Busto de Ricardo Carballo Calero. Fotografía de Xosema en Wikimedia Commons.
Os lugares
Segundo sinala Rabuñal, a escolla destas tres localidades para retratar o percurso vital do homenaxeado obedece a que Carballo "está fondamente unido a elas. Ademais son cidades nas que existe unha memoria e unha pegada moi intensa del". Nese sentido, "Ferrol é a cidade natal, a da familia e das primeiras lembranzas, ademais do lugar onde se instala despois da guerra", explica o autor do roteiro. "Lugo é ese lugar onde pasa quince anos a dirixir o colexio Fingoi. Unha cidade á que sempre se sentiu moi ligado por cuestións de familia política e pola súa propia descendencia. E logo Santiago e Compostela é o lugar de estudos universitarios, pero tamén supón para el a cidade da militancia galeguista e do Seminario de Estudos Galegos. Na súa última etapa é tamén o lugar onde traballa como docente, primeiro no ensino secundario e logo como profesor universitario", completa. Cada unha das etapas propostas neste web inclúe unha explicación do seu vínculo co homenaxeado, así como textos ou citas do mesmo.
A pegada do autor nos seus espazos
A aposta polo formato roteiro para abordar a figura de Carballo Calero resulta para Rabuñal especialmente acaída, xa que o homenaxeado neste Día das Letras conseguiu deixar unha especial pegada nos lugares polos que transcorreu o seu percurso vital. Nese impacto "influíron varias cuestións, pero unha que penso non resulta menor é a súa condición de docente nas tres cidades. Isto orixinou un contacto moi extenso no tempo con moitísimos alumnos e alumnas, que ademais foron despois en moitos casos profesores e profesoras tamén. Entón ese alumnado foi unha referencia fundamental para manter viva esta memoria e intensificar a relación destes espazos co autor". Así, o biógrafo lembra "a relación con Carmen Blanco ou Araceli Herrero, en Lugo, con José Luís Rodríguez ou Aurora Marco en Santiago de Compostela, ou con Tomás Barros, Xohana Torres ou Dobarro Paz en Ferrol". Dentro da pegada do autor nos seus escenarios vitais, Rabuñal destaca o caso desta última cidade. "Debo dicir que hai unha relación moi especial. Desde Ferrol deuse unha reivindicación da súa figura que se prolongou no tempo e atinxiu asociacións culturais e cívicas, sindicatos ou partidos políticos".
Unha vida a través de tres puntos
De seleccionar tres espazos representativos da vida de Carballo Calero, Rabuñal apunta "a casa natal en Ferrol", como un imprescindible. A este suma "a sede vella da Universidade de Santiago, actual Facultade de Xeografía e Historia, onde estuda dereito" e mais, xa en Lugo "as instalacións do colexio Fingoi de Lugo, tanto as escolares como a casa na que viviu a carón de Fernández López, grande mecenas do galeguismo".
A casa
O roteiro comeza, como non, na casa natal do autor, agora en ruínas, no número 51 da rúa de San Francisco e diante da Praza Vella, onde se celebra unha feira mensual. O propio autor lembrou este lugar nun poema que Rabuñal recolle na entrada correspondente do percorrido: "Cinco duros pagábamos de aluguer. / Era un terceiro andar, ben folgado. /Pola parte de atrás daba para o Campiño, / e por diante à rua de San Francisco. / No segundo vivia a miña tia aboa: / tiña unha peza cheia de paxaros disecados / que só abria os dias de festa / para que os nenos disfrutásemos nela (...)".
Casa natal de Carballo Calero no roteiro do Consello da Cultura
A facultade
A falar da actual facultade de Xeografía e Historia, o biógrafo lembra que "en 1926 Ricardo entra na USC", onde "estudou por oficial cun historial académico brillantísimo a carreira de Dereito (1926-1931) e examinouse por libre da de Filosofía e Letras (1932-1935)". No mesmo lugar, como Presidente do Alumnado de Dereito, "pronuncia o discurso de inauguración do curso 1930-1931 e realiza o informe editado en 1931 sobre La fuerza pública en la Universidad de Santiago. En Scórpio evócase este tempo". Tempo despois, en 1965, "volverá a este edificio para ocuparse do ensino das materias de lingua e literatura galega logo da creación da Sección de Filoloxía Románica na Facultade de Filosofía e Letras compostelá", recolle Rabuñal.
Facultade de Xeografía e Historia no roteiro do Consello da Cultura
O colexio
Segundo lembra o propio Carballo nunha cita que recolle Rabuñal para explicar Fingoi, "o Colégio estava, pois, encravado numha zona rural, de acordo com a orientaçom que animava as suas actividades. Aspirava-se a centrar o ensino no meio galego, a arraigar fortemente a educaçom no ambiente do país. Rejeitava-se toda pedantaria livresca que confundisse a formaçom dos rapazes com a erudiçom infantil, despersonalizada e apátrida. Nom se tratava de educar os alunos como se fossem habitantes de qualquer país".
Colexio Fingoi no roteiro do Consello da Cultura
Unha biografía
Para alén do roteiro, o especial do Consello da Cultura achega un texto biográfico realizado por este mesmo autor. Aínda que necesariamente sintético e cinguido aos feitos da vida do homenaxeado, este resumo "procura ser unha biografía na que fiquen inseridos os elementos nucleares da actividade intelectual de Carballo Calero, que xira sempre en torno ao servizo ao país e a un compromiso permanente coa nosa lingua e coa nosa cultura. Logo tamén subliño moito a súa produción textual, non só as grandes obras ben coñecidas, como a Historia da Literatura Galega ou a Gramática elemental del gallego común. Reivindico o conxunto da súa obra literaria, moi valiosa tanto en narrativa como en poesía ou teatro. Tamén destaco a súa condición de polígrafo. Carballo era un erudito capaz de falar de aspectos do máis variado e fíxoo en moitos textos que compilou ao final da súa vida para que estivesen ao dispor das persoas interesadas", lembra.
Na súa propia voz
O especial complétase con cinco documentos de audio custodiados polo Arquivo Sonoro de Galicia. Este material, tirado na súa maior parte da colección da Asociación Cultural O Facho, permite escoitar na propia voz do homenaxeado as súas opinións sobre as relacións entre o galego e o portugués nunha conferencia a finais dos anos 80 na Facultade de Historia da USC e as semblanzas que realizou sobre Castelao, Alonso Ríos, Otero Pedrayo e Suárez Picallo. os catro deputados galeguistas históricos que el coñeceu persoalmente, nunha conferencia na Coruña en 1988. O Consello da Cultura publicou xa a correspondencia entre Carballo Calero e Otero Pedrayo e anuncia unha edición facsimilar da obra de teatro A farsa das zocas.







