Concellos ao rescate da cultura

Entidades locais eríxense en apoios fundamentais do tecido cultural coas súas iniciativas

Entidades locais eríxense en apoios fundamentais do tecido cultural coas súas iniciativas
Image by Gerd Altmann from Pixabay
A cultura foi do primeiro que se parou co Estado de Alarma e será do último que se retome en condicións normais. Con esa situación xa asumida, a música, as artes escénicas o audiovisual, a literatura e todos os traballadores culturais están a agardar polas decisións das administracións estatal e autonómica para saber como se vai dar apoio ao sector ante o golpe que para eles está ser a crise aínda sen horizonte de fin do Coronavirus. Como talvez nas parcelas máis pequenas é onde mellor poden manexarse certos problemas, hai unha parte da administración do Estado que, nalgúns casos exemplares, si comezou xa a moverse e tomar posicións ou, aínda máis, comezar con novos modelos de actividade. As administracións locais, os concellos, son unha parte importante no tecido da cultura a través das súas programacións regulares, ciclos ou eventos puntuais. Segundo datos achegados polo Observatorio da Cultura Galega, no ano 2017 o gasto liquidado en cultura por parte das administracións dos 313 concellos galegos ascendeu a 138,1 millóns de euros, no mesmo período a Xunta de Galicia gastaba 75, 2 millóns e as deputacións 35,4 millóns, o que dá unha referencia sobre o peso da administración local sobre o sector cultural na nosa terra.

Mentres as asociacións e os axentes culturais reclaman xa con urxencia da Xunta algún movemento estratéxico e todos eles miran para un Consello de Ministros que vai adiando a toma de decisións cara a cultura, algúns concellos, os menos aínda, deron un paso á fronte cun apoio explícito á cultura. As posturas destes poucos que non viron problema en defender abertamente o sector cultural van desde os que fan cunha declaración de intencións para recolocar a actividade cancelada e aseguran que o investimento nesta área se manterá sen recortes neste período, aos que van algún paso máis alá e xa buscan estratexias de apoio ou xeitos de ofrecer programación cultural dentro das posibilidades do momento. Indagamos nalgúns destes casos a través das posturas dun feixe de concellos de moi diferentes tamaños e situacións.

Programacións que seguen en redes
Se ben os creadores advertiron desde o primeiro día que a imposibilidade de levar a cabo actos con público presencial non debería converter a cultura nalgo invisible e afastala do público e se lanzaron dun xeito desinteresado ás redes sociais coas súas creación musicais ou teatrais, para os administradores públicos a xestión da alarma e as múltiples frontes a atender, ademais da lentitude das administracións amarradas sempre na base xurídica de cada movemento, non foi igualmente capaz de emular esa axilidade. No relativo a velocidade de adaptación ao momento, o concello de Pontevedra e dous entidades locais da provincia de Lugo, Vilalba e A Pobra do Brollón semellan levar un certo adianto ao resto.

A proclamación do Estado de Alarma collía a cidade do Lérez no medio da celebración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil no Pazo da Cultura, o consistorio actuou con rapidez e fixo todo o posible por manter os eventos e actuacións programadas pasándoas ao formato dixital e difundíndoas a través das redes sociais. En cinco días desde o seu peche a 21ª edición deste evento pasou a funcionar de novo en formato virtual, para obradoiros, contacontos e actuacións o que comportou manter os acordos cos profesionais programados. Foi o primeiro movemento dun consistorio que tamén expresou a súa intención de non deixar de lado a cultura como algo accesorio e convocou o III Premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno en formato dixital ademais de aprobar a convocatoria das subvencións culturais 2019-2020 destinada ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro rexistradas no Concello e para o que terán en conta as actividades realizadas por vía dixital.

Na provincia de Lugo dúas localidades están tamén mantendo programación e contratación cultural usando para a difusión os medios que ofrece Internet. Na Pobra do Brollón en terra de Lemos, adaptaron o seu previsto ciclo de verán Cos pés na terraza de concertos ao aire libre, ás actuais circunstancias pasando a crear o ciclo de concertos virtuais #cospésnacasa. Os artistas que xa estaban en carteira para o programa estival están a ser contratados polo concello para estas intervencións a través das redes sociais do concello e da súa canle de vídeo Guimaralia Te Ve, creada para a ocasión. Os músicos Ale González (Los Árboles), Benxamín Otero, Laura Lamontagne & Pico Amperio e Xoán Curiel son os que levan pasado por este ciclo municipal que cada sábado ofrece unha destas actuacións en rigoroso directo.

Na comarca da Terra Chá o concello de Vilalba tamén vía no uso das redes sociais a alternativa a manter unha programación cultural propia e a demostrar que o apoio ao sector cultural non se quedaba en boas palabras. O Concello de Vilalba ven programando desde o pasado día 23 catro espectáculos que se retransmiten en liña e están dispoñibles durante 24 horas a través da canle de YouTube e as Redes Sociais do Concello. Un espectáculo de circo, outro de monicreques, unha posta en escena de malabares e a actuación dun mago ofrécense á cidadanía, xa non só de Vilalba, senón desde alía para o mundo. O espectáculo do mago Teto, previsto para o vindeiro 2 de maio, terá ademais a característica especial de ser retransmitido en directo desde o Auditorio Municipal, sen público e a porta pechada, respectando as normas de seguridade en canto ao persoal técnico que traballará para a ocasión. O feito de que o Mago Teto sexa unha figura coñecida polo público vilalbés e de que o espectáculo se faga ao vivo nun espazo tamén familiar para os veciños pode aumentar a acollida do evento, segundo comenta a edil de Cultura de Vilalba.

Sinala Vanesa Siso, concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade, que a iniciativa parte dunha observación no período de confinamento sobre a actividade cultural que moitos traballadores e traballadoras do sector levaron a cabo dun xeito altruísta o que para o concello supón o impulso a "devolver o xesto". "Como institución pública, vimos a necesidade de acompañalos nese proceso de reinvención polo que necesariamente teñen que pasar e contribuír a tratar de manter vivo o mundo da cultura", coméntanos a edil que remarca que "este é o momento no que as administracións teñen que dar o seu apoio". O proceso de posta en funcionamento levou ao concello a falar con algunhas axencias de representación de artistas e espectáculos. Descartados aqueles que para acollerse ás axudas a traballadores autónomos existentes declararan o cese de actividade e que, polo tanto, non podían facturar, aprobáronse algunhas das propostas para colgar vídeos de espectáculos xa gravados antes do estado de alarma, cunha introdución dos protagonistas destinada aos vilalbeses e vilalbesas ademais do espectáculo de maxia. Ademais o concello procurará recolocar a programación cancelada polo estado de alarma na medida que lle permitan as decisións que se tomen por parte das autoridades sanitarias.

Modelos contestados
Ante estas posturas exemplares de pequenas entidades locais, no que ten que ver cos grandes concellos as súas actitudes non sempre están nesas mesmas liñas de apoio pechado ao sector cultural. Dúas das sete cidades de Galicia veñen de ver como as súas propostas son contestadas á contra desde o sector. É o caso de Ourense e Vigo, dúas cidades cuxos alcaldes teñen en común a súa polémica exposición mediática. No caso de Ourense, o concello xa expuxo a súa intención de anular toda actividade cultural multitudinaria até a festividade de San Martiño, do próximo mes de novembro. Malia que anunciou a súa intención de levar a cabo unha programación baseada en accións de pequeno tamaño e itinerantes para que non se acumulase demasiado público a súa decisión tallante a tantos meses vista deixa fóra de axenda de eventos apoiados pola administración local citas tan importantes como a Mostra Internacional de Teatro Universitario, o festival Enclave de Cámara, o festival Corpo á Terra de danza ou a actividade do Cineclube Padre Feijoo. Os responsables destas citas amosaron no xornal local La Región a súa preocupación pola decisión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e ademais sinalaron a ausencia de diálogo co concello que non lles dá cita para reunións.

Tamén en Vigo as posturas tomadas en cultura polo consistorio dirixido por Abél Caballero veñen de obter unha resposta crítica. A Asociación de Músicas ao Vivo fixo hoxe un comunicado no que expresan o seu malestar polo "escaso apego á cultura local de base" que segundo eles amosa plataforma ConfinArte con Cultura, promovida desde o concello vigués para visibilizar propostas culturais locais, "dirixida a artistas profesionais" pero onde non se remunera o traballo profesional de artistas na situación de emerxencia na que se atopa a comunidade cultural. Unha plataforma, por certo, cun custo de desenvolvemento de máis de 8.000€", sinalan desde MAV. Para a asociación o concello de Vigo "volve a tratar aos artistas locais como meros entretedores para o confinamento, como se os músicos e músicas da cidade non comeran ou non tivesen que pagar recibos", nunha práctica que os músicos ven en liña cunha reiterada ausencia de compromiso coa cultura local demostrada por Abel Caballero noutras accións como os coñecidos concertos de Castrelos sen presencia de músicos locais.


A capital prepara plan estratéxico
A reubicación da programación cancelada neste período e unha liña de axudas económicas propia para o sector cultural son as dúas direccións nas que xa traballa o concello de Santiago de Compostela. A área de cultura da capital galega está, como outras moitas, agardando polas decisións que se tomen nos consellos de ministro e no autonómico para ver as bases xurídicas sobre as que poden asentar as súas medidas. O pasado día 17 o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, presentaba o pasado día 17 o Plan Marco de Reactivación Económica de Santiago, no que contempla 23 medidas de estímulo de crecemento e fomento da competitividade da economía local dirixidas á industria e demais sectores produtivos, ao comercio, a hostalería e ao emprego. Nese mesmo acto o rexedor tivo tamén unha mención expresa para o mundo da cultura. Sánchez Bugallo deu dúas semanas entón para presentar un plan específico de reactivación da cultura, consciente da situación aguda e de que este sector será dos últimos en volver á normalidade.

A concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón, confirma esa intención pero sinala a necesidade de ter primeiro sobre a mesa as decisións estatais para poder poñer en marcha as accións necesarias. "Ía ser no Consello de Ministros deste martes (28/04) onde se ían tomar acordos sobre a cultura, pero agora retrasouse para o vindeiro martes e haberá que agardar tamén ao que fai a Xunta de Galicia, que ten as competencias", di a edil lembrando que outras comunidades como Euskadi, Cataluña, Comunitat Valenciana e Murcia xa tomaron acordos con axudas ao sector. "Nós estamos traballando en varios plans B para poder axudar ao noso sector local, pero a incerteza e moi grande ao non saber como imos poder xestionar os espazos públicos", asegura a concelleira. "Estamos conectados cos técnicos de Promoción económica porque entendemos que o tecido cultural en Compostela ten un importante peso económico, como unha actividade máis que queremos buscar fórmulas para poder apoiar", remarca Rosón con énfase, "o noso tecido cultural ten o estatus de calquera outra actividade económica e necesita un apoio desde a esa perspectiva". Dentro da parte que ten que ver coa actividade de programación en Santiago tamén se están a explorar accións como as sinaladas de Pontevedra, Vilalba e Pobra de Brollón. "Estamos a estudiar fórmulas que nos permitan poder pagar caché legalmente sen facer un acto público ao uso, con gravacións en liña para difundir nas redes, nós estamos nesa liña e entendemos que xuridicamente é defendible, a produción vaise facer pero sen público ou con menos público e buscar a difusión a través das redes de cada cousa, concertos ou representacións", asegura a edil.

Apoios de visibilidade e sen recortes
Que nos tempos de urxencia sanitaria e coas prioridades claramente balanceadas do lado da seguridade cidadá e os servicios sociais haxa tamén un feixe de concellos que, cando menos tivesen en conta a importancia da cultura non é pouca cousa tampouco. Nalgúns casos ademais estas entidades son quen de comprometer a manter o gasto previsto antes da crise, desbotando recortes na área como se sufriron canda a crise económica de 2008, cuxas consecuencias aínda está sufrir a parte do sector que puido manterse despois. Así se manifestaba o concello coruñés de Carral que facía un comunicado público co seu compromiso cara á cultura, e amosando a inquedanza do consistorio por manter o nivel de actividade cultural "da que se beneficia a cidadanía, ao tempo que mantén o apoio e compromiso coas industrias e os traballadores culturais, un sector sempre moi precario e que neste tempo de corentena está a sufrir unhas consecuencias económicas moi complicadas", din no seu comunicado. Determinados a buscar solucións para a programación cancelada, unha das opcións que se barallan desde Carral é ampliar a programación correspondente ao orzamento de 2020 para que poida estenderse ata o entroido para o cal que están pendentes das decisións de Xunta e Deputación posto que boa parte da programación faise en colaboración con estas entidades. A intención de non perder o investimento dedicado á area cultural inspira tamén a decisión do concello de Poio que preparará un plan para retomar e dinamizar a actividade nese campo usando para iso o orzamento non usado de dos premios en metálico de concursos e certames así como dos eventos que non se puideron realizar neste tempo ou foron cancelados. O obxectivo é o fomento de iniciativas que impliquen a autónomos e entidades do sector cultural que recoñecen coma un dos "motores" do municipio.

Estas liñas de actuación e outras por deseñar son agora obxecto de reflexión de todos os técnicos municipais das áreas de cultura que están atentos as decisións que se toman estes días en canto a medidas restritivas sociais para poder devolver a actividade cultural ás súas demarcacións de xeito gradual, aproveitando as programacións preparadas na medida do posible e repensando con imaxinación e modernidade os modelos da oferta cultural para ir tecendo de novo a rede desde o local dándolle unha man onde agarrarse a unha parte da industria cultural que agora busca desesperadamente algunha oportunidade para que a tormenta provocada pola pandemia non os afunda.