O colectivo de autores Polaqia autoedita desde o 2001 os seus traballos de banda deseñada ante a falta de alternativas comerciais

Cadriños feitos a man

Non hai unha industria da banda deseñada galega. As escasas editoras que apostan por esta arte fano a través de autores xa coñecidos ou recorrendo a formatos clásicos. Os novos autores e as propostas experimentais carecen de medios para se dar a coñecer fóra dos circuítos dos fanzines. Ante esta situación, no ano 2001 un grupo de autores da Coruña decidiron rebelarse e tomar a iniciativa de publicar a súa obra nunhas condicións que non lles tiñan nada que envexar ás publicacións profesionais. Así nacía Polaqia.

No ano 2001 as perspectivas para os autores de Banda Deseñada en Galicia non eran boas. O ocaso da primeira etapa de "Golfiño" coincidía cunha demorada agarda pola publicación do segundo número da revista "Elipse", que moitos xa ventaban non vería a luz. Pola banda dos fanzines o panorama encontrábase en franca decadencia despois da efervescencia de mediados dos noventa, e as editoriais existentes no país amosaban unha política errática a respecto da novena arte, sen apostar en ningún momento polo traballo de autores novos. As saídas para publicar pasaban pola industria foránea ou pola autoedición. Un grupo de autores da Coruña decidiron optar por esta segunda alternativa e publicar un primeiro álbum colectivo. Nacía así Polaqia.

Nacemento e composición
O nome de Polaqia xurdiu da serie "Nieve Negra" (1999-2000), realizada por Kike Benlloch, Adrián Vázquez e Alejandro Viñuela "Jano" e publicada por "La Factoría". Nesta historia Polaqia era unha editora ficticia que publicaba unha estraña colección de banda deseñada que servía coma eixe da acción. Nun primeiro momento, o grupo (o real) estaba formada por Kike Benlloch, Alejandro Viñuela "Jano", Alberto Vázquez, Bernal e David Rubín, con Fernando Iglesias coma padriño e autor da capa da primeira publicación do colectivo. Foron estes autores os que se embarcaron na aventura de facer historias, xuntar cartos, xestionar a impresión e a distribución e botar adiante o primeiro proxecto, un álbum colectivo composto exclusivamente por historias mudas titulado "Mmmh!!". A obra, xestionada e realizada en pouco máis de seis meses, presentouse con grande éxito de crítica no salón "Viñetas desde o Atlántico" do ano 2001.

Outra produción
Un ano despois do exitoso lanzamento de Mmmh!!, Polaqia voltaba a cita de Viñetas desde o Atlántico preséntano unha nova batería de lanzamentos, desta volta traballos individuais dos seus distintos autores. Por unha banda Alberto Vázquez tiraba á luz a súa obra "Alter Ego", unha obra intimista na que reflexiona sobre a soidade do creador. Mentres, Jano tiraba a luz "Patricia", outra historia breve tamén de corte intimista. De novo foi neste salón, xa no 2003, cando o grupo presentaba "A Proba de Balas" de Enma Ríos e o primeiro número da revista "Barsowia", que continuará en febreiro do 2004.

Control
O control sobre o produto final foi unha das principais motivacións que levaron aos membros de Polaqia a pór en marcha esta iniciativa. Neste sentido, os produtos do colectivo saíron impresos en papel de calidade, e co formato que os autores consideraron máis axeitado para as súas historias. Isto levounos a coñecer polo miúdo os procesos industriais da novena arte, deste os formatos nos que cómpre entregar os traballos nas imprentas até os custos de impresión, tipos de papel e os problemas de distribución da banda deseñada. "Máis ca un proxecto económico Polaqia é un campo de probas", recoñece, "tanto desde o Punto de vista creativo coma de imprenta e de distribución", pensando na posibilidade de abordar un proxecto editorial de xeito profesional. "sería absurdo meterse nun proxecto profesional sen estar familiarizado con isto".

Metamorfoses
No período en que ían saíndo á luz estas obras, o concepto que inspiraba o colectivo mudou. "Cando arrincamos a idea era sermos pouca xente e que todos se implicasen moito", explica Kike Benlloch. "Desde entón o grupo dispersouse en certo xeito, e na actualidade os que tiramos do carro somos Brais Rodríguez, Roque Romero, Bernal, Diego Blanco, Serxio e Hugo Covelo e eu mesmo". Outros dos compoñentes orixinais continúan colaborando no proxecto mentres traballan en obras persoais ou desenvolven outras actividades. "É coma se ao comezo pensásemos que íamos ser unha banda de rock e agora fósemos unha big band". Deste xeito, o vencello de Polaqia con proxectos coma "A prueba de balas" é máis de xestores que outra cousa. "Enma xa tiña idea de publicar isto por imprenta, nós só a asesoramos en cuestións de imprenta e distribución", sinala Kike.

Os cartos
Cando se fala dos problemas que supón a autoedición, a cuestión básica é sempre a mesma. Os cartos. Compensa arriscarse? En Polaquia teñen claro que si. "O beneficio é pequeno e son apostas a longo prazo, mais comprobamos que cada proxecto que abordamos deu cartos para alimentar o seguinte", sinala Benlloch. Uns beneficios que desde logo non dan para vivir disto. "Nós non faríamos isto se tivésemos que meter cartos", completa. "A idea de que a banda deseñada é unha perda de cartos é un mito recorrente. Como a prosa e a poesía teñen máis prestixio pénsase que dan cartos, mais na realidade gañas máis facendo banda deseñada e vendéndoa ti mesmo".

Noutros lares
Para alén do traballo desenvolvido no campo da autoedición, os membros do colectivo tamén conseguen traballar fóra. Deste xeito, Benlloch e Vázquez publicaron o álbum "Freda" en Edicións del Ponent, Jano e Alberto colaboran habitualmente coa revista "Tos". Do mesmo xeito todos os autores de Polaqia son habituais da publicación periódica "BD Banda" e do colectivo Chapapote, e algúns deles, coma Benlloch ou Rubín traballaron para a xa extinta revista "Golfiño". A valía deste colectivo viuse nos últimos anos na cantidade de premios recollidos polos seus compoñente. O INJUVE en diferentes categorías de BD e ilustración, BD Banda-Concello de Pontevedra, e son xa clásicos no palmarés de certames coma o de Imaxe Artística-Banda Deseñada que se entrega cada ano en Ourense.

Proxectos
De cara ao futuro, desde Polaqia queren continuar coa publicación da revista "Barsowia", que verá o seu terceiro número para o vindeiro "Viñetas desde o Atlántico". Alén diso, preparan un álbum colectivo que recollerá obras de autores galegos, portugueses e brasileiros, aínda que a complexidade deste proxecto fai que aínda non teña unha data de saída definida. Tamén neste salón se presentará a segunda parte de "A prueba de balas", que Enma Ríos quere completar cunha terceira entrega en agosto de 2005. Mentres, continúa en marcha o longo proxecto da novela gráfica "Pinche Mundo", un guión de Kike Benlloch no que se encontran traballando na actualidade Brais, Diego e Bernal. "Será unha novela gráfica de arredor de setenta páxinas que sairá algún día". Como se pode ver, a falta de editoras, os autores vanse apañando.
Barsowia nº1 en PDF.
Aquí podes baixar de balde o número 1 da revista de banda deseñada galega "Barsowia", en formato PDF. A publicación contén obras de Miguel Porto, Manel Cráneo, Kike Benlloch, Diego Blanco, David Rubín, Víctor Rivas, Sergio Covelo, Brais Rodríguez, Hugo Covelo, Roque Romero, Bernal Prieto, Anxo Cuba e Alberto Guitián.
48 páxinas (capas a cor, interiores B/N).
Peso: 3.5 MB