O Consello da Cultura galega estreita lazos con Irlanda

A entidade organiza unha viaxe institucional e celebra en Dublín o programa Encontros Atlánticos

A entidade organiza unha viaxe institucional e celebra en Dublín o programa <i>Encontros Atlánticos</i>
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega inicia este 25 de marzo unha viaxe institucional por Irlanda coa intención de abrir vías de colaboración con diferentes entidades da illa. Canda a estes encontros, a institución organiza en Dublín o programa Encontros atlánticos. Galicia-Irlanda que amosarán a música, a literatura e o audiovisual que se realizan no noso país.

O programa da viaxe inclúe na primeira xornada reunións con Maureen Kennelly, directora do Arts Council; con Pat Guiry, presidente da Royal Irish Academy e Feargal Ó Coigligh, secretario xeral do Departamento de Turismo, Cultura, Artes, Gaeltacht, Deporte e Medios do goberno irlandés. Para o día 26 desenvolveranse encontros con Geraldine Stout e Michael Byrne, membros da directiva do Group for the Study of Irish Historic Settlement (GSIHS) canda a un almorzo de traballo na embaixada de España no país. A axenda fecha o día 27 cunha entrevista con Lynn Scarf, directora do Museo Nacional de Irlanda e un encontro con Fin Dwyer, recoñecido comunicador cultural irlandés.

De xeito paralelo a este programa, a sede do Instituto Cervantes en Dublín acollerá ao longo da semana os Encontros atlánticos. Galicia-Irlanda. Desde o propio día 25 un encontro coa participación de Catherine Barbour, Xavier Queipo e Dolores Vilavedra abordará o panorama da literatura galega actual. A sesión continuará cun recitado de poemas na voz de Alba Cid e Daniel Salgado, por parte de Galicia, e Keith Payne e Grace Wells, pola irlandesa.

Os encontros continúan o día 26 a tratar a actualidade da creación cinematográfica do noso país coa proxección dos documentais París#1 (2008) de Óliver Laxe, Ser e voltar (2014) de Xacio Baño e 30′ 70 60′ 120 (2021) de Marta Valverde, das pezas de animación, 1977 (2008) de Peque Varela e Decorado (2016) de Alberto Vázquez, e mais da curtametraxe de ficción Matria (2017) de Álvaro Gago. Un concerto de Uxía, acompañada do guitarrista Pablo Novoa fechará os Encontros o vindeiro día 27.