Un Día das Letras de excepción (Fase 1)

A crise sanitaria e a posibilidade de ampliar a celebración a 2021 marcan as homenaxes a Carballo Calero

A crise sanitaria e a posibilidade de ampliar a celebración a 2021 marcan as homenaxes a Carballo Calero
Imaxe de Carballo Calero tirada da Fundaçom Artábria https://twitter.com/FArtabria/status/1258467767751192578
A posibilidade de que Carballo Calero non tivese un Día das Letras tranquilo estaba aí desde que a RAG acordou dedicarlle esta data. Mais, no canto de debates lingüísticos, está a ser a crise da Covid-19 a que está a marcar de xeito importante a celebración. O traslado as celebracións da RAG ao vindeiro outono, a imposibilidade de eventos presenciais por mor do confinamento e as voces que reclaman ampliar a homenaxe para o vindeiro ano determinan o que promete ser unha celebración por fases. Ao tempo, a forzada dixitalización de iniciativas semella abrir novas posibilidades para a festa. Repasamos con Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, e Eduardo Maragoto, da AGAL, o xeito en que se está a celebrar o 17 de maio.


A piques de chegar ao 17 de maio, Galicia enfróntase ao que posiblemente sexa o Día das Letras máis estraño celebrado ante o momento. A Covid-19 alterou de xeito destacado unha programación estruturada e coordinada que conseguía integrar nun calendario limitado iniciativas de múltiplos axentes de todo o país. Institucións públicas, Real Academia Galega, asociacionismo, empresas editoriais, discográficas, produtoras audiovisuais e teatrais ou entidades do ámbito do Ensino están a se ver na obriga de reprogramar ou transformar as súas propostas para esta data. Á maior ou menor complexidade destas medidas sumouse un debate nunca visto na celebración, xa que diferentes entidades sociais e culturais están a reclamar que a homenaxe a Carballo Calero se amplíe a 2021, o que suporía un caso único na historia da festa. Ao igual que noutros campos, a incerteza é polo momento grande. Fica por ver o xeito no que se resolve esta pausa, cal será finalmente o tempo dedicado á homenaxe e ata que punto mantén pulo a celebración.

A dixitalización e a pausa
Este 14 de maio, durante presentación das iniciativas da Xunta coa Associaçom Galega da Língua (AGAL) para o Día das Letras, o director xeral de Políticas Culturais Anxo Lorenzo recoñeceu que "este é o ano mais dixital da historia do Día das Letras". Destacou ademais que, ao seu ver, "esta transformación dixital que se está a dar cultura galega vai ter en Carballo un dos seus primeiros exemplos. Penso que moitos destes cambios van se asentar, e na historia da dixitalización da cultura este Día das Letras dedicado a Carballo quedará marcado". E é que, como era previsible, a crise levou, ao igual que noutros ámbitos da cultura, a que se dese un incremento das propostas de celebración en liña. Ao tempo, moitas das iniciativas escolares que apostaban por este sistema de difusión tamén se viron truncadas pola suspensión das aulas. Os roteiros sobre a pegada vital do homenaxeado, que nos primeiros meses do ano apareceron como unha proposta destacada de celebración desapareceron tamén da axenda, aínda que está a posibilidade de seguir na rede o que propón o Consello da Cultura Galega. O confinamento domiciliario deixou tamén sen opcións os espectáculos anunciados arredor da obra de Carballo Calero. Propostas como a Farsa da zocas de Fantoches Baj segue pendente de estrea, mentres As pitas baixo a choiva de Teatro dos Ghazafelhos viu truncada a súa xira.

Publicacións, música e exposicións
Ao longo da primavera, tamén o ritmo de publicacións arredor do autor semellou ir diminuíndo, debido posiblemente ás problemáticas vencelladas á impresión e a distribución, á parálise do ensino ou á incerteza sobre como continuará a celebración. Algunhas iniciativas neste sentido tamén pasaron ao formato dixital, como foi o caso do libro do proxecto As pitas baixo a choiva ou do volume Os Bolechas. Carvalho Calero. Do mesmo xeito, non están a aparecer moitas adaptacións musicais da obra do autor. Sexa por complicacións para producir discos, a falta de interese en adaptar o autor ou a actual imposibilidade de realizar xiras de presentación, non se dá unha proliferación de álbums, aínda que si se poden atopar pezas soltas na rede, como os 7+2 poemas de Carvalho Calero que José Luís Fernández Carnicero lanzou en MP3, e o CD Paco Montero canta a Lumieira de Carvalho Calero, que recolle oito cancións con letras do homenaxeado son as principais propostas que se fixeron públicas neste sentido.A situación obrigou tamén a un adiamento das mostras previstas sobre o autor. Neste campo Carvalho Calero 1910-2010: Imaxe de cen anos chegou a se inaugurar en Ferrol e Don Ricardo de Fingoi en Lugo, cos seus contidos dispoñibles na rede. Este é tamén polo momento o xeito no que podemos acceder aos contidos de A Voz Presente principal proposta expositiva deste ano promovida pola AGAL e a Xunta de Galicia, que está xa no web Carvalho2020.gal e prevé poder pór a andar a súa versión física ao longo dos vindeiros meses.

As posibilidades do dixital
Malia a estas modificacións, adiamentos e incertezas, o peso que a rede está a acadar nesta edición das Letras debe ser visto como unha oportunidade, segundo apunta o presidente da RAG Víctor F. Freixanes. "As novas tecnoloxías da comunicación permiten unha difusión do discurso que debemos saber aproveitar, moito máis en circunstancias tan extraordinarias como as que estamos vivindo. A RAG está a facer un esforzo enorme para a difusión da persoa e da obra de Ricardo Carballo Calero, un esforzo como non se fixo en edicións anteriores". A importancia da rede déixase sentir, en diferentes ámbitos, e Freixanes destaca un exemplo. "Hai un dato revelador, a páxina web da RAG experimentou un importante incremento no número de visitas dende que comezou o confinamento. Sen ter en conta as buscas do Dicionario, achégase ás 25.000 páxinas vistas ao día, moitas delas de contidos relacionados coa celebración do Día das Letras Galegas. As visitas tamén se multiplicaron no portal Primavera das Letras, que ofrecemos ao público escolar dos primeiros niveis. Só dende os últimos días de abril rexistrou incrementos de ata un 187 % sobre o ano anterior (Antonio Fraguas), superando en apenas dez días as 80.000 páxinas visitadas". Mesmo coas dificultades para os eventos presenciais, o presidente da RAG insiste nas posibilidades que se manteñen para desenvolver esta celebración. "As circunstancias actuais impiden polo de agora accións de carácter presencial, certo, pero a realidade social é tamén estoutra realidade da comunicación e as redes. Somos espazos de comunicación, así se constrúen as culturas contemporáneas desenvolvidas, unha proba da modernidade, tamén dos nosos hábitos sociais. Hai tempo que o mundo é distinto, dende logo moi distinto do mundo dos nosos pais e dos nosos avós, mesmo do mundo de hai unha década".

As pexas do dixital
Eduardo Maragoto, presidente da AGAL, considera pola súa banda que o confinamento das Letras ao ámbito dixital pode impedir unha socialización axeitada do programa e dos contidos vencellados á festa. "O principal problema está relacionado com o conhecimento da sua figura a nível popular. A principal funçom das Letras Galegas é dar a conhecer autores que som conhecidos por umha elite cultural, mas que estám longe de ser populares. Lembro-me de ouvir isto a Fernández del Riego e eu concordo. E é aí que Carvalho vai sofrer as consequências desta situaçom. No ensino, nos concelhos, no comércio, etc.". Ao seu ver, "penso que o confinamento nom vai desincentivar a homenagem entre o galeguismo que o tem como referente, da mesma maneira que, apesar de nom contar com reconhecimento institucional, nunca deixou de ser publicado, estudado e celebrado por dúzias de coletivos". Nese sentido, o adiamento dos programas presenciais parécelle unha opción preferible á súa substitución por alternativas virtuais. "Obviamente, houvo atos que deixárom de realizar-se por esta situaçom que atravessamos, mas tenho a certeza que todos eles voltarám ao calendário mal a situaçom o permita. Por exemplo, a nossa Leitura Continuada do Scórpio, pola qual estávamos entusiasmados. Que ninguém tenha dúvidas que a faremos; só nom podemos dizer ainda quando, porque é um evento que precisa de muito esforço logístico feito com meses de antecedência". Na mesma liña destaca que "o principal problema que vejo tem mais a ver com os lugares em que todos esses conteúdos vam deixar de ser abordados com sossego. Com apenas homenagens digitais e sem poder refletir sobre a sua obra e pensamento no ensino, o principal âmbito através do qual se dam a conhecer as figuras homenageadas nas Letras, nom vai haver possibilidade de revalorizar a sua figura nem de fazer chegar as múltiplas ideias do autor a toda a populaçom. Essas ideias tivérom umha importância revolucionária em muitas elites intelectuais, mas som desconhecidas pola maioria dos galegos e galegas. É umha pena".

Desde a RAG Freixanes non considera que a aposta xeral polo ámbito dixital implique unha redución no alcance ou unha mudanza no tipo de contidos que se están a desenvolver arredor da data, se ben coincide en apuntar a necesidade de formatos que permitan conseguir un discurso máis fondo. "Penso que non necesariamente implica mudanzas nestes ámbitos, aínda que a dinámica da comunicación nestas novas tecnoloxías tende moito ao reducionismo, ao discurso inmediatista, que simplifica de máis cuestión ás veces complexas, que merecen reflexión estudo e debate". Ao seu ver "gañamos en extensión e perdemos en intensidade. Gañamos en capacidade para chegar a grandes masas, pero perdemos rigor, precisión e ás veces esixencia crítica. É unha das características do noso tempo fronte á cal debemos avivar o espírito crítico. Pola nosa banda, dende a RAG, e coas posibilidades que temos, intentamos manter distintos rexistros, dende as entrevistas máis demoradas a propostas didácticas de carácter estimulante ou pílulas de información, tanto na web da institución como a través das redes sociais, nas que intentamos ser moi activos. Repito: unha nova realidade".

A persoa
É de destacar o peso que están a ter nesta celebración as iniciativas que recollen testemuños de persoas que coñeceron o autor. A AGAL, o Proxecto Neo, a RAG ou o LinguagalegaTV achegan cadansúa colección de vídeos nesta liña, ao que se suman documentais e novas publicacións de antigas entrevistas televisivas ao autor, así como as xa habituais biografías que fan parte da oferta editorial de cada Día das Letras. Isto está a contribuír a revelar o aspecto máis humano do homenaxeado e a incidir en aspectos da súa biografía que ata certo punto podían ser pouco coñecidos. "A figura de Ricardo Carballo Calero, a dimensión da súa obra, vai moito mais alá da polémica ortográfica dos seus últimos anos, sen que isto signifique devaluar en absoluto a importancia da mesma. Carballo Calero ten unha traxectoria biográfica comprometida con Galicia e co galeguismo, certamente exemplar. A súa obra é moi diversa, tanto no plano da creación literaria como no da investigación e a crítica. Isto é o que homenaxea e celebra a Academia". Tamén Maragoto destaca que "em relaçom propriamente à sua biografia, é evidente que também estamos perante um dos grandes da nossa cultura. A dignidade com que assumiu as consequências de ir contra a corrente, sem fazer disso umha postura estética, som todo um exemplo das novas gerações".

A obra
Do mesmo xeito, a lectura da súa obra está a centralizar tamén moitas das propostas arredor da data, xa sexa pola relativa facilidade de artellar eventos deste tipo de xeito virtual ou polo interese que esperta o material. A Cidade da Cultura, a Deputación de Pontevedra ou os colectivos Nova Poesía Guitírica e Lareira de Soños son algunhas das entidades que apostaron por este formato de celebración. Segundo destaca Margaoto, "Carvalho praticamente nom escreveu nada à toda. Todo o que fijo tivo umha influência enorme. Penso que é por isso que toda a gente está a aproveitar o pouco tempo que teremos ao longo deste ano para centrar-se na leitura da sua obra. Antes da guerra, os seus discursos já eram os de um líder carismático. A Gente da Barreira inaugurou a narrativa em galego depois da guerra. Quanto à Historia da Literatura Galega Contemporánea ainda hoje temos a sensaçom de estar a ler Carvalho Calero quando lemos estudos literários modernos. A Gramática Elemental del Gallego Común foi a praticamente a única durante mais de umha década. As suas normas ortográficas fôrom as que usou o mundo de Galaxia nos anos 70. Para além disso foi um excelente poeta que muita gente está a descobrir agora. Que mais se podia pedir? Pois nada mais e nada menos que tornar-se o grande pensador de um movimento que, tenho a certeza, irá ganhando influência com a passagem dos anos: o reintegracionismo".

A ampliación
Entidades tan destacadas na cultura do país como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega a propia AGAL, a Federación Galiza Cultura, A Mesa, a Fundación Manuel María, a Fundaçom Artábria, diferentes entidades reintegracionistas ou formacións políticas comparten a reclamación de que Carballo precisa de 2021 para ser celebrado axeitadamente, a empregar argumentos de xustiza para a súa figura e a incidir de xeito particular na necesidade de chegar ao ámbito de ensino. Así, por exemplo a carta da AELG á RAG sinala que "as medidas que este ano serán feitas para substituír a celebración dos actos presenciais que normalmente veñen acompañados da implicación de todas as institucións e administracións, así como nos precitados ámbitos: editorial, educativo e de diversos colectivos sociais da cultura e outros, pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural". O traslado do plenario da Academia en homenaxe ao autor para o vindeiro 31 de outubro coa intención de "prolongar a celebración do Ano Carballo Calero ao longo do último cuadrimestre deste 2020, procurando minimizar o impacto desta situación de emerxencia na celebración da gran festa da cultura galega", segundo explicaba a propia institución, foi unha primeira concesión á excepcionalidade da situación. O presidente Víctor F. Freixanes recoñecía en declaracións recentes que a posibilidade ampliar a homenaxe "está aí" pero que cómpre un encontro do plenario da entidade, previsto para despois do verán, para tomar calquera decisión ao respecto. Polo momento incide en que "a nosa proposta é prolongar de xeito moi activo o ano natural, que inclúe o primeiro trimestre nas escolas. Nese período intentaremos ademais afrontar debates e simposios arredor da obra do autor. Os profesores teñen tamén unha responsabilidade nesta cuestión. Responsabilidade e oportunidade". Sobre calquera outra posibilidade "agardemos ao outono para falar. A RAG tomará no seu momento unha decisión, reunida en plenario", apunta. "O Dia das Letras Galegas segue sendo o 17 de maio. O que adiamos para o 31 de outubro foi o acto académico arredor da figura de Carballo Calero na súa cidade natal. Todo o demais segue vixente", conclúe. Como complemento a esa celebración, a Academia anunciou a realización no propio Día das Letras dunha ofrenda floral presencial ante a casa do homenaxeado en Compostela.

Días para o ensino
Para Marogoto, esta ampliación aparece como imprescindible. A prol desta medida "penso, sobretodo num âmbito, que é com muita diferença o mais importante: o ensino. Pondo-se na melhor das situações imagináveis, que as aulas voltem a começar normalmente e nom se interrompam nos primeiros meses do ano letivo seguinte (entre setembro e dezembro), nesses meses vai haver que recuperar todo o tempo perdido este ano e o calendário escolar nom dá para meter mais celebrações em nenhumha semana. As Letras Galegas som umha celebraçom do mês de maio, em que a cultura galega, sempre numha situaçom tam precária, consegue apanha fôlegos. Nom podemos levá-las para outro mês, é tanto como deixar de celebrá-las". O propio director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo apuntou tamén durante a presentación dos proxectos para o Día das Letras que "estamos a ver moitísimos proxectos culturais que se están a adiar ou prolongar ao 2021. Na miña opinión, máis persoal que institucional non me estrañaría minimamente que a RAG optase por prolongar. Os argumentos sobre a mesa son moi claros e é algo que está a pasar por todas partes". Esta reclamación pode interpretarse como unha nova mostra do integrada que está a festividade nas entidades culturais do país. "As Letras Galegas som já umha festa popular, umha das mais interessantes com que contamos na Galiza, e é bom que o povo queira intervir e intervenha. A RAG deve ouvir", sinala Maragoto. Fóra das reivindicacións de que se faga xustiza coa figura de Carballo con esa ampliación, o presidente da AGAL pensa que "a reinvindicaçom de um 2021 existiria para qualquer autor nestas circunstâncias, mas talvez fossem diferentes os agentes que reclamam essa medida".

A ortografía pendente
Esta discusión está polo momento a centrar a proxección pública desta xeira da festividade, mesmo por riba do agardado debate sobre o modelo ortográfico para a nosa lingua, que se prevía como o principal punto de conflito nas Letras de 2020. Un debate que, á súa vez, puido contribuír a ocultar a importancia da figura do homenaxeado durante anos. "Pola qualidade da sua obra, quer ensaística quer em todos os géneros literários, devia ser muito mais conhecido, nom cabe dúvida. Nom tenho dúvidas de que o Scórpio (narrativa) ou Reticências (poesia) seriam estudados na escola se nom fosse pola opçom grática que usou Carvalho. Mas também é verdade que nos âmbitos galeguistas era dos autores mais conhecidos, estudados e admirados. Quer dizer, a polémica tivo o seu pró e o seu contra" apunta Maragoto, quen de cara ao futuro adianta que "a grande homenagem a Carvalho ainda está por vir e terá mais a ver com a aplicaçom do seu ideário que com o tributo à sua pessoa". Freixanes lamenta tamén que "a polémica ortográfica supuxo na miña opinión un desgaste importante de enerxías durante máis de dúas décadas. Confundimos os signos ortográficos coa realidade da lingua, coa atención aos seus falantes, coa súa utilidade (tamén en termos económicos). Perdemos a oportunidade de concentrar enerxías no uso, na normalización, na práctica, nas escolas e nas familias, con criterios de unidade e autoestima. Introducimos innecesariamente moitísimo ruído, moita confusión, que non todo o mundo estaba preparado para entender ou asumir. Debemos pensar que a lingua son os falantes. Sen falantes conscientes, activos, orgullosos do seu idioma, non hai lingua. Ou non hai futuro para a lingua".

Para o presidente da RAG aínda é cedo de máis para avaliar tendencias no xeito en que se está a celebrar autor. "Deixemos que corra o ano Carballo Calero, coas iniciativas que aínda podemos desenvolver nos próximos meses, antes de emitir un xuízo. Por outra banda, os clásicos non morren ao día seguinte das celebracións. Os clásicos merecen seguir vivos. E iso tamén depende de nós", reclama.