Unha debuxante de BD chega, grazas á autoedición, a algúns dos principais festivais europeos

Emma Ríos: A promesa é feminina

No panorama da banda deseñada, dominado por unha abrumadora maioría de homes, unha artista comeza a despuntar. Emma Ríos, a máis destacada autora de BD de Galicia, conseguiu xa ser convidada a participar nos máis prestixiosos festivais da novena arte europea e enfronta unha chea de proxectos. Detrás desta ascensión encóntrase un esforzo constante por mellorar a súa técnica e a aposta pola autoedición como xeito para se dar a coñecer.

Naceu en Vilagarcía de Arousa non hai aínda trinta anos e comeza a despuntar nun panorama no que é ben difícil facerse un oco, e máis sendo muller. Emma Ríos Maneiro, recentemente licenciada en Arquitectura, está a vivir no último ano unha fulgurante ascensión profesional que a levou desde editar hai dous anos as súas propias historias en fotocopias a ser reseñada en publicacións francesas e a estar convidada a algúns dos principais eventos europeos dedicado á novena arte.

O inicio do camiño
"Desde pequena gustoume debuxar", explica a autora. "Fixen a miña primeira BD aos quince anos e desde entón basicamente non puiden parar". Só tres anos despois daquela primeira historia, o produto daquela afección aparecía pola primeira vez editado en publicacións afeccionadas. "Empecei a colaborar en fanzines, tiven a sorte de encontrar xente relacionada co tema, e logo decidín que podía facer un propio". Deste xeito, en 2001 saía o primeiro número "A Prueba de Balas" (APB), unha serie de acción futurista editada en fotocopias que "xurdiu coma adestramento para me meter nunha historia longa, divertirme e aprender". Distribuíndoo fundamentalmente a escala local na Coruña e nos encontros de BD, a proposta chamou a atención do colectivo Polaqia, que lle propuxo a autora facer unha nova edición xa por imprenta e que incluía ademais unha segunda parte inédita. "Non me consideraba con calidade abonda para ter unha publicación propia para alén das fotocopias e non o pensara, pero aceptei a oportunidade encantada, aforrei cartos e investinos", explica. Alén da mudanza na calidade da edición, o grande paso que supuña para Enma este lanzamento era a distribución a nivel estatal dos quiñentos exemplares da obra co apoio duns veteranos coma Polaqia á hora de publicitar o proxecto. "Deuse a coñecer moito máis, aparecín recensionada en varios webs de BD e a cousa empezou a funcionar, a un nivel bastante minoritario pero abondo para comezar a arrincar, e polo de agora tireille un partido que non agardaba ", recoñece cando xa está practicamente esgotada esta primeira tiraxe.

Da Coruña a Francia
O alcance desta edición chegou moito máis lonxe do que Emma puido soñar. "Bernard Moureau, un dos redactores da revista belga 'L´Inedit' veu a España de vacacións e logo de comprar un APB en Barcelona púxose en contacto comigo. Máis tarde a xente da revista pediume unha mostra do traballo, gustoulles moito e meteron sete páxinas con bosquexos e ilustracións e dúas de BD", explica a autora. Deuse alén diso a circunstancia de que este número da revista era o dedicado a Festival de BD de Angoulême no 2005, o máis importante de cantos se celebran en Europa. Deste xeito a autora galega foi convidada a participar neste evento, unha honra á que só figuras coma Prado, Portela ou Das Pastoras accederan con anterioridade no noso país. Finalmente, problemas meteorolóxicos impediron a presenza de Emma en Francia. "Aínda así, o meu traballo tivo moi boa acollida e apareceron varias persoas interesadas", recoñece. Con esas persoas e con outros autores da BD europea agarda coincidir no Salón de Bruxelas que se celebra en Outubro e ao que está de novo convidada. "A resposta a esta publicación foi tal que saín recensionada noutra revista francesa, 'Bodoi' como o descubrimento de 'L´Inedit' no seu último número", recoñece.

Muller entre cadriños
A pertenza ao xénero feminino nun mundo tan amplamente dominado por homes como é o da BD non lle supuxo especiais problemas para alén dun certo etiquetado. Antes ao contrario, este feito ofreceulle determinadas vantaxes á hora de se dar a coñecer. "É patético mais grazas a ser muller saín en entrevistas televisivas e nunha reportaxe en 'Rolling Stone', non teño xeito de me quitar o adhesivo de rapaza que debuxa BDs", apunta. O seu persoal estilo, con abondosos ecos da BD xaponesa, afástase no entanto do manga que desenvolven moitas das autoras do panorama actual. "Inflúeme todo que me gusta. Son unha groupie de Tarantino, e hai determinados tipos de manga que son unha pasada narrando, cousas de Hiroki Endo, Otomo ou Urasawa". Entre os seus gustos destaca tamén Paul Pope e a BD en branco e negro, con autores coma Bernet e Alberto Breccia. "Non considero que rache tópicos sobre a BD feita por mulleres, mais si que sorprende que haxa reflexos de violencia e de sexo nas miñas historias", recoñece, "o problema é que non entendo que é o que se debe agardar dun cómic feito por unha muller, non debería ser importante o xénero do autor mentres o traballo estea ben feito".

As posibilidades da autoedición
Deste xeito, Emma ten claro que o sistema de autoedición compensa á hora de se promover profesionalmente. "Todas as oportunidades que tiven e basicamente todo o que fixen na BD ata o de agora foi grazas ao APB. Agora que para darse a coñecer é para o único que serve a autoedición, porque non lle sacas un can" De calquera xeito recoñece que mesmo a nivel económico conseguiu recuperar boa parte do investido, sobre todo coas vendas realizadas en festivais como "Viñetas desde o Atlántico". As satisfaccións deste sistema de edición son tamén de tipo artístico, segundo a autora, xa que lle permite unha maior liberdade creativa "Ninguén vai dicirche que é o que tes que facer e é cando mellor traballo porque estou máis solta".

Tamén en España
Coincidindo con seu lanzamento europeo, Emma participa no número especial que a revista española "Dos veces breve" dedica a autoras de BD e que se presentou recentemente no Salón do Cómic de Granada. "por petición do editor abandonei o meu rexistro habitual de serie negra e fixen algo diferente. Finalmente foron seis páxinas a cor baseadas nunha lenda tradicional chinesa que narra unha historia de amor entre un raposo e unha rapaza".

Outras artes
Alén do seu traballo na BD, Emma Ríos continúa a súa carreira como arquitecta, con éxitos temperán. "Colaborando con Cristina Ansede Viz e Udo Toennissen gañamos o terceiro premio do certame Thyssenkrupp para a construción dun edificio-ponte para a Expo de Zaragoza", explica. "É un concurso de ideas bastante famoso e agora estamos convidados a participar nunha segunda fase, con opción a construír o proxecto se gañamos". Ademais deste proxecto, colabora no estudo de arquitectura de Alfonso Penela en Vigo, aínda que recoñece que a posibilidade de vivir desta profesión "está igual de mal que na BD, a verdade, vaia dúas cousas fun escoller para me facer funcionaria...". Na busca de saídas profesionais relacionadas coas súas actividades, está na actualidade a facer probas de ilustración para unha axencia de publicidade, "a ver se sae".

Proxectos
De calquera xeito, esta autora non abandona a autoedición e anuncia, para o vindeiro Saló de Barcelona, en xuño, o terceiro número de APB, que fecha a triloxía, e para agosto, en Viñetas desde o Atlántico, publicará un volume colectivo no que autores do país fan historias curtas relacionadas con esta serie e as súas personaxes. Boa parte dos nomes máis destacados da BD galega actual, coma David Rubín, Miguel Porto, Miguel Robledo, Víctor Rivas, Diego Blanco, Álvaro López, Kike Benlloch, Sergio Covelo, Alberto Guitián,Cosme, Bernal ou Roke entre outros aínda por confirmar reúnense nun volume que promete facer historia. Non faltan, en todo caso, proxectos para logo de acabar esta serie. "Despois disto vou colaborar nun proxecto de Polaqia con Diego Blanco, Brais e Kike Benlloch. E logo a ver se sae algo interesante a partir do de Bruxelas, dixéronme que hai por aí un guionista interesado... Non podo aínda avanzar nada, pero si que teño moita gana de entrar no mercado francés, e Bruxelas pode ser unha grande oportunidade". Quedamos pendentes desa oportunidade.

Galeria: Escolma de traballos

Galeria: Escolma de traballos

Páxina para o especial autoras da revista "2 Veces Breve".

Galeria: Escolma de traballos

Galeria: Escolma de traballos

Primeira páxina de "Corredora", historia realizada a medias con David Rubín que levou o 3º Premio do certame de BD "Na Vangarda 2004".

Galeria: Escolma de traballos

Galeria: Escolma de traballos

Páxina de APB

Galeria: Escolma de traballos

Galeria: Escolma de traballos

Bosquexos a lapis de personaxes

Galeria: Escolma de traballos

Galeria: Escolma de traballos

Bosquexo a lapis

Galeria: Escolma de traballos

Galeria: Escolma de traballos

"Neksat", personaxe secundario de APB.

Galeria: Escolma de traballos

Galeria: Escolma de traballos

"Vandas", ilustración para o fanzine "El Jardín Atómico"