O teatro de Carballo Calero: unha viaxe sen final

A publicación da Farsa das zocas revela como Carballo Calero tentou preservar a arte dramática durante a ditadura

A publicación da <i>Farsa das zocas</i> revela como Carballo Calero tentou preservar a arte dramática durante a ditadura
Lectura dramatizada da Farsa das zocas no CCG
A personalidade de Carballo Calero cubriu moitas facetas distintas. Investigador, novelista, poeta, pero tamén dramaturgo. O teatro foi unha paixón que o acompañou toda a súa vida, escribindo obras, pero tamén mantendo viva a chama do teatro galego durante a ditadura ata o inicio da democracia. A publicación do facsímile dunha das súas pezas máis representadas, a Farsa das Zocas, deita luz sobre un episodio pouco coñecido: como Carballo Calero mantivo a chama prendida do teatro e ao tempo ficou fóra da renovación do teatro galego desde finais dos 70.

A dramaturxia é unha das dimensións máis descoñecidas da polifacética obra de Ricardo Carballo Calero pero sen embargo, dun xeito ou doutro, foi a paixón cultural que a acompañou máis de longo. Foron os seus pais quen o iniciaran na afección á arte dramática, acudindo con regularidade aos espectáculos do Teatro Jofre de Ferrol. En 1983, convidado polos Cadernos da Escola Dramática Galega a explicar a súa obra teatral, Carballo Calero explicará como ao principio asistía no colo do seu pai e logo sentido nunha butaca que lle ficaba grande. Alí comezaría unha relación co teatro que o profesor non abandonaría nunca e que recrearía e recuperaría ata os seus últimos tempos.

O Consello da Cultura Galega publicou este sábado un facsímile conmemorativo da Farsa das Zocas, escrita en Esteiro (Ferrol) en 1948 e publicada por primeira vez en Grial en 1963. acompañada dun estudo de Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, no que sitúa a Carballo Calero como un "elo teatral entre dous tempos distantes", conectando os tempos da República a través da ditadura coa restauración da democracia. Pero esta historia ten un final controvertido: cando se recuperou a liberdade de representación e as obras en galego volveron aos escenarios, moi poucas compañías consideraron a obra de Carballo Calero, ata o punto de que algunhas das súas obras non foron nunca representadas, ou só no teatro escolar ou amador. "Nas oito edicións da Mostra de Ribadavia (1973-1980) –polas que pasaron unha cincuentena de grupos dramáticos que representaron máis de cen títulos– unicamente dous espectáculos estiveron baseados en títulos de Carvalho Calero", afirma Carlos Biscainho.

Un autor entre aristócratas e demócratas

Un aspecto importante da obra de Carballo Calero é a súa reclamación da normalización da literatura galega -dramática e non só dramática- a partir da produción de obras para diferentes públicos. No ano 1965, Carballo xa escribira sobre a necesidade desa diversidade. Por unha banda, "no momento actual, fainos falla un teatro de altura intelectual, ao nivel do que se representa nos escenarios máis distintos de París; ou máis ben un teatro pensado para un público menos traballado pola cultura? Esta proposta é seguramente incorrecta. Este tipo de obras é o que nos permite alternar decentemente coas literaturas estranxeiras. Pero a ampliación da base do público culto só se pode facer con pezas que, revestindo unha forma popular, alenten ao espectador inxenuo. Realmente necesitamos un e outro xeito de teatro". Carballo empregou unha frase moi elocuente: "eu atreveríame a recomendar que os aristócratas tenderan un pouco á democracia, que os demócratas tenderan un pouco á aristocracia".

Pero no teatro el situouse máis na primeira das opcións. "En realidade, obras de entretemento puro eu creo que non as escribín", confesará a Carme Blanco. Para Montero Santalha, "o teatro de Carvalho Calero encerra umha grande carga de intelectualidade: é un teatro ideológico". Pero o profesor parecerá decantarase máis da banda dos "demócratas" noutras ocasións. Será este texto da Farsa das zocas o que se achegue máis a esta idea dun teatro de raíz máis popular e aberta ao público. E de feito, foi esta peza a máis representada por parte de colectivos amadores e grupos de teatro escolares.

A Farsa das zocas recolle un conto popular de ambiente rural recollido na zona de San Sadurniño e que dá conta dunha historia de picaresca, testamentos e defuntos. Pola súa temática, foi o propio Carballo Calero quen dirixiu a estrea da Farsa das zocas en 1960, se ben de aquela o autor non quixera acreditar a súa autoría. Fíxoo no que sería o seu colexio da posguerra e no que desempeñou unha parte importante da súa actividade docente. Alí Carballo Calero botou man de todos os oficios do teatro, "exercendo de dinamizador teatral, de tradutor, de dramaturxista, de autor, de director de escena...até de apuntador", sinala Carlos Biscainho. Pero grazas ás obras de teatro, Carballo Calero ensinaba tamén fonética e prosodia galega ao alumnado. "A Farsa das zocas foi representada con frecuencia nas seguintes décadas, sempre a man de colectivos amadores", sinala Biscainho. "O título respondía en moitos sentidos -temática, duración, necesidades técnicas...- ao modelo de pezas galegas que procuraban". E das que o repertorio era moi escaso.

Lectura dramatizada da Farsa das zocas



Un mundo distinto

Durante a ditadura, Carballo Calero mantivo sempre contacto co mundo do teatro e na súa vinculación con Grial sempre levou a cabo achegas en relación á arte dramática, esforzándose en escribir non só para o momento actual senón para un futuro no que a representación do teatro galego estiera máis normalizado. Pero cando esa normalización comezou a chegar, a situación política e cultural cambiara de maneira notable. "Chama a atención que nun momento no que se estaba a recuperar a actividade escénica en galego no interior do país -desde finais da década dos 60- o teatro do ferrolán non fose considerado para as postas en escena dos colectivos que estaban a protagonizar ese momento fundacional", afirma Carlos Biscainho, quen amosa como Carballo Calero era consciente da cuestión: "veu a etapa do teatro social reivindicativo e durante un tempo non se puido facer outra cousa que atacar a Franco, á burguesía ou ao capitalismo mediante o procedemento teatral".

De feito, unha representación da súa obra Auto do prisioneiro (1969) foi declarada como "reaccionaria". Carballo explicaría con retranca que "a obra non foi escrita co obxectivo de facilitar en absoluto a revoluzón social nen política en España nen en Galiza". A súa derradeira obra, Os xefes afonda nesa desconexión cos intereses da xente do teatro do momento. "nesta obra hai un final no que os xefes dos dous bandos combatentes chegan á conclusión de que pretenden o mesmo, e hai un pacto secreto entre eles que determina que sexa cal sexa o resultado da batalla decisiva, para os habitantes do país as consecuencias a prazo medio serán idénticas".

O futuro para o que Carballo escribira o seu teatro durante a ditadura marchara nunha dirección na que el xa non formaba parte.