03/11/2025
Filmes de dez países no palmarés do Curtas festival de Vilagarcía
'Hippocampus', a curtametraxe de Xaime Miranda con guión do director e Nuno Pico (Grande Amore) resultou a gañadora na sección de curtas galegas da 53 edición de Curtas festival do imaxinario de Vilagarcía de Arousa. A película, protagonizada por Adrián Ríos e Lidia Veiga, conta a historia de Tomás, un home atormentado pola lembranza dunha tarde que pasou con Marta, o amor platónico da súa vida, moitas décadas atrás. Pero grazas a un novo dispositivo tecnolóxico, Tomás pode revivir ese momento e talvez darlle un xiro. Foi seleccionada polo xurado de entre as doce obras competidoras da sección de curtametraxes galegas..
Amplía a nova>>
31/10/2025
A diversidade e á inclusión centran o III Foro da Industria Galega do Audiovisual
O III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) converterá a próxima semana a cidade da Coruña no epicentro da reflexión sobre a diversidade e a inclusión no audiovisual. O encontro celebrarase do 5 ao 7 de novembro no Espacio Avenida e nos Cantones Cines, e reunirá durante tres días a creadoras, profesionais e especialistas galegos e estatais para abordar os desafíos e oportunidades dun audiovisual máis plural. O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e da área de Cultura da Deputación da Coruña, e conta nesta edición coa colaboración de ABANCA..
Amplía a nova>>
30/10/2025
Culturgal celebra a súa XVIII Edición entre os vindeiros 28 e 30 de novembro
Unha marca de 225 actividades, da man de 750 artistas, compoñen o programa da décima oitava xeira de Culturgal, que se celebra en Pontevedra entre os vindeiros 28 e 30 de novembro. A Asociación Culturgal, responsable da organización do evento presentaba na mañá deste 30 de Outubro a nova edición, que coincide cunha importante mudanza na composición desta entidade..
Amplía a nova>>
30/10/2025
Cineuropa reinvindica o cine como un espazo público de encontro
Cineuropa regresa un novembro máis ás pantallas de Santiago de Compostela para celebrar o cinema como espazo de encontro, de reflexión e de liberdade. A súa 39ª edición desenvolverase entre o 7 e o 23 de novembro e abrirá o venres 7 coa proxección da película iraquí 'The President's Cake (A torta do presidente)', Cámara de Ouro á Mellor Ópera Prima no Festival de Cannes. Con este filme dáse inicio a unha edición que reunirá140 películas procedentes de todo o mundo e un amplo abano de debates, encontros, ciclos e actividades formativas. Baixo o lema 'Amor.Cinema.Público.Saír do outono e da clandestinidade', o festival convida a recuperar o pracer colectivo da sala escura como antídoto contra os discursos do odio e a incerteza contemporánea. "Cada filme é unha tesela dun mosaico de culturas, linguas e emocións, un discurso coral da arte, que é a mellor linguaxe coa que encarar o presente e mais o porvir", sinalou o director José Luis Losa na rolda de prensa de presentación desta edición no Concello de Santiago. .
Amplía a nova>>
29/10/2025
A Consellería de Cultura fai do incremento en fondos para normalización a bandeira dos orzamentos
Un total de 150 millóns de euros compoñen o orzamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para 2026. Así o recolleu na mañá deste 29 de outubro o responsable deste departamento José López Campos, na súa comparecencia ante a Comisión Terceira, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia. Como medida estrela para o vindeiro exercicio, López apuntou o incremento dun millón de euros destinado a campañas para a normalización da lingua. .
Amplía a nova>>
28/10/2025
Reabren como equipamento público os Multicines de Nigrán
Sen cambiar os carteis do flime ‘La isla mínima’ que levan decorando a súa entrada durante os once anos que pasaron pechados, os Multicines do Centro Comercila de A Ramallosa en Nigrán volverán abrir as súas portas este xoves, reconvertidos en espazo público tras da compra do inmoble por parte do Concello. Unha proxección desa última película da súa anterior etapa por parte do Cince Clube Val Miñor, inaugurará os novos usos do espazo. .
Amplía a nova>>
28/10/2025
A Fundación Carlos Velo outorgoulle a Méndez Ferrín o seu premio anual
A sede da Fundación Carlos Velo, en Cartelle, acollía este 25 de outubro o acto polo que a entidade recoñecía a Xosé Luís Méndez Ferrín como Veliano de Honra. O escritor ourensán foi escolleito para o galardón anual da entidade en recoñecemento ao seu labor para preservar a memoria de Velo e recibiu unha escultura de Acisclo Manzano e un diploma acreditativo..
Amplía a nova>>
27/10/2025
O festival Animacción achega as súas curtametraxes á Coruña e Vigo
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña abre este 27 de outubro o programa do IX Festival Animacción. O encontro centrado en curtametraxes animados desenvólvese ata o vindeiro 1 de novembro a repartir o seu programa entre Vigo e A Coruña con 12 filmes na sección oficial..
Amplía a nova>>
27/10/2025
Anxos Fazáns estrea 'As liñas descontinuas' en Estonia
O vindeiro 14 de novembro, na capital de Estonia, no marco do 29 Tallinn Black Nights Festival (PÖFF) terá lugar a estrea mundial do filme 'As liñas descontinuas' (VOG) da realizadora Anxo Fazáns (Pontevedra, 1992). Esta segunda longametraxe da directora de 'A Estación Violenta' (2017), participará da sección oficial deste certame internacional ofrecendo a súa primeira proxección alí para uns días despois ter a estrea estatal dentro da sección oficial do Festival Internacional de Cine de Xixón. 'As liñas descontinuas' é unha produción de Sétima (Silvia Fuentes, Anxos Fazáns) e Sideral (Nuria Landete, Roberto Butragueño). Conta co apoio do ICAA, AGADIC, CSAG, HBO e as Deputacións provinciais de Pontevedra e A Coruña. .
Amplía a nova>>
24/10/2025
'Decorado' estréase hoxe en 27 salas comerciais
'Decorado', a nova película do premiado ilustrador e realizador Alberto Vázquez, que conta con catro premios Goya na súa traxectoria, chega hoxe ás salas de cine comerciais de toda España. En total serán 27 as pantallas que acollerán a estrea esta fin de semana en distintos puntos xeografía estatal. En Galicia dúas salas programan hoxe xa a longametraxe: os Multicines Norte, de Vigo e Odeon Narón. Este filme, baseado na curtametraxe homónima de 2016 de Vázquez que lle valeu un dos seu premios Goya, combina animación para adultos, comedia negra e drama fantástico. Tras o seu paso polo Fantastic Fest de Austin (Texas, EE.UU.), onde acadou unha Mención Especial do Xurado dentro da Sección Oficial agora chega ás salas comerciais..
Amplía a nova>>