundo consta no DOG, está formado por Margarita María Ledo Andión, como presidenta; o seu irmán José Luis Ledo Andión, como vicepresidente, e a súa sobriña Agar Ledo Arias, como secretaria. . Amplía a nova>>

26/06/2023
O cineasta Asghar Farhadi protagoniza a nova mostra do CGAC

Desde o pasado 22 de xuño o Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, acolle a exposición Asghar Farhadi. A beirarrúa. O cineasta iraniano protagoniza esta proposta, pioneira sobre a súa figura a nivel estatal. A fotografía, canda ao traballo con actores en teatro e cinema, son a base desta mostra, que comisarían Zara Fernández de Moya e Ahmad Taheri e que se poderá ver ata o vindeiro 10 de setembro.. Amplía a nova>>

23/06/2023
A Deputación de Pontevedra pon na rede o documental Acorda

Logo da estrea, o pasado 20 de xuño, de Acordamos, o seu segundo documental sobre os lugares da memoria histórica na provincia, a Deputación de Pontevedra publicou na rede Acorda, a primeira produción desta serie audiovisual. O proxecto, que botou a andar en 2021, achega unha serie de actuacións musicais en espazos vencellados á represión franquista combinadas con memorias daqueles feitos.. Amplía a nova>>

16/06/2023
Matria distribuirase en diferentes países europeos

A película Matria proxectarase en Francia, Portugal, Italia ou Grecia mercé ao acordo de contratación subscrito pola produtora, Matriuska Producciones, coa axencia de vendas internacionais New Europe Film Sales. O acordo compleméntase coa visibilidade internacional do filme en festivais. O pasado 9 de xuño foi exhibida na sección 'Alternatives' do Shangai International Film Festival e o vindeiro martes 20 exhibirase no Mediterranean Film Festival de Split (Croacia). O filme tamén valerá para a reapertura dos Cinemas Pontiñas de Lalín, pechados desde 2014, e onde haberá unha sesión especial con coloquio a cargo do director Álvaro Gago e das actrices María Vázquez e Francisca Iglesias. . Amplía a nova>>

15/06/2023
Premiada a Academia do Audiovisual pola construción dun selo propio do audiovisual galego

Aínda que resulta máis habitual que as academias repartan premios tamén hai contadas ocasións nas que ocorre noutro sentido,. É o caso da Academia Galega do Audiovisual que ven de recoller un galardón en Valencia no marco dos Premis AAPV que outorga a Associació d'Actors i Actrius Professionals Valencians. A entidade galega foi recoñecida co Premi Taules por "converterse nunha institución de referencia ao construír un selo propio e significativo do audiovisual galego". O Premi Taules é un dos dous galardóns honoríficos que entrega cada ano a AAPV e recoñece o traballo de institucións que, aínda que pertenzan a outras comunidades autónomas, defenden e promoven o labor dos intérpretes valencianos. Opremio foi recollido por Miguel Mariño e Marisela Lens, director e xerente da AGA, que na súa intervención fixeron extensivo o premio ao resto de institucións e entidades públicas e privadas e ao resto de asociacións do sector audiovisual galego, por contribuír á creación dese "selo propio e significativo" ao que fai referencia o premio.. Amplía a nova>>

09/06/2023
A webserie Pringadas entra en Filmin

A webserie Pringadas é xa a primeira serie creada en galego que se ofrece no catálogo da plataforma dixital Filmin. A primeira temporada desta produción, dirixida por Belén Piume xa está dispoñible neste repositorio. Pringadas é unha comedia xuvenil que retrata os problemas e vivencias da Xeración Z. Esta comedia foi finalista dos XXI Premios Mestre Mateo e no seu paso polo Carballo InterPlay, no ano 2021, obtivo o premio a mellor proxecto de webserie, o cal facilitou a súa produción. Pringadas xira arredor de tres rapazas compañeiras de piso en Santiago, encarnadas por Carmela Vázquez, Camila Ferreyra e Lara Álvarez A actual temporada conta con tres capítulos de 11 minutos, rodados en galego e que na plataforma son accesibles con subtítulos noutros idiomas.. Amplía a nova>>

07/06/2023
A serie 'Motel Valkirias' gaña o premio CIRCOM 2023

A serie de televisión 'Motel valkirias' coproducida pola TVG e máis a canle portuguesa RTP, ven de recoller o Premio CIRCOM 2023 no apartado de entretemento e ficción. Estes premios recoñecen as mellores producións audiovisuais das televisións públicas rexionais europeas. 'Motel Valkirias' é unha coprodución entre as empresas CTV e SPi, de España e Portugal, e conta co apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre. A serie é un wéstern fronteirizo protagonizado por María Mera, Marina Mota, Maria João Bastos e o gañador dun Goya Chechu Salgado. Emítese na TVG e na RTP e pode verse actualmente na plataforma de HBO en España e Portugal.. Amplía a nova>>

02/06/2023
O cine Tamberlick volve existir en Vigo

A cidade de Vigo recupera desde hoxe un espazo para a proxección audiovisual e ademáis un nome asociado á cultura viguesa desde finais do século XIX: os cines Tamberlick. As salas de cine do Centro Comercial Praza Elíptica reabren, volvendo á actividade tras uns meses pechados e usan o nome da histórica sala que acolleu as primeiras proxeccións de cine mudo na cidade. Unha nova empresa operadora do espazo situado nos sotos do centro comercial recolleu a luva de volver á actividade de proxección audiovisual e renomeu as salas cun nome ilustre de fonda pegada na vida cultural viguesa, Tamberlick, o lugar que acolleu as primeiras proxeccións de cine da cidade e cuxo edificio estaba situado a 700 metros do actual. . Amplía a nova>>

31/05/2023
A Academia Galega de Teatro premia a traxectoria de Rosa Álvarez

A Directiva da Academia Galega de Teatro acordou, na súa xuntanza celebrada o pasado 19 de maio de 2023 no Pazo de Mariñán, conceder o Premio Academia Galega de Teatro 2023 á directora e actriz Rosa Álvarez Cabo (Carballeda de Avia, Ourense, 1950). A AGT xustifica este recoñecemento á artista "pola súa dilatada carreira, sempre na procura da excelencia artística, e o seu compromiso coa loita pola dignificación da profesión teatral, nomeadamente pola visibilización e posta en valor do rol da muller no teatro galego". Álvarez comezou a súa carreira profesional como actriz de teatro en 1984, a súa galardoada traxectoria na que hai catro premios María Casares e dous Premios Mestre Mateo de interpretación, alén de outros recoñecementos de honra pola súa traxectoria e achegas á escena teatral galega, está estreitamente relacionada tamén co audiovisual galego a través do cine e de series da televisión autonómica. Foi a fundadora, xunto ao seu finado home Ernesto Chao, da compañía teatral Lagarta, Lagarta. Faráselle entrega deste Premio o venres, 21 de xullo, ás 13:00 horas, no salón de actos do Concello de Ribadavia, dentro da celebración da XXXIX Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, un marco moi acaído para ela xa que formou parte do grupo fundador que puxo en marcha primeiramente a Agrupación Cultural Abrente e, pouco despois, as primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia.. Amplía a nova>>

29/05/2023
O MOCA de Vigo estrea o filme que recibiu a súa primeira bolsa de creación

Unha mediametraxe autobiográfica sobre o aborto que sufriu aos 40 anos co título Lo que no fue. Esta é a proposta coa que a directora madrileña Sandra Ruesga se fixo coa primeira bolsa de creación MOCA-Candelas, que convoca o Museo Online de Cine Doméstico, con sede en Vigo. O filme pode verse durante quince días no web desta entidade a partir deste 29 de maio.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org