FLIV: A literatura na rede vén para ficar

O Festival Virtual do Libro de Galicia innova na presentación da cultura a través da Internet

O Festival Virtual do Libro de Galicia innova na presentación da cultura a través da Internet
Imaxe promocional do FLIV
Entre os pasados 26 e 28 de xuño desenvolveuse un auténtico maratón de actividades na rede coa literatura e a cultura do país como eixes fundamentais. O Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV), nado do confinamento, rematou cun grande éxito e a vocación de se consolidar como un novo espazo para as nosas letras.

No medio do confinamento pola crise sanitaria, multiplicáronse as propostas que achegaban ás nosas casas contidos culturais de todo tipo. Transmisións de videoconferencias, obras de teatro, obradoiros, contacontos ou concertos desde a casa ocuparon pantallas de todo o país. Foi no medio dese rebumbio que Anna R. Figueiredo, escritora e membro da directiva da Asociación de Escritores en Língua Galega, en colaboración coa revista Fervenzas Literarias e con DataLib Servizos Documentais pensaron en desenvolver un evento específico arredor da literatura do país, mais tentando fuxir da inmediatez e da fugacidade que caracterizaban moitas destas propostas. Así naceu o Festival Virtual do Libro de Galicia (FLIV) que celebrou a súa primeira xeira entre o 26 e o 28 de xuño. Presentacións de libros, lecturas, videopoemas, charlas, cursos, debates e encontros fixeron parte dun programa pioneiro que conseguiu reunir a preto de 6.000 espectadores nas 80 actividades que se celebraron da man de 136 nomes do mundo cultural galego. Cifras medias de 200 visualizacións nas presentacións de libros, 500 nas mesas redondas e unhas 450 nos recitais dan idea da atención que conseguiron os contidos desenvolvidos no marco deste formato.


Unha proposta confinada
"Comezamos a falar disto cando estabamos aínda confinados. Viamos moitas cousas por Facebook e Twitter, actividades que se facían, duraban un ou dous días, e logo ficaba arrombado no fondo do fluxo de Facebook ou se perdía. Entón a idea era facer algo que a nivel cultural atendese ao momento no que estabamos, metidos na casa, pero que tamén perdurase", explican desde a organización. Nese sentido "por unha banda pretendiamos aproveitar o que ofertaba o mundo virtual, pero ao tempo queriamos manter dalgún xeito o espírito tradicional deste tipo de actos públicos. Así, hai un emisor que é a persoa que está a falar do seu libro pero tamén hai un público receptor que pode interactuar, queriamos que non ficase todo no emisor e que ese receptor tamén tivese presenza".

O presencial a distancia
Deste xeito, o Festival apostou por lle dar unha volta á retransmisión de videoconferencias e a formatos similares que se viron en grandes cantidades ao longo destes meses. "A idea era transmitir esta sensación de presencial. A interacción é diferente cando ves a xente presente nun espazo, a dialogar cara a cara, do que cando só tes na pantalla catro caras que falan entre elas. Como receptor, este último formato non funciona ben, non anima a participar. Queriamos algo que fose máis natural" explica Figueiredo. Así, unha grande parte dos contidos deste primeiro FLIV consistiron en presentacións de obras ou mesas nas que as persoas participantes foron gravadas de xeito previo e os vídeos editados. Durante a celebración do festival procedeuse á transmisión dos mesmos mentres se abría un chat que permitía ao público facer preguntas ou comentarios que autoras e autores podían responder desde as súas casas. Malia que o seguimento nas redes foi moi positivo, con 39.600 impresións en Twitter e alcances de case 15.000 persoas en Facebook, semella que a parte de interacción non conseguiu callar no público, segundo recoñecen desde a organización. "Houbo moi boa resposta en Twitter e Facebook, pero a interacción no mesmo momento da emisión foi baixa". Na mesma liña de remedar un festival presencial, o programa artellouse en diferentes salas e mesmo unha cafetería onde se desenvolvían actividades simultáneas.

A vergoña de participar en público
Canda a este, outros formatos que incorporou o FLIV foron os clubs de lectura virtuais, que xa tiñan unha certa tradición no país. No entanto, o feito de se retransmitir no marco do festival deron tamén nunha dinamización menor destes eventos. "Eu fixera clubs que eran en grupos fechados e ao comezo sempre había algo de vergoña para intervir, pero ao final eran sete persoas que ían falando e se superaba. Nos que se desenvolveron no FLIV" a cargo de Berta Dávila e Pedro Feijoo, "ao ser en aberto houbo como un medo a que a xente desde fóra vise o que cada un estaba a dicir", apunta Figueiredo, polo que non se conseguiu toda a participación desexada. "No de Antía Yáñez houbo moita actividade, pero non se emitiu porque as participantes eran menores", explica.

Incentivo para a promoción
O escaparate foi outra sección que achegou un bo feixe de contidos ao festival, e sumou ao longo da celebración do mesmo 3.854 visitas. Na mesma presentábanse obras da man das propias persoas que as crearon mediante vídeos que nalgúns casos contaron cun intenso traballo de realización. "Na literatura galega non hai moitos booktrailers, e houbo xente que aproveitou e fixo cousas similares para as súas obras con esta ocasión", apunta Figueiredo. "Enviáronnos propostas que estaban moi traballadas. Cousas como a de Ferreñas, que era practicamente un documental, a obra de Aurora Marco sobre Carballo Calero, a de Xosé Iglesias sobre a relixión do mar, ou Irmandiñas son exemplos de como se involucraron moitas autoras e autores, que traballaron os formatos, apostaron por facer cousas novas para promocionar os seus traballos e non se limitaron a se pór diante da cámara a falar" salientan desde a organización. Do mesmo xeito "houbo quen empregou os recitados de obras dramáticas e as presentacións dos libros como escaparate para o seu traballo". A exposición virtual de videopoesía Espello, que só se puido contemplar ao longo da fin de semana, foi outras das propostas anovadoras do FLIV que tamén "conseguiu unha boa aceptación" segundo salientan desde a coordinación.

A xeración de contidos
Unha das peculiaridades do evento é a súa clara vocación de continuidade, con independencia das circunstancias excepcionais que lle rodearon o nacemento. Esta intención revélase non só á hora de planificar novas edicións, senón tamén no sentido de que o FLIV non fique restrinxido ás datas do evento e sirva para xerar contidos arredor da literatura galega que fiquen a disposición do público. Segundo explica Figueiredo. "A idea era converter o evento nunha especie de Netflix, que permite ver as cousas un pouco cando queiras". Así, fronte a "moitos eventos que desenvolveron estes meses en Internet e que logo desaparecían no fluxo de novas das redes sociais" o FLIV apostou por facer dispoñibles as súas producións no web do evento. "Pensamos que igual que acontece coa literatura galega, onde máis que bestsellers hai longsellers, tamén estes contidos terán aínda unha boa recepción ao longo dos vindeiros meses, para alén do seguimento que tivo durante o propio festival".

A resposta do sector
Logo desta primeira xeira, tanto Figueiredo como as entidades organizadoras recoñecen sentirse "contentas co resultado" e destacan a espectacular resposta que recibiron desde o ámbito literario. "Foi sorprendente a capacidade de autoras e autores para confirmar a súa participación. Persoas da talla de Domingo Villar, Camilo Franco ou Marta pazos, ou moitas editoras pequenas, subiron ao carro cando aínda nin había web do festival", lembra Figueiredo. "Practicamente todo o mundo aceptou de primeiras, non pensábamos que iamos conseguir tanto apoio".

O vindeiro
Coa intención clara de desenvolver unha nova edición para 2021, como principal reto está "conseguir máis fondos" para garantir a sustentabilidade do proxecto. A nivel de formatos, barallan por procurar espazos vencellados ao mundo do libro, como poden ser librarías e bibliotecas para seren escenario das diferentes actividades de difusión. En canto a datas, o comezo da primavera aparece como opción máis probable para a nova xeira. "Non ten sentido pisarse coa celebración das feiras do libro canto as dúas propostas pretenden facer un labor de promoción do libro. Preguntando no sector sobre que datas poderían ter máis sentido aparece o mes de marzo como unha das posibilidades con máis opcións" o que tamén facilitaría contar co sector docente para o evento. Como outras propostas barallan a posibilidade de desenvolver algunha actividade de carácter presencial que se poida transmitir no marco do evento e mais ampliar a presenza de banda deseñada, teatro, ilustración, danza e música no encontro.