Carballo Calero: A fin do confinamento

O complexo Día das Letras de 2020 promete resituar o investigador e literato no sistema cultural do país

O complexo Día das Letras de 2020 promete resituar o investigador e literato no sistema cultural do país<br />
Adiamentos, suspensións, encontros presenciais limitados ou imposibles, aulas a distancia, teatros e auditorios baleiros... A celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carballo Calero atopou ao longo deste 2020 toda unha colección de pexas e de problemas. No entanto, unha intensa mobilización a nivel social e institucional, con particular peso das TIC, semella ter conseguido ampliar a perspectiva sobre o autor e situalo nun novo lugar no marco da nosa cultura.


As limitacións para desenvolver eventos presenciais, canda á suspensión de clases físicas durante os meses de confinamento, marcaron de xeito decisivo a celebración do Día das Letras deste ano. O traslado do pleno de homenaxe da Real Academia Galega ao autor, primeiro a outubro e logo a decembro, arrastrou outros eventos e iniciativas e restoulle peso ao 17 de maio como grande xornada de celebración. Como contrapartida a estes problemas, os sucesivos adiamentos contribuíron a manter ao longo dos últimos doce meses a presenza pública do homenaxeado dun xeito constante.

Demoras
Proxectos como a xira da grande exposición A voz presente ou a inauguración da mostra itinerante que lle dedicou a Deputación da Coruña ao homenaxeado (que aínda botou a andar este mes de decembro) foron algúns dos eventos afectados pola pandemia. Canda estas, iniciativas escolares, distribución de libros de homenaxe e contidos especiais nos xornais, xornadas ou edicións de obras fóronse trasladando cara ao outono desde as datas habituais da primavera. Foi o caso do Concerto das Letras Galegas que celebra o Consello da Cultura, ou das Xornadas de Lingua e Literatura da CIG-Ensino e a AS-PG, dedicadas de xeito monográfico ao autor. Dentro das publicacións que agardaron alén do propio 17 de maio para saír á luz, ou que se viron obrigadas á demora, atopamos as realizadas por Espiral Maior (Carvalho sempre. Alustres de vida e obra) ou edicións Embora (Ferrol, a minha terra). Tamén se retrasou a banda deseñada Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra, de Através e Demo.


Unha menor produción cultural
A comparar con edicións anteriores da festa, no conxunto de actividades de homenaxe que se desenvolveron ao longo do ano destaca unha importante implicación de colectivos da sociedade civil, que achegaron as súas propostas e iniciativas de lembranza ao autor ferrolán. Pola contra, e tirado o sector editorial, houbo unha menor actividade doutras industrias culturais arredor do homenaxeado, en particular no caso da música e das artes escénicas, xa que as dificultades para desenvolver xiras dificultou a explotación de proxectos deste tipo. Así, non foi adiante o anunciado proxecto de A farsa da zocas de Fantoches Baj, e As pitas baixo a Choiva, de Ghazafellos, tivo que demorar a súa xira. No campo musical, o certame Musicando Carvalho Calero acadou un importante éxito ao reunir 78 proxectos sonoros a partir de textos do autor, pero non houbo discos monográficos dedicados a el. Neste caso, os LPs víronse substituídos por pezas publicadas nas redes da man de diferentes artistas. Tamén as apostas por roteiros dedicados ao escritor, que proliferaron no comezo do ano, víronse afectadas polas restricións sanitarias que se foron sucedendo nos últimos doce meses.

Éxito malia a todo
A recoñecer as dificultades coas que se atopou esta celebración, Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, apunta que "a situación obrigounos a moito traballo e moita imaxinación, a aproveitar e facer da necesidade virtude e a nos apoiar moito nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación". Para alén da acelerada adaptación a estes medios, a problemática derivada da pandemia "obrigounos tamén a moita comprensión, houbo que tomar decisións dun día para outro, sempre forzados polas circunstancias sanitarias. Foi un ano fóra do ordinario e hai que tomalo así". A valorar os resultados deste esforzo, sinala que o deste ano "é un balance extraordinario, no sentido de fóra do ordinario", e salienta que "desde a Academia sentímonos orgullosos do esforzo que se fixo e da difusión que está a acadar Ricardo Carballo Calero, que é o que se trata: de divulgar a súa biografía, a súa figura e a significación da súa obra para poder debatela. Isto non é algo que vaia acabar mañá, o importante é que se poida seguir discutindo e falando, reuníndose onde e cando sexa necesario", explica. Desde a presidencia da Associaçom Galega da Língua, principal parceira das institucións oficiais nas conmemoracións deste 2020, Eduardo Maragoto salienta do resultado do ano que "nengum autor ou autora anterior suscitou tantas iniciativas como Carvalho Calero. Publicações, jornadas, vídeos…" mesmo no problemático contexto en que se deu a súa homenaxe. "Acho que ficou provada a enorme força que tem a figura de Carvalho Calero. Apesar da situaçom especial que vivemos, que praticamente fijo desaparecer outros debates da sociedade, e apesar de ele nom ter praticamente chegado ao ensino (que é o âmbito através do qual se veiculizam para a sociedade as propostas do Dia das Letras), ao ficar suspenso no mês em que se celebram as Letras". Deste xeito, advirte que "é evidente que o seu conhecimento a nível popular ficou muito minguado em comparaçom ao que teria alcançado se nom tivéssemos sofrido esta crise sanitária".

Un Carballo máis completo
Se con outras figuras homenaxeadas o Día das Letras contribuíu a afondar no seu traballo e na súa biografía, no caso de Carballo a conmemoración está dar unha perspectiva máis completa sobre o autor, en grande medida oculto tras o debate normativo ata este ano. Xa no pasado mes de maio Freixanes lembraba que "A figura de Ricardo Carballo Calero, a dimensión da súa obra, vai moito mais alá da polémica ortográfica dos seus últimos anos, sen que isto signifique devaluar en absoluto a importancia da mesma". A completar esta idea sinala que "á hora de falarmos da difusión da súa obra, é certo que a opción ortográfica que defendeu na última década da súa vida condicionou un pouco a súa divulgación, pero penso que este ano houbo unha difusión importante dos seus libros, tanto nesta ortografía como nas reedicións que acometeron algunhas editoriais. Entón tanto a súa poesía como a narrativa ou o teatro, por non falar do ensaio e da investigación están accesibles. Logo hai algunhas novidades como a súa correspondencia con Otero Pedrayo, que publicaremos xunto co Parlamento Galego a finais deste mes de decembro". A maiores, sinala que "en todos os ámbitos houbo avances. Publicáronse varias biografías e traballos que recuperaron a significación da súa obra e da súa traxectoria vital. En particular en ámbitos que se cadra para o común da xente non estaban abondo comentados ou presentados, como é o seu labor na República, o seu compromiso político no galeguismo e no Partido Galeguista, a súa actuación no Seminario de Estudos Galegos. Tamén se afondou na súa dimensión como resistente na postguerra, e no seu labor no colexio Fingoi, onde se lle lembra cun enorme cariño. Púxose en relevo o seu traballo na recuperación da cultura, coas súas obras sobre lingua e literatura, ou o feito de ser o primeiro catedrático de lingua e literatura galega no país. Hai toda unha traxectoria vital e de contribución á nosa cultura, porque iso é o que caracteriza a súa obra ao longo de toda a súa vida, que agora penso que está moi estudada".

(Re)descubertas
Segundo recoñece Maragoto, como resultado do labor que se desenvolveu desde diferentes entidades mellorou en grande medida o coñecemento sobre o homenaxeado no conxunto da sociedade. "Todos e todas descobrimos algo de Carvalho este ano, porque todos o relemos de novo. Para além de que cada pessoa pudesse descobrir umha parte determinada da sua obra que nom conhecia, acho que o que foi unánime foi o redimensionamento da sua obra em geral. Para toda a gente ficou muito claro que estamos a falar de um dos autores mais importantes e influentes do século XX galego e, seguramente, do mais importante filólogo de todos os tempos". Nese sentido lembra que "nos âmbitos nom reintegracionistas havia muito desprezo em relaçom à sua obra lingüística, como se fosse menor em relaçom à sua obra crítica (que era admirada unanimemente). Isso mudou radicalmente. Pessoas que antes consideravam menor esta parte da sua obra ficárom agora impressionados ao relerem a sua gramática. Da mesma maneira, muitas pessoas que descobrírom o Carvalho Calero romancista e, sobretodo, poeta, ficárom de boca aberta. Mas como é que nom conhecíamos este autor?". En paralelo, apunta que "o seu prestígio na sociedade cresceu. Em âmbitos acadêmicos, Carvalho já era mui investigado e homenageado antes do ano 2020 e nesses âmbitos continuará a ser um referente para além deste ano". Fóra das investigacións biográficas e das propostas divulgativas sobre a súa figura, o Ano Carballo non nos deixa descubertas de inéditos ou de obras agochadas, como ten acontecido con figuras homenaxeadas en anos anteriores. "Carballo tiña bastante ordenado o seu material e a súa produción, tanto no ámbito da crítica literaria como na investigación ou na creación. Se acaso destaca a recuperación da correspondencia, tanto cos seus compañeiros de Galaxia, como Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, como con Otero Pedrayo, ou con Rodrigues Lapa, que tamén sairá publicada. Son contidos novos, pero falamos de material para especialistas", apunta Freixanes.

O ensino pendente
Coinciden os dous presidentes apuntar as propostas no ensino como as máis afectadas pola situación pandémica á hora de abordar a conmemoración das Letras. Segundo destaca Maragoto, "o trabalho nas escolas nom pudo ser tratado no seu momento, nem as condições sanitárias permitírom recuperá-lo mais tarde". Desde a perspectiva de Freixanes, o tempo perdido non impedirá que se continúe a actividade neste ámbito. "Todo o mundo está a sufrir unha situación fóra do ordinario, como dicía antes. Polo tanto hai unha responsabilidade, non só agora, senón todos os anos, do profesorado dos distintos niveis, para seguir traballando a figura de Carballo Calero e o que representa. Aí hai un labor que haberá que continuar, pero para iso están os profesionais da educación", sinala. Malia ás dificultades, o certame O voso día das letras 2020 da RAG, que recolle no web Primavera das Letras distintas propostas escolares arredor da data, non reflicte un descenso acusado neste campo. Deste xeito, se no pasado ano o espazo contemplaba proxectos duns oitenta centros de ensino, neste 2020 a cifra está en sesenta e nove. En moitos casos, o adiamento do traballo docente está a chegar mesmo aos últimos días do ano, como acontece coa Leitura Cooperativa-Expansiva de Carvalho Calero, promovida desde o IES Milladoiro, na que unha trintena de centros gravan fragmentos das obras do autor para os retransmitir, este 22 de decembro, a través da radio do IES Perdouro de Burela.

Na lingua, o debate continúa
Tal e como se anunciara, a celebración veu atravesada polo debate lingüístico arredor do reintegracionismo que Carballo Calero defendeu na última etapa da súa vida. "Este é un debate que está aí, é lexítimo e está ben que se continúe a propor, nestes tempos con moita menos crispación do que hai décadas. Nós temos moi boa relación con xente moi distinta na propia Academia e tamén con posicións diversas, non todo o mundo pensamos igual. É importante que haxa a posibilidade de discutir. O que temos que atopar despois é a filosofía común para que o idioma estea vivo na xente, que se poidan crear produtos en galego que interesen no mundo, que é a verdadeira razón da universalidade", apunta Freixanes. O presidente da RAG sinala o Simposio sobre o homenaxeado que organizou esta entidade como principal foro para esta discusión nos últimos meses. Alí "viuse moito que hai distintas maneiras de entender a Carballo Calero. Nun artigo que publiquei no último número dos Cadernos Ramón Piñeiro explico claramente en que momento e por que se abren as diferenzas entre a súa posición e outras perspectivas de investigadores. É como o vexo eu, un home que constrúe unha estratexia sociopolítica para a lingua galega a pensar no seu futuro a través da lusofonía, mentres hai outra corrente e decide e traballa fundamentalmente por coñecer e estudar o idioma vivo aquí e agora, na xente que o fala. Como dicía Ramón Piñeiro, o idioma son os seus falantes e non podemos pensar e decidir o futuro nun tubo de ensaio, temos que o facer cos falantes detrás". Desde a perspectiva do movemento reintegracionista, no marco desta conmemoración "muitos agentes culturais e políticos vírom-se em certo modo obrigados a refletir sobre o tema e a opinar sobre ele", destaca Maragoto. Segundo sinala, sen se ver capaz de calcular "se foi todo devido ao ano Carvalho Calero ou simplesmente foi continuidade de umha dinâmica que se está a ver desde há vários anos", neste 2020 "o reintegracionismo continuou a crescer, polo menos se para medirmos a sua influência temos em conta o seu impacto nas redes sociais. Hai um crescimento sustido bastante notório". Desde a súa perspectiva, "esta tendência vai continuar acabado o ano Carvalho. Eu diria que inclusive se vai multiplicar à medida que o galego se fragiliza".

A prolongación
En paralelo, outro debate, mesmo máis visible do que o anterior ao longo destes meses, foi o que se deu coa reivindicación de que se prolongase o Día das Letras dedicado ao autor ao longo de 2021. Concellos, asociacións e entidades de todo tipo reclamáronlle á RAG esta posibilidade mediante manifestos, cartas e comunicados públicos. No entanto, e tal e como se prevía logo da resposta da institución á Federación Galiza Cultura, esta opción fica descartada. Segundo explica o presidente da entidade, "a Academia ten unha posición inequívoca sobre iso. Debateuse en tres plenarios distintos e houbo unanimidade practicamente absoluta, só houbo unha voz diverxente sobre esta cuestión. E aínda cabe a posibilidade de que a Academia decida outra cousa", no pleno para designar o seguinte homenaxeado. "Eu teño que escoitar todas as voces dos membros e mesmo de fóra da Academia que no cheguen. Hai unha tradición que é que cada ano a Academia dedica o Día das Letras a unha figura. E esa figura non borra nin suprima as figuras anteriores nin a posibilidade de seguir a traballar sobre elas. A idea da Academia é continuar esa tradición, mesmo a saber que o vindeiro ano será tan complicado coma este".

Mudanzas que ficarán
Aínda que a duración da homenaxe non se vai alterar, semella claro que, como noutros ámbitos das nosas vidas, tamén moitas das mudanzas que provocou este 2020 van acabar por se incorporar ao xeito no que conmemoramos o Día das Letras. "Non foi o mellor ano, púidose facer doutros xeitos. Pero a pandemia métenos a todos a empurróns nas novas tecnoloxías e na modernidade. Moitos de nós, que traballamos de xeito tradicional, estamos hoxe colgados todo o día nas redes cunha capacidade de comunicación que antes non tiñamos", recoñece Freixanes.




"Cando celebramos o Simposio, por exemplo, a conexión cos colexios e con espazos como o Instituto Apóstol Santiago de Bos aires ou a Academia Brasileira das Letras, a xente de Barakaldo e Barcelona ou as universidades de Londres ou de San Petersburgo, que conectaron con nós, obríganos a pensar que a nosa lingua ten hoxe, como lingua do século XXI, capacidade de dialogar con todas as linguas do mundo a través destas dimensións. Temos que saber aproveitar iso e incorporar nese discurso as novas xeracións", sinala o presidente da RAG. Nesta liña, a celebración deixou un importante ronsel de contidos en liña. Para alén do propio simposio e da retransmisión do pleno en homenaxe da Academia, tamén a lectura continuada de Scórpio, coordinada pola AGAL ou as Xornadas de Lingua e Literatura da CIG-Ensino e da AS-PG pasáronse aos formatos de vídeos en liña.





Dentro das aprendizaxes que deixou a homenaxe, Freixanes destaca o espírito de colaboración que se desenvolveu. "Arredor da figura de Carballo Calero colaboramos coa AGAL e con outras institucións das que aparentemente estabamos como máis distanciados. Puideron realizarse exposicións compartidas, iniciativas como Unha palabra para Don Ricardo, documentais... e penso que isto é algo positivo. É importante poder falar, algo que sempre repito é que unha realidade viva está en permanente proceso de transformación e de enriquecemento a través do debate, da confluencia de diversos intereses. E o edificio vaise construíndo banzo a banzo, placa a placa. Hai que botar placas para seguir erguendo o edificio, nunca está rematado".


O que segue
Como perspectiva de cara ao futuro, o presidente da AGAL advirte que "Fica muito por fazer. A partir deste ano o conhecimento sobre Carvalho Calero irá para além dos meios académicos, porque a sua proposta lingüística suscita um debate que tem ido ganhando vitalidade e provavelmente continuará a crescer". A necesidade de continuar con este debate alén do ano actual é compartida polo presidente da RAG. "Viuse a necesidade de poder discutir algunhas das ideas de Carballo Calero, que haxa foros onde poder falar. O Simposio que organizou a Academia este ano tivo moita aceptación a través do seu streaming polas redes, pero non houbo ocasión de poder coloquiar sobre distintas posicións e xeitos de entender algunhas propostas que ao longo da súa vida fixo Carballo Calero. Penso que iso é algo que queda pendente para o vindeiro ano, teremos que procurar ocasións para poder falar. As obras vivas están vivas porque xeran ás veces posicións diferentes, pero como dicía Castelao, a obra é un proceso en marcha e todos temos sitio nela". Para alén do debate, o movemento reintegracionista, canda a entidades como o Concello de Ferrol, anunciaron a intención de continuar as homenaxes ao autor ao longo de 2021. "Carvalho merece umha homenagem justa e à medida da importância que tivo para a cultura galega. A AGAL vai completar as atividades que nom pudo realizar ao longo de 2020 por esta situaçom. Por exemplo, faremos umha Leitura Continuada do Scórpio presencial e completa, podendo ser a 30 de outubro de 2021, polo aniversário do seu nascimento. Voltaremos a lançar um concurso literário com o Scórpio de fundo para os centros de ensino. Ao ensino também levaremos umha expossiçom e mais Unidades Didáticas, e mais cousas que iremos anunciando", asegura. Outras campañas, como a reivindicación de que a casa natal do autor sexa declarara BIC, presentada no final de outubro, prometen continuar en marcha ao longo dos vindeiros meses, polo que non cabe dúbida que Carballo Calero ten asegurado o seu espazo na axenda cultural do ano que entra.