Novas | 11 a 20 de 3224

<< Anterior Siguiente >>

16/04/2024
Estréase o documental 'Suso. Fóra de lugar' sobre Suso de Toro

O Teatro Principal de Santiago de Compostela será este mércores o escenario da presentación do documental "Suso. Fóra de lugar", un filme de Alberto Sacido (Serra de Outes, 1964) no que o escritor Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) revisa o seu percorrido vital e profesional. A través de moitas conversas, sempre co escritor presente e participando, revísanse os seu inicios, os seus modelos e proxectos literarios, os obstáculos na súa carreira, a súa militancia política, e o abandono e posterior regreso á súa profesión de escritor. Este é a segunda longametraxe na que participa Alberto Sacido, que en 2014 presentou “Unitarias”, un documental que reconstrúe a historia das escolas do rural de Galicia a través da vida do seu pai, un mestre que empezou traballando nestas escolas nos anos 60. Para o guión deste traballo contou ademais con Chefa Lorenzo Torea.. Amplía a nova>>

15/04/2024
José López Campo toma posesión do cargo de Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

Hoxe tivo lugar o acto de toma de posesión das consellerías para o goberno autonómico da actual lexislatura, presidido por Alfonso Rueda. Onte déronse a coñecer os nomes que asumirán as carteiras de goberno e a distribución das áreas orgánicas. Tal e como se viña barallando desde o discurso de investidura de Alfonso Rueda no Parlamento de Galicia, a carteira de Cultura desligouse de novo da de Educación (como xa tiña ocorrido entre 2018 e 2020) e ademais, como era intención do Presidente, dáselle máis presenza á política lingüística en principio colocando a Lingua no nome da propia carteira, a falta de máis avances da estrutura do novo goberno. Para a xestión destas competencias o presidente elixiu ao que ata agora era o alcalde da Estrada, José López Campo (A Estrada, 1974). Segundo a traxectoria achegada pola Xunta, López Campo, de profesión Directivo no sector da banca, comezou a súa traxectoria política en 2003 ao ser elixido concelleiro na Estrada e ocupar os cargos de concelleiro de Industria e Comercio e tenente de alcalde. Durante ese tempo coincidiu no consistorio con Valentín García, actual Secretario Xeral de Política Lingüística, que exerceu como responsábel do Servizo de Normalización Lingüística do concello entre os anos 1994 e 2011.Nas eleccións municipais de 2011 encabezou a candidatura do PP e foi elixido alcalde da Estrada por maioría absoluta, resultado que revalidou nas convocatorias de 2015 e 2019. Neste tempo tamén foi deputado no Parlamento de Galicia entre 2009 e 2011 e deputado provincial entre 2011 e 2015 e a partir de xullo de 2019. . Amplía a nova>>

11/04/2024
As películas do futuro prepáranse co Programa Rueda-Academia de Cine en Vigo

Os cineastas Carla Simón (Alcarrás), Fernando León de Aranoa (Los Lunes al sol, El Patrón) e o vigués Álvaro Gago (Matria) participarán en Vigo no Programa Rueda-Academia de Cine, un proxecto da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España destinado a apoiar a guionistas profesionais ou emerxentes de cine ou televisión que "circunstancias territoriais, laborais ou de conciliación familiar, queiran desenvolver os seus proxectos de xeito telemático". Este programa impulsado pola Academia de Cine, está financiado por el ICAA a través dos fondos Next Generation EU, e chega a Vigo co apoio do concello olívico a través da tras Vigo Film Office. Entre os días 15 e 19 de abril, están programados seguimentos para os proxectos residentes, actividades formativas e sesións abertas, deseñadas para o público coa participación dos cineastas. . Amplía a nova>>

11/04/2024
A Deputación de Pontevedra apoia a celebración de festivais audiovisuais na provincia

As asociacións sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra teñen ata o vindeiro 11 de maio para solicitar as axudas para o desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia. O Boletín Oficial da Provincia publicaba este 10 de abril a convocatoria polo que a Deputación Provincial destina 165.000 euros a esta convocatoria, un 10% máis do que o anterior exercicio.. Amplía a nova>>

08/04/2024
O palmarés do XI CiP confirma o bo momento da creación dixital galega

Pechouse este domingo a XIª edición do festival de creación dixital Carballo Interplay, deixando atrás un días nos que o protagonismo foi para os contidos que se están a crear en Galicia sen deixar de ter presente a perspectiva internacional do CiP. O reparto de galardóns deste ano cunha ampla categoría de premios para creación galega, deixou un palmarés que é o retrato dun momento de creatividade emerxente e efervescencia na nosa terra e que ten escaparate propio nesta cita referencial e consolidada que é o CiP de Carballo. Queda como fito que foi a primeira vez na historia deste festival que o Premio á mellor dirección da Sección Oficial internacional recae nun nome do país. Foi para a lucense Irene Pin, que foi a recoñecida polo xurado grazas ao seo facer coa webserie 'Rent-a-pal'. . Amplía a nova>>

05/04/2024
Prado Rúa achégase á Galicia medieval coa webserie Conexión co Reino

As redes sociais da produtora Brava acollen os oito capítulos da serie Conexión co Reino. A comunicadora Prado Rúa protagoniza esta produción na que aborda diferentes aspectos do Medievo no noso país. . Amplía a nova>>

01/04/2024
O XI CiP ofrecerá a presentación de ata 20 webseries

Todo está preparado xa na localidade coruñesa de Carballo para dar inicio este xoves á edición XI do Carballo InterPlay, o encontro de contidos dixitais de referencia no país. Durante catro días, ata o domingo 7 de abril o festival acollerá a exhibición de ata 20 webseries galegas, do resto de España e estranxeiras, que compiten en catro categorías da sección oficial ademais das correspondentes á Creación dixital galega. Cabe destacar que na súa xornada inaugural estrearase a web serie "A moza que abortou e o contou", unha produción resultante de ter gañado na edición anterior do CiP o premio a Mellor Proxecto de Serie Web, para apoiar a súa realización. O festival reúne a creadores con diversos tipos de proxectos multimedia pensados para a difusión vía web, multiplataforma ou redes sociais, entre os que ademais de webseries, hai diferentes tipos de podcasts, videoxogos e outros produtos. Obradoiros, encontros con profesionais, espectáculos e outras actividades completan o programa deste XI CiP entre o xoves e o domingo que volverán facer de carballo o centro neurálxico da creación dixital. . Amplía a nova>>

27/03/2024
O proxecto Cinema Náufrago rescata a memoria audiovisual do Parque das Illas Atlánticas

Están xa na rede os primeiros resultados do proxecto Cinema Náufrago, unha iniciativa que quere recuperar as películas domésticas localizadas no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. A iniciativa, que conta co apoio desta entidade, pretende dixitalizar e pór a disposición no público gravacións particulares que se desenvolveron nestes espazos entre os anos 50 e 90 do século XX.. Amplía a nova>>

27/03/2024
Oito vídeos repasan a historia do Betanzos medieval

O Cine Alfonsetti da Cidade dos Cabaleiros acollía este 20 de marzo a presentación do proxecto audiovisual Betanzos Capital. Esta webserie de oito episodios desenvolvida pola cooperativa Marma fai un repaso pola historia medieval da vila dun xeito ameno, a atender a diferentes aspectos concretos deste período.. Amplía a nova>>

25/03/2024
Cemento Musgo debuta cun visuálbum pioneiro

Once cancións acompañadas doutros tantos vídeos compoñen o visuálbum co que se presenta Cemento Musgo. Neste formato pioneiro no noso país combínanse as artes de Sokram, voz de Dios ke te Crew, ilustrador e muralista, do produtor parisino Coio, que corre coa parte musical do proxecto, e mais do artista visual A.L. Crego, pioneiro do gif art, que achega o aspecto gráfico. O álbum foi gravado, mesturado e masterizado por Møu, de Dios ke te Crew, en Rapapoulo Estudio.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org