Novas | 1271 a 1280 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

11/12/2017
Agadic remata de repartir as axudas para promoción de películas en festivais

Dez produtoras galegas son as adxudicatarias este ano das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para a promoción e difusión do cinema galego en festivais de prestixio celebrados fóra de Galicia. A segunda e última adxudicación ao abeiro desta convocatoria contempla a concesión de contías que oscilan entre os 1.500 e os 2.500 euros destinadas a campañas de publicidade da participación nas mostras internacionais, elaboración e transporte do material de promoción específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para o evento, desprazamento e estadía no festival dun máximo de 5 persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias. O orzamento total destas axudas foi de 30.000 euros e segundo estas adxudicacións outorgáronse 23.600 euros. Doghs foi a produción que recibiu unha maior axuda con 5.000 euros, seguida da curtametraxe Plus Ultra, de Helena Girón con 4.500 euros e da película de Olive Laxe Mimosas con 3.600 euros.. Amplía a nova>>

05/12/2017
O cultRural reivindicará a Compostela non urbana

O concello de Santiago presentou onte o cultRural, un proxecto que combina conferencias, obradoiros de cociña, debates e o IV Festival Internacional de Cine Rural de Galicia Carlos Velo. Con esta iniciativa, o concello quere chamar a atención de que "o termo municipal de Santiago ten unha extensión de máis de 220 quilómetros, e a maior parte deles son zona rural. Temos 20.000 veciños e veciñas que viven nas parroquias". Segundo o concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, "Compostela ten que poñerse á fronte das iniciativas pioneiras que supoñan novas oportunidades para a conservación e integración da biodiversidade, e permitan facer unha relectura contemporánea do ámbito rural". O programa iníciase o martes, 12 de decembro, cun debate sobre os modelos dos grupos políticos da corporación para o rural, o mércores explicaranse diferentes propostas de dinamización do rural en marcha en diferentes sitios de Galicia, o xoves falarase sobre experiencias agroalimentarias de éxito e o venres haberá un obradoiro gastronómico sobre tres alimentos asociados á cidade: a cabra, o tomate negro e o grelo, xunto con outras actividades. Asímesmo, o IV Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo iniciarase o martes 12 e contará coa proxección de obras. . Amplía a nova>>

30/11/2017
O público de Cineuropa premia a película 'L´insulte'

O festival Cineuropa rematou o pasado día 28 e nesa mesma xornada coñecéronse os premios outorgados polo Xurado Novo, unha novidade estreada nesta edición, pero non foi ata finalizar o reconto dos votos que o público asistente ás diversas proxeccións foi deixando nas furnas que se puido engadir ao palmarés desta 31ª edición o Premio do Público. E non coinciden. A película gañadora desta 31ª edición de Cineuropa foi L'Insulte, de Ziad Doueiri, valorada polo público cun notable 8,56. O filme obtivo anteriormente o Premio ao Mellor Actor no Festival de Venecia 2017 e aborda a análise do conflito que leva anos enfrontando a palestinos e cristiáns libaneses. Pola súa banda, o Primeiro Xurado Novo de Cineuropa, composto por sete estudantes , decidiu outorgar o galardón ao mellor filme ao filme portugués A fábrica de nada (pedro Pinho, 2017), unha proposta musical sobre a deslocalización e desmantelamento dunha factoria. Este xurado outorgaba tamén outros seis premios. O seu premio especial foi para a película Tesnota / Closeness (Rusia, 2017), dirixida por Kantemir Balagov e o da Mellor Dirección foi para Lynne Ramsay por You were never really here / en realidade, nunca estiveches aquí (Reino Unido, Francia, Estados Unidos, 2017). O Xurado Novo tamén decidiu outorgar o Premio Dereitos Humanos, tan crucial dada a temática reivindicativa de loitas sociais desta edición, ao filme uruguaio- arxentino Estados clandestinos. un capítulo rioplatense de la operación cóndor (Marc Iglesias e Paula Monteiro, 2016). O Mellor Guión segundo eles foi o de Happy end do veterán Michael Haneke. Laetitia Dosch e Meinhard Neumann foron elexidos como os mellores actores polos seus roles nas películas Jeune femme (Montparnasse bienvenue) (Francia, 2017) e WESTERN (Alemaña, Bulgaria, Austria, 2017), respectivamente.. Amplía a nova>>

30/11/2017
O programa Youtubeir@s presenta a súa segunda edición

Campañas de incentivación do uso do galego a través de Youtube, obradoiros de formación para o emprego do vídeo en Internet, dinamización nas redes sociais parar xerar comunidade e unha nova convocatoria de premios son as accións coas que se presentaba esta mañá a segunda edición de Youtubeir@S. Este programa que organizan os concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, as Universidades de Coruña, Santiago e Vigo e maila Deputación da Coruña quere "promover e lle dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global". . Amplía a nova>>

30/11/2017
57 curtas no Festival de Curtas Vía XIV de Verín

Un total de 57 curtametraxes procedentes de 21 países van ser proxectadas na II edición do FIC Vía XIV de Verín, que dará comezo este venres e se prolongará ata o vindeiro 10 de decembro. O certame experimenta así un salto cualitativo en relación ao ano pasado, cando se exhibiron 39 curtas de cinco países diferentes. “Un dos cambios fundamentais deste ano radica na internacionalización do Festival”, puxo en valor ante os medios de comunicación esta mañá Carlos Montero, director do certame. Das 57 curtametraxes que se poderán ver en Verín no marco do FIC Vía XIV, un total de 54 preséntanse a concurso e tres serán exhibidas nunha categoría de visionado especial, entre elas o proxecto ourensán O Boteiro, resultado dun obradoiro de Cinemart realizado por profesionais do audiovisual no Concello de Viana do Bolo. A programación inclúe curtas premiadas recentemente en foros de renome como é o caso de La Bouche, que hai dous días recibiu o Premio Principado de Asturias á Mellor Curta no Festival de Xixón e algunhas outras que serán estreadas a nivel galego en Verín como A Gentle Night, premiada coa Palma de Ouro no último Festival de Cannes ou Hedegehog´s Home, Mención Especial en Berlín.. Amplía a nova>>

29/11/2017
O festival Play-Doc leva o premio do público de Culturgal 2017

O festival Play-Doc de Tui impúxose nas votacións ao Premio do Público Culturgal 2017. O Festival Internacional de Documentais acadou 678 votos dos 1.300 emitidos nesta edición e superou os conseguidos polas outras dúas propostas finalistas, a FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) de Carballo e o Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. As asociacións gremiais que forman parte de Culturgal escolleron estas tres iniciativas como as candidaturas polas que o público da Feira tivo que se decidir nunha votación en liña. O premio entregarase este domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra no transcurso na nova edición do Culturgal que comeza o venres 1 de decembro. Play-Doc é un festival independente que ofrece unha selección de películas documentais do circuíto internacional en varias liñas programáticas competitivas e non competitivas, incluído retrospectivas e obradoiros e charlas e que convoca cada primavera perto de oito mil persoas na vila de Tui. Nas anteriores edicións de Cuturgal gañaron os premios do Público o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013). Diario Cultural da Radio Galega (2014), o Festival de Cine Curtocircuíto (2015) e o Festival Agrogay da Ulloa (2016).. Amplía a nova>>

22/11/2017
Nace o Galician Freaky Film Festival de Vigo

O arbusto con forma de dinosauro, o "dinoseto", da Porta do Sol, en Vigo, é o lugar escollido para a presentación en sociedade mañá ás 12 do primeiro Galician Freaky Film Festival. A Asociación Cultural Reencanto Produccións, organizadora do Primavera do Cine en Vigo ocúpese tamén deste novo evento sobre cinema e cultura freak de orixe galega que se celebrará en Vigo os vindeiros 21, 22 e 23 de decembro.. Amplía a nova>>

22/11/2017
O CCG elaborará un informe para a Xunta sobre a situación laboral da muller no sector cultural

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares; o vicepresidente, Alfonso Rueda; e mais o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron un acordo de colaboración para a elaboración do informe A muller na cultura galega: condicións sociolaborais no ámbito cultural con perspectiva de xénero. Este acordo pretende analizar a situación da muller especialmente nas artes escénicas e audiovisuais, desde unha perspectiva estatística, complementándoa cunha investigación cualitativa. Os resultados deste estudo estarán dispoñibles nun prazo de doce meses e as conclusións do documento permitirán ao goberno galego implementar as accións políticas que sexan necesarias. . Amplía a nova>>

21/11/2017
Dhogs faise co premio á mellor longametraxe en Alxeciras Fantástika

O filme Dhogs, de Andrés Goteira, continúa a colleitar recoñecementos. Desta volta, retorna do Certame Internacional das Artes Fantásticas e do Terror Alxeciras Fantástika co preimo Místico de Oro á mellor longametraxe. Producida por Gaitafilms e PixelFilms coa colaboración de La Panificadora Estudios, a obra conseguiu xa galardóns en festivais de Croacia e de Madrid ademais de competir na sección oficial do de Sitges.. Amplía a nova>>

20/11/2017
O décimo Culturgal reunirá 130 actividades e 120 expositores

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollía esta mañá a presentación da décima edición de Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais. O evento, que se desenvolverá nesta localización da Cidade do Lérez entre os vindeiros 1 e 3 de decembro, bate marcas nesta edición ao chegar a 130 actividades no seu programa e a un total de 120 expositores. Como principais novidades desta xeira de aniversario, a feira contará con Portugal como país convidado e co novo espazo dedidado á arte contemporánea, no que haberá presenza de artistas, galerías, estudantes, docentes e críticos e que amplía a superficie do evento ata os máis de 5400 metros cadrados. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org