O VI Cormorán Film Fest achega once filmes internacionais á Coruña

O evento celébrase entre o 13 e o 23 novembro e publica o seu primeiro fanzine

Un total de once títulos, a incluír tres estreas estatais e cinco galegas, compoñen a Selección Oficial do VI Cormorán Film Fest. O ciclo, que se desenvolve entre os días 13 e 23 de novembro na Coruña, conta con Amalia Ulman, Constantine Costi e Julius Krebs Damsbo como principais persoas convidadas.

A programación da Selección Oficial aposta por filmes que retratan distintas formas de vínculo, memoria e resistencia. Ademais das tres estreas nacionais (ILoveRuss, de Tova Mozard; The Golden Spurtle, de Constantine Costi; e Allen Sunshine, de Harley Chamandy) e das seis estreas galegas (Un Poeta, de Simón Mesa Soto; Put Your Soul on Your Hand and Walk, de Sepideh Farsi; Magic Farm, de Amalia Ulman; O Amor que Permanece, de Hlynur Pálmason; My Father’s Shadow, de Akinola Davies Jr; e 360 Curvas, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, en co-premiere con Cineuropa). Tamén se poderá ver neste apartado Ariel, de Lois Patiño e A tarta do presidente de Hasan Hadi.

Os nomes convidados participarán en diferentes encontros co público arredor dos filmes que presentan no encontro. A eles súmase a presenza do cineasta Ion De Sosa, que tamén desenvolverá unha CormoCharla sobre a súa filmografía, o cineasta Xacio Baño e a xornalista Patricia Simón, que falará sobre conflitos internacionais con especial atención á situación en Gaza.

Para alén dos filmes da sección oficial, o festival inclúe unha proxección do clásico Nashville de Robert Altman no seu 50 aniversario, outra do documental O Ulla si!, sobre o movemento Altri Non, e mais unha proxección e un coloquio de dous capítulos dunha serie estatal en colaboración co festival barcelonés Serielizados Fest.

No programa poderá asistirse ademais a dúas sesións de curtas e a un obradoiro sobre fanzines e colaxe e outro sobre a elaboración de "porridge galego" e a degustación de avea autóctona, en conexión co documental The Golden Spurtle. O evento publica nesta xeira a primeira entrega do seu fanzine, que recolle 60 páxinas de ensaios e entrevistas.

Segundo explica a presentación do evento, o festival "define o seu enfoque arredor dun cinema narrativo que observa a vida cotiá, os vínculos e a memoria, explorando novas formas de contar sen renunciar á emoción. A programación de 2025 mestura relatos íntimos e sociais, experimentación formal e voces autorais que combinan reflexión e beleza".