As 10+1 novas da cultura galega en 2021

Repasamos tendencias e acontecementos relevantes da actualidade cultural en 2021

Repasamos tendencias e acontecementos relevantes da actualidade cultural en 2021
Resulta moi difícil resumir un intenso e estraño ano como 2021, no que a pandemia determinou ritmos, hábitos culturais, políticas e mesmo contidos pero, ao tempo, amosou significativos síntomas de recuperación. Esta selección, necesariamente limitada, realizada pola redacción de culturagalega.gal é un convite a observar os grandes trazos do ano, profundizar nas tendencias e albiscar perspectivas de futuro.


Explora todas as noticias relevantes do ano



Ondas dunha pandemia persistente

Comezou o ano cun peche total, perimetraxes municipais e requisitos incompatibles coa actividade escénica e cultural. O sector cultural tiña que atender a dous tipos de cifras: as sanitarias que o condicionaban todo; e as económicas nas que se ían asfixiando ante a falta de actividade. Pouco a pouco foron volvendo á vida os espazos, abrindo as súas portas dependendo da situación sanitaria e das administracións que en cada caso fosen competentes. Así desde a oferta presencial 'cero' foron abrindo museos, salas de exposicións, teatros, cines e finalmente (moi finalmente) salas de concertos, que en marzo viviron unha tímida ampliación da capacidade, aínda que os datos sinalaron unha caída da venda de entradas. Con todo a recuperación foi mellor do agardado, segundo as cifras. A acción política de reacción tivo este 2021 como principal axente a saída dos 'Bonos cultura' que tiveron efectos moi enfocados nas librarías e comercios. As sensacións cando se puido compartir ao cen por cen os espectáculos foi de ledicia, pero remata o ano con novas incertezas e cancelacións.

As olladas de Xela

A celebración do Día das Letras Galega dedicado a Xela Arias conseguiu un importante seguimento social. A multiplicidade de homenaxes e as diferentes perspectivas das mesmas contribuíron a ampliar a festividade a espazos inéditos e lograron abordar as diversas faces dunha figura poliédrica. A abundancia de diálogos creativos coa obra dunha autora moi actual e o traballo desde as artes máis variadas evidenciaron o potencial da data en todo tipo de ámbitos. Boa mostra do alcance do Día das Letras de Xela está no feito de que esta edición da homenaxe é das que acumulou máis novas en Culturagalega.gal.


O revés da Ribeira Sacra

Unha das grandes apostas da Xunta de Galicia no ámbito turístico e cultural dos últimos anos, o recoñecemento pola UNESCO da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, ficou truncada en 2021. Un demoledor informe do ICOMOS a cuestionar os méritos do conxunto, canda á acumulación de candidaturas españolas neste ano pola pandemia, levaron a que a proposta se retirase antes de que o Comité do Patrimonio Mundial tomase unha decisión ao respecto. O espazo conseguiu, no entanto, o recoñecemento como Reserva da Biosfera por parte do organismo internacional. A Xunta anunciou, despois do revés, a súa intención de continuar os traballos para elevar de novo a proposta ao organismo internacional, con mudanzas no equipo de coordinación da candidatura e a subsanación de deficiencias.


Dona Emilia posta ao día

Se no ano 2020 as mencións a Emilia Pardo Bazán viñan maiormente da súa relación co Pazo de Meirás e as vicisitudes do inmoble, neste ano 2021 a súa figura agrandouse e transcendeu deses feitos coa celebración do seu 100 cabodano que estivo presente de diferentes xeitos todo o ano. O Concello da Coruña, as institucións culturais galegas e do Estado puxeron cadansúa achega á recuperación da memoria sobre a escritora e a súa obra. Desde exposicións e mostras, ou as artes a e literatura tamén se levaron a cabo achegas, incluíndo as musicais e teatrais, traducións, ademais de foros de reflexión e investigación para a posta en valor do seu legado. A posta ao día de Dona Emilia non estivo exenta de debates no seo da intelectualidade sobre a pertinencia do protagonismo e a proxección de valores da autora coruñesa no noso sistema cultural, pero a Real Academia Galega foi firme na súa aposta por esta reivindicación da escritora.

Unha nova etapa para a Cidade da Cultura

A inauguración do edificio Fontán foi presentado pola Xunta de Galicia como a finalización do complexo da Cidade da Cultura no Monte Gaiás. As obras do proxecto que se iniciara 2001 chegaron á súa fin logo de múltiples modificacións e de ser abandonado parte dos edificios previstos inicialmente. A nova etapa para o conxunto que marcou esta fito viuse reforzado pola aprobación do seu II Plan Estratéxico, vixente ata 2027, que prevé expandir a actividade do centro polo país e achegar ademais de incorporar un centro dedicado ás artes dixitais.


As artes escénicas galegas poñen xa a pata fóra

Era unha arela repetida durante moitos anos: ser capaces de exportar as artes escénicas de Galicia para amosar a súa enorme calidade e ademais apoiar a súa viabilidade económica alén do limitado do circuíto galego. No 2021 déronse importantes pasos nese sentido, ademais dalgúns importantes recoñecementos, como un Max e un premio en Almagro. A nova dirección do CDG ve clara esa necesidade e a compañía pública vén de atravesar varias fronteiras coas súas producións, a máis significativa a de levar o noso teatro a Latinoamérica, onde tantos galegos e descendentes de galegos viven. Ademais diso a produción escénica galega ten agora no Centro Dramático Nacional un camiño para desenvolverse. A institución estatal amosa unha gran sensibilidade e bo acollemento á nosa escena promovendo ata seis espectáculos cos creadores galegos, a presenza da anterior directora do CDG, Fefa Noia, coma directora adxunta non se pode obviar neste sentido.


Xesús Fraga, premio nacional de Narrativa

Xesús Fraga, xornalista e escritor de longa traxectoria literaria, fíxose en outubro co Premio Nacional de Narrativa 2021 coa súa novela Virtudes e misterios, unha memoria familiar da emigración ao Reino Unido protagonizada pola súa varuda avoa, traballadora doméstica e supervivente no Londres dos 60, 70 e 80. Se a novela chamaba a súa atención pola súa orixinalidade temática e o seu coidado desenvolvemento, non era menos coherente coa traxectoria anterior, como creador e xornalista, de Xesús Fraga, sempre de a cabalo entre a cultura británica e a galega.

Enfrontamento quente ata a fin da Cultura en Ourense

Na cidade de Ourense as relacións entre o alcalde Gonzalo Pérez Jácome e o sector cultural profesional non fixeron máis que empeorar durante este ano. A xestión dos espazos municipais e a denegación de axudas ou subvencións a eventos con longa traxectoria foi obxecto de múltiples críticas mesmo por parte de asociacións profesionais galegas do sector das artes escénicas. O pulso entre unha parte do tecido cultural ourensán co rexedor mantívose quente durante todo o ano con declaracións e ataques cruzados, campañas populares e en redes. Co remate do ano Pérez Jácome púxolle a coda ao conflito coa retirada da palabra 'Cultura' da definición da área municipal correspondente (que el mesmo dirixe). As augas deste enfrontamento seguiran baixando quentes en Ourense no 2022.

Os impacto dos novos parques eólicos

A Galicia do 2021 asume a vaga de novos parques eólicos dun xeito moi distinto ao primeiro gran impacto de finais dos 90 e a primeira década dos 2000. Os 275 novos parques en tramitación, que se sumarían aos 176 xa existentes nestes momentos, sumarían un impacto brutal cunha gran repercusión a nivel paisaxística, ambiental e desde o punto de vista do patrimonio cultural. Desde diferentes puntos do país, numerosos colectivos e entidades realizaron diferentes accións de protesta reivindicando unha redución ou directamente a denegación destes parques eólicos por parte da Xunta. Moitas delas dirixíronse ao Consello da Cultura Galega, quen fixo público un informe en decembro no que solicitaba "unha moratoria na autorización dos parques" que permitira unha maior revisión do seu impacto.

Datacións para alumear moitos tempos

Unha problemática característica da arqueoloxía galega é que a elevada acidez dos solos consume os restos orgánicos e fai moitas veces pouco viables o uso do famoso método do C14 para obter datacións arqueolóxicas. Pero as novas técnicas ou a mellora dos existentes, así coma o desenvolvemento dunha maior metodoloxía interdisciplinar entre arqueólogos, historiadores, xeólogos ou químicos están a crear novas perspectivas, que permiten obter resultados onde hai uns anos non era doado. De feito, neste 2021 soubemos de tres datacións importantes. En decembro, publicáronse as datacións do xacemento de Penas do Castelo (Salcedo, A Pobra do Brollón), un atípico castro, e estas revelaron por que era atípico: a súa muralla fora fundada no século IX a.C., nunhas datas moi antigas para a cultura castrexa. En setembro, coñeceuse que a maior parte do edificio cultual de Santalla de Bóveda, Lugo, foi edificado entre os séculos VII e XI, e non en época romana, como se consideraba ata o momento. En xuño, os investigadores deron conta da datación do recinto fortificado de Lomba do Mouro, entre o concello galego de Verea e o portugués de Melgaço, situando a súa muralla defensiva no século II a.C., a coincidir coas primeiras incursións romanas no noroeste peninsular. En marzo coñecéronse tamén os resultados das primeiras datacións a socalcos de cultivo da Ribeira Sacra, no Val do Frade de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), amosando que o uso agrario desas ladeiras comezou no século X, en plena Alta Idade Media, e cando menos nese espazo non se iniciaran en época romana.

E os que marcharon

E en 2021 non podemos deixar de banda a aqueles que marcharon para sempre, figuras referenciais da cultura galega en ámbitos moi diferentes. Desde o escritor Darío Xoán Cabana, o artista Paco Pestana, a científica Teresa Miras Portugal, o editor Francisco Pillado, o historiador e antigo presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro Fernández, a escultora Elena Colmeiro ou a prematura morte do músico ourensán Jaime Mateo entre outros.
Consulta a lista completa de necrolóxicas aquí